Un investimento de 82 millóns de euros para traer a Galicia unha fábrica de IA enfocada no ámbito sanitario
Trátase dunha iniciativa conxunta entre a Unión Europea, distintos países e socios privados ante a que a Xunta e o CSIC presentaron o pasado mes de xuño unha candidatura.
Santiago de Compostela albergará, no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), unha das seis novas fábricas europeas de intelixencia artificial (IA) que estará centrada no ámbito da saúde e contará cun investimento de 82 millóns de euros.
Tal e como trasladou a Xunta nunha nota de prensa, así o notificou este venres a Empresa Común de Computación de Altas Prestacións Europea (EuroHPC JU), unha iniciativa conxunta entre a Unión Europea, distintos países e socios privados ante a que a Xunta e o Consello Superior de Investigacións Científicas (#CSIC) presentaron o pasado mes de xuño unha candidatura para acoller unha destas infraestruturas.
Neste contexto, a fábrica estará centrada no ámbito da saúde baixo o nome 1HealthAI, e grazas a ela adquiriranse un novo supercomputador específico para intelixencia artificial e unha plataforma de supercomputación avanzada optimizada para IA experimental e prestaranse servizos de apoio integral a empresas e centros de investigación de maneira gratuíta.
Os principais ámbitos de actuación incluirán o medicamento personalizado, o envellecemento saudable, a xestión dos recursos mariños, a biotecnoloxía azul, a agricultura, a gandaría, o sector forestal, os alimentos funcionais, os nutracéuticos, o desenvolvemento farmacéutico e de vacinas, entre outros.
Actualmente hai 13 factorías con sede en 12 países (Alemanía, Austria, Bulgaria, Eslovenia, España, en Barcelona; Finlandia, Francia, Grecia, Italia, Luxemburgo, Polonia e Suecia), ás que se suman agora as novas seis fábricas que veñen de concederse en todo o continente, unha delas en Galicia. Desta maneira, Alemaña, España e Polonia serán o tres únicos países que contan con dúas fábricas de IA no seu territorio, algo que sitúa a Galicia nunha "posición relevante no ámbito das tecnoloxías profundas e biotecnoloxía".
Para iso, a Comunidade galega ha logrado captar 65 millóns de euros para o seu sistema de investigación e innovación (41 de fondos europeos e 24 estatais) que a Xunta completará con outros 17 millóns de euros de fondos propios.
"GAÑAR EN COMPETITIVIDADE"
Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, celebrou este "fito histórico" para Galicia, un proxecto que "a sitúa na elite nas áreas de biotecnoloxía e IA en Europa" e que contará cun "equipamento tecnolóxico dos máis avanzados do mundo".
Isto, sinalou, "vai posibilitar que os proxectos, tanto en investigación como proxectos vinculados ás empresas privadas no ámbito da biotecnoloxía, no ámbito da saúde e no ámbito da intelixencia artificial poidan desenvolver e gañar en competitividade".
O despregamento da fábrica, apunta a Xunta, "impulsará a creación e o fortalecemento de startups; mellorará a competitividade das empresas; atraerá talento e creará emprego grazas ao acceso a ferramentas de IA avanzadas". Ademais, 1HealthAI promoverá desde Galicia a cooperación con outras fábricas de IA europeas que traballen en sectores relacionados ou complementarios.
Escribe o teu comentario