A CIG xa non está soa na súa folga de profesores: STEG súmase ás protestas e chama ao resto de sindicatos

O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza súmase á folga "por responsabilidade" e abre a porta a outras forzas sindicais para unha fronte ampla na educación galega.


|

Imaxe
Manifestación en Santiago de Compostela en novembro de 2023

 

Antes de arrincar as clases, a volta ao cole deste curso 25/26 xa saltara polo aire co anuncio de CIG-Ensino de convocar unha xornada de hulega entre os docentes para o xoves 25 de setembro. Unha convocatoria que chegou de maneira unilateral e, a diferenza dos paros do curso 23/24, sen o respaldo do Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) e da Central Sindical Independente e de Funcionarios (#CSIF), que non participaron nas mobilizacións deste sábado 13 de setembro, antesala da xornada de folga. Hoxe luns, e tras dúas semanas de silencio, desde STEG fixeron pública a súa adhesión á folga, aínda que con asteriscos ante a mesma.

 

 

Á FOLGA, PERO CON MATICES

STEG foi un dos sindicatos que máis se moveu durante o verán, buscando tender pontes coas demais forzas ante a perspectiva de que só a unidade sindical podería provocar un cambio na educación galega, onde, reiteran no seu comunicado, "un ano máis, agudízase a situación de precariedade que padece o
profesorado do ensino público de Galicia". 

 

A final do pasado curso, e en conversación con este diario, desde o sindicato insistían na necesidade de iniciar un diálogo de face a lograr unha fronte ampla, especialmente despois de coñecer os resultados dunha enquisa na que unha amplísima maioría do profesorado era favorable a secundar unha folga indefinida, opción pola que votaron o 73% dos consultados. 

 

Máis do 90% dos enquisados era favorable a arrincar o curso con mobilizacións. "Unha medida así debe contar cun respaldo plural, algo que de demostrou noutros territorios como Asturias", debullaba á sombra dos resultados Miguel Paz, secretario de organización, posto que o 86% das respostas deixaban clara a súa postura ao apostar pola unidade de acción nunha hipotética folga.  

 

 

Unha burocracia desmesurada, a masificación das aulas ou o exceso de horas lectivas son algúns dos puntos que STEG comparte con outros sindicatos, recalcando un aspecto fundamental como é o da atención á diversidade e a falta de recursos para atender aos alumnos con máis necesidades, o que levou a moitos centros a protagonizar soadas protestas contra a Consellería nos primeiros días de clase. 

 

Inicio de la manifestación de profesorado convocada por los sindicatos CIG, STEG y CSIF. Praza de Cervantes. Santiago de Compostela.
Manifestación de profesorado convocada polos sindicatos CIG, STEG e CSIF. Praza de Cervantes. Santiago de Compostela.


"Desde os órganos asembleares do Sindicato de Traballadoras do Ensino de Galicia considérase necesario articular un espazo común de coordinación sindical real, con participación horizontal e capacidade de decisión compartida", convidan desde STEG, que di sumar á folga do día 25 "por responsabilidade co profesorado galego".

 

No entanto, o sindicato mantén a súa postura clara: hai que mobilizar ao corpo docente "para pór freo á política de recortes e de privatización encuberta que está a levar a cabo a actual Consellería de Educación", un obxectivo que só se pode alcanzar se todos os sindicatos, incluídos os asinantes do "acordo da misería", acoden unidos nas súas reivindicacións. 

 

 

Compartindo todas as propostas para mellorar o ensino, entre as que podemos destacar a "eliminación do control ideolóxico" ou melloras retributivas, desde STEG seguen firmes no seu intento de reunir a distintos sindicatos baixo un mesmo paraugas. Ao tempo, cren que, se non se atende ás súas demandas, "o seguinte paso deberá ser a folga idefinida", mentres que nos próximos días constituiranse "comités de folga" en distintos centros de toda Galicia. 

 

DISTANCIA

Con todo, hoxe parece moi dificil sentar na mesma mesa a CC.OO., UXT e Anpe con CIG, STEG e CSIF (este último segue sen decantar por ir á folga). A semana pasada, en conversación Ero Sante, secretario de Comunicación da Federación de Ensino de Comisións Obreiras, Galiciapress puido constatar as distancias aínda existentes entre CIG-Ensino e CC.OO. Ensino, os sindicatos con máis delegados na educación pública en Galicia.

 

 

A CIG esixe aos asinantes romper o acordo alcanzado a finais de 2023 coa Xunta, un extremo ao que non están dispostos a chegar os sindicatos, que consideran que o pacto tivo un repercusión positiva no sector e que o sindicato nacionalista permanece desde fai máis de tres lustros ancorado no "non a todo". 

 

"Hai problemas? Por suposto. Son suficientes para convocar unha folga a día 1 de setembro sen falar con ninguén?", cuestionaba Sante, partidario dunha "fronte ampla", sobre a posibilidade de acudir á folga, da que dixo que non era "nin o momento nin a forma".
 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE