Dan o alta o brigadista de 23 anos ferido na vaga de incendios; os seus compañeiros de 18 e 26 anos seguen ingresados
Os dous brigadistas, como o bombeiro de 46 anos ferido, presentan aínda prognóstico grave.
Un dos brigadistas feridos no incendio de Oímbra (Ourense), de 23 anos, recibiu o alta hospitalaria, cunha evolución favorable. Mentres, os outros dous e un bombeiro ferido noutro lume seguen ingresados na Unidade de Queimados no Complexo Hospitalario da Coruña (Chuac), un deles con prognóstico moi grave, aínda que o tres están estables.
Segundo o último parte médico facilitado polo centro hospitalario, o brigadista que recibiu o alta conta con queimaduras de segundo grao e afectación ao 15% do seu corpo. Presentaba unha intoxicación por inhalación de fume, xa resolta, e evoluciona favorablemente.
Os outros dous brigadistas de Oímbra seguen ingresados no Chuac. No caso do máis novo, de 18 anos, ten queimaduras de terceiro grao con afectación no 40% do seu corpo. Presenta intoxicación por inhalación de fume e está estable con prognóstico moi grave.
Polo seu lado, o brigadista de 26 anos ten queimaduras de segundo grao con afectación no 15% do seu corpo. Presentaba intoxicación por inhalación de fume, xa resolta, e está estable con prognóstico grave.
O bombeiro de 46 anos ferido o pasado luns, 18 de agosto, continúa na Unidade de Queimados do Chuac con queimaduras de segundo grao e afectación ao 10% do seu corpo. A intoxicación por inhalación de fume foi igualmente resolta no seu caso. Está estable con prognóstico grave.
Escribe o teu comentario