Néstor Rego: "O Goberno non cumpriu todo o acordo de investidura. Agora temos que ser máis exixentes e cautos"

En 2020 o voto de Néstor Rego (1962) foi decisivo para a investidura de Pedro Sánchez e que se conformase o primeiro Goberno de Coalición. Esgotada a lexislatura e cunha nova negociación para reeditar ese Goberno, o BNG volve a posicionarse como un socio necesario xa non só para a investidura, senón tamén para os orzamentos e outros acordos de calado. O parlamentario nacionalista atende a Galiciapress despois da primeira toma de contacto co PSOE. Nesta primeira parte da entrevista, Rego aborda temas como a Axenda Galega, a amnistía ou a investidura errada de Feijóo, co que non se quixeron reunir os nacionalistas galegos. 


|

WhatsApp Image 2023 10 11 at 14.22.28 (1)
Néstor Rego | Foto: Galiciapress

 

Onte tivo lugar a primeira toma de contacto co PSOE para iniciar o proceso de negociar o apoio do BNG na investidura. Con que sensacións saíu dese encontro?

A sensación foi positiva no sentido de percibir que hai interese en chegar a un acordo co BNG e co conxunto de forzas políticas que poden facilitar a investidura. Sempre deixamos claro que o voto do BNG é un voto só posible si existen compromisos claros co noso país. Se hai unha vontade do PSOE de acordalos, significa que tamén hai vontade de que o futuro goberno asuma eses compromisos que impliquen o avance do noso país e a mellora de condicións de vida dos galegos e galegas, que é o que nos move e interésanos. 

 

Na anterior lexislatura o BNG comprometeu o seu apoio coa condición de desenvolver a Axenga Galega. Que valoración fai do trato que recibiu Galicia nos últimos catro anos? 

Temos unha sensación agridoce. Foi un bo acordo de investidura, que xeraba grandes espectativas ao desbloquear asuntos que levaban décadas esperando e significaba compromisos en moitos aspectos co noso país. Pero agridoce porque unha parte foi cumprida ou se está cumprindo, o cal está ben, e aí temos os descontos na AP-9, a rexeneración da ría do Burgo, que levaba décadas esperando e que está a rematar, melloras en materia de infraestruturas ferroviarias, como a liña Ourense-Lugo ou a conexión co porto exterior da Coruña, por pór exemplos.

 

Pero outra parte do acordo non se cumpriu por parte do PSOE e o Goberno de Coalición. Agora temos que ser máis exixentes e cautos. Nun novo acordo queremos que se incorporen medidas cunha definición clara, cun calendario preciso e con mecanismos de verificación. 

 

El presidente del Gobierno en funciones, Pedro Sánchez (i), se reúne con el diputado de BNG Néstor Rego (d), durante su ronda de contactos, a 10 de octubre de 2023, en Madrid (España). El presiden
O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez (i), reúnese co deputado de BNG Néstor Rego (d), durante a súa rolda de contactos, a 10 de outubro de 2023, en Madrid (España)

 

Pero sabemos que o mellor mecanismo de verificación é que o voto do BNG poida ser determinante en moitos casos, algo sobre o que temos certeza porque falamos duns números tan axustados que con independencia do que ocorra na votación de investidura, onde ao PSOE pódenlle sobrar algúns votos pero non moitos, ao longo da investidura as circunstancias poden cambiar. Para nós o importante é que quen chegue a acordos os cumpra. Nós cumprimos a nosa parte e lamentamos que o Goberno non cumprise con todo o que figuraba nese acordo. 

"Pero outra parte do acordo non se cumpriu por parte do PSOE e o Goberno de Coalición. Agora temos que ser máis exixentes e cautos"

 

"GUSTARÍANOS VOTAR A FAVOR DOS ORZAMENTOS PORQUE ENTÓN SERÍAN POSITIVOS PARA GALICIA"

E fronte a unha hipotética lexislatura, cales serían os eixos ou liñas vermellas do BNG para dar o seu voto favorable? 

Hai eixos que son claros. Aumentar os investimentos en Galicia. Carrexamos un déficit histórico que logo se reflicte en infraestruturas, servizos e outros ámbitos. A segunda parte é que se materialice en máis e mellores infraestruturas, especialmente ferroviarias, e máis e mellores servizos. E estou pensado por exemplo en que poida haber un servizo de cercanías en Galicia e que poida haber mellores servizos de media distancia con máis frecuencias e prezos máis baixos.
 

En terceiro lugar, existe unha crise industrial no noso país pola que necesitamos impulsar a actividade económica. Levamos un período moi prolongado de crise que supón o peche de empresas, a perda de postos de traballo… Hai que frear e reverter esa situación vinculada ao que debe ser unha transición xusta, cunha proposta de actividade económica unha vez que pecharon as dúas térmicas que había en Galicia. O cuarto punto son as políticas ambientais para atender situacións como a da ría do Burgo, pero o certo é que é necesario o saneamento da práctica totalidade das nosas rías para recuperar a súa calidade ambiental e a súa capacidade produtiva, ou frear o espolio eólico do país.
 

WhatsApp Image 2023 10 11 at 14.22.27
Entrevista de Rego con Galiciapress | Foto: Galiciapress

 

En quinto lugar as políticas sociais, algunhas de carácter xeral e que van favorecer ás maiorías sociais, pero especialmente en Galicia, onde temos os indicadores socioeconómicos máis baixos. Penso por exemplo subir o salario mínimo até o 60% do salario mínimo, en subir as pensións mínimas ao mesmo nivel que o salario mínimo ou outras máis específicas como crear xulgados de violencia de xénero no noso país. E por último está todo aquilo que ten que ver co autogoberno e o financiamento. Ten que haber un novo modelo de financiamiento que deixe de castigar a Galicia, que permita que teñamos máis recursos e, ao tempo, ten que haber vontade por parte do Goberno de España de completar todo o que figura no Estatuto e aquelas competencias reclamadas por unanimidade no Parlamento de Galicia. Pero tamén aquí ten que haber vontade por parte do Goberno de Galicia de reclamalas, e até agora faltou esa vontade por parte do PP, polo que a conclusión ten que ser que debe existir outro goberno na Xunta que reclame e exerza como Goberno de Galicia para que reclame esas competencias. 

 

O PSOE, ademais do voto para a investidura, persegue tamén a confianza das forzas progresistas para os próximos orzamentos. O BNG xa demostrou no pasado que o seu era un voto caro e sempre se opuxo ás contas presentadas polo Goberno. Tratouse este asunto no encontro con Sánchez?

Si, de maneira xenérica, e estamos en disposición de falar dos primeiros orzamentos, e aseguro con rotundidade que nos gustaría votar a favor dos PGE, porque significaría que son bos para Galicia. Ese é o problema que nos atopamos en anos anteriores. Non é de recibo que os primeiros orzamentos do Goberno de Coalición en 2021 baixasen a partida destinada a Galicia en 104 millóns de euros en relación cos últimos do PP, cando o PSOE entón cualificounos como unha labazada a Galicia. Eran inaceptables e o BNG opúxose a eses orzamentos que discriminaban a Galicia nun contexto no que subían os investimentos noutras comunidades, nalgunhas por riba do 50%.
 

Mellorou un pouco o seguinte exercicio, onde se superaron os 1.000 millóns de euros, pero moi lixeiramente, e aí o que fixemos foi absternos, onde tamén figuraban aspectos cos que non concordamos, como ese incremento brutal no gasto militar, que foi o que máis subiu. Insisto: gustaríanos falar dos orzamentos e votar a favor duns orzamentos que tratarían con xustiza a Galicia. Pero temos claro que o voto do BNG está para defender os intereses do noso país. Se se presentan propostas nesa dirección van atoparse o apoio do BNG. En caso contrario, o que van atoparse é ao BNG enfronte. 
 

LINGUAS COOFICIAIS, AMNISTÍA E INVESTIDURA ERRADA

Até agora, o que si se viu foi a predisposición para unha certa unidade entre as forzas progresistas, e viuse na composición da Mesa do Parlamento e na aprobación do uso das linguas cooficiais. Este último aspecto, non chega talvez moi tarde?

É evidente. Podemos dicir que se tería que haber dado fai 45 anos. Pero ben está que chegue, aínda que sexa como consecuencia da capacidade que temos o conxunto das forzas soberanistas de condicionar as políticas do Estado. 


Incluso atopando oposición no Congreso.

É algo sorprendente. Que o expresidente da Xunta vote no Congreso en contra de que o galego, que tiña a obrigación de defender como presidente da Xunta, poida ser unha lingua de uso normal na Cámara, resulta esperpéntico e sintomático das políticas contrarias á lingua do PP. Pero é certo que o PSOE, que fixo hai dous meses da necesidade virtude, tamén se opuña ao seu uso. Recordo que na pasada lexislatura, como deputado do BNG, retiróuseme en varias ocasións o uso da palabra por utilizar o galego, mesmo na defensa dunha proposición de lei que fixemos de forma conxunta nove forzas políticas para modificar o regulamento.
 

É xustamente o que acaba de facerse agora xa o defendemos en xuño do ano pasado. Nese momento non puiden acabar a intervención, a pesar de que como quedou demostrado non había ningún artigo no regulamento que establecese unha lingua de uso, non dicía nada nese respecto, pero agora dio. Na primeira sesión na que se aprobou a modificación do regulamento, antes da súa aprobación, puidemos facer intervencións na nosa lingua. Era só unha cuestión de vontade política. Alegrámonos de que chegue agora, pero si chega moitos anos tarde algo que debería ser normal como é recoñecer a pluralidade lingüística do Estado español. 

 

En calquera caso o BNG é só unha das moitas pezas que o PSOE ten que encaixar para alcanzar os apoios necesarios. Apoios que pasan pola tan comentada amnistía aos procesados do procés. Cal é a postura do BNG respecto diso? Considera necesaria esa Lei de Amnistía que propoñen algunhas forzas políticas?

Sempre defendemos que os conflitos políticos debense resolver pola vía política e non xudicial. Non o dicimos agora, dixémolo sempre e precisamente no momento no que eses feitos estaban a ocorrer e cando tivo lugar o proceso xudicial aos líderes independentistas cataláns. Actuamos con coherencia: hai que desxudicializar a vida política, hai que resolver os conflitos políticos pola vía política e nunca pola vía xudicial. Somos favorables a que agora se poida dar un paso nesa dirección. 

"Sempre defendemos que os conflitos políticos deben resolver pola vía política e non xudicial. Actuamos con coherencia"

 

Hai que esperar a coñecer o texto concreto, pero isto suporía un avance na democratización do Estado, dun réxime como o do 78 con moitas lagoas desde o punto de vista democrático, a das linguas cooficiais era unha delas. Ese é un avance democratizador, e esa proposta debe ir dirixida na mesma dirección e esperamos que saia adiante. A amnistía non é só unha cuestión por Cataluña, é por todos nós, porque é un paso nunha liña democratizadora. 
 

Vimos dunha sesión de investidura errada cando xa desde o primeiro momento era evidente que Feijóo ía ter moi complicado reunir os apoios necesarios para saír investido. Os tempos en política son os que son, pero moitos cidadáns poden estarse a preguntar si era realmente necesario, se non foi unha perda de tempo se agora poderiamos ter un Goberno que non fose provisional. Que opina?

Estou convencido de que foi unha perda de tempo para a cidadanía. Era evidente de que esa era unha investidura errada e que o único obxectivo de Feijóo era tentar con ela afianzarse como dirixente do Partido Popular fronte ao fogo amigo, ás críticas internas e aqueles sectores descontentos que queren moverlle a cadeira. Esa foi a razón pola que o BNG non quixo participar nese paripé. Sempre dixemos que somos unha forza en disposición de falar con todo o mundo sempre que sexa para que o noso país avance, pero non imos perder o tempo nin colaborar nun paripé partidista, cun obxectivo interno, porque iso evidenciouse na intervención de Feijóo no Congreso, onde mencionou expresamente necesidades coas que se compromete de cada unha das comunidades autónomas excepto de Galicia é sintomático do papel que lle correspondería ao noso país nun hipotético goberno de Feijóo. 
 

 

Isto é o que ocorreu. Logo non pode dicir que as necesidades de Galicia coñéceas. Se as coñece debe asumir compromisos claros como asumiu por dúas veces compromisos coa industria vasca. Eu lembreille que en Galicia levamos moitos anos vivindo unha crise industrial que supuxo o peche de moitas empresas. Non ten nada que dicir respecto diso. Esa foi a evidencia palpable de que o Goberno de Feijóo sería letal para o noso país, como así o foron os seus gobernos da Xunta. 


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE