Marta Lois (Sumar): "Hai dúas opcións: ou a Galicia en branco e negro de Feijóo ou a Galicia que vén con Yolanda Díaz'"

Marta Lois, candidata de Sumar, protagoniza a segunda dunha serie de entrevistas de Galiciapress a cabezas de lista das principais forzas políticas de camiño ás eleccións xerais do 23 de xullo e que arrincou o pasado martes coa entrevista a Néstor Rego, do BNG

 


|

Marta Irene Lois González (1969) é presidenta de Sumar e cabeza de lista pola Coruña na formación que encabeza Yolanda Díaz para as eleccións xerais. A súa experiencia en Compostela Aberta, onde foi concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo no goberno de Martiño Noriega -logo foi a portavoz da marea compostelá- levouna a dar agora o salto á política nacional como unha peza importante no proxecto de futuro de Sumar.

 

Lois atende a Galiciapress coa lección apresa do que lle ocorreu a En Marea, a anterior esquerda á esquerda do PSOE, pero coa convicción de que o 'estilo Yolanda' e a política útil que predicou a vicepresidenta son o mellor aval para chegar até a Moncloa. 

 

As aspiracións de Sumar tamén con vistas ás próximas eleccións autonómicas, a inquietude que lle suscita as políticas homófobas e machistas da ultradereita, as negociacións con Podemos e o paso atrás de Irene Montero ou os retos da economía galega, outros puntos desta conversación.  
 
Marta Lois
Marta Lois | Foto: Galiciapress
 

A primeira pregunta é a que se fan aínda moitos electores e algúns medios de comunicación: que é Sumar? Como podemos definir a esta gran coalición de esquerdas?

Sumar, ademais desa gran coalición, é tamén un movemento cidadán. Levamos un ano practicamente con procesos de escoita en todo o Estado. Moita xente vinculouse a eses grupos de traballo, espazos nos que colectivos, activistas, académicos, de forma xenerosa e voluntaria achegaron unha serie de medidas e programas para pensar unha axenda para os próximos 10 anos. Esa pata da sociedade civil está incorporada no marco do que entendemos por Sumar. Nestes últimos anos é o espazo de coalición na esquerda con maior músculo e éxito para aglutinar á esquerda á esquerda do PSOE.
 

O importante é identificar toda esa musculatura da sociedade civil. En Galicia, por exemplo, hai máis de mil persoas inscritas en Sumar, con ganas de apoiar e involucrar na política útil, a que mellora a vida da xente. 
 

En Galicia as enquisas, aínda que aínda hai que collelas con pinzas, dan até dous representantes a Sumar pola Coruña e Pontevedra. Nas eleccións de 2015 En Marea arrincou seis escanos. Pensa que é posible repetir ese fito?

As enquisas que saíron estes días hai que tomalas con cautela. É un bo comezo. Como di Yolada Díaz en Sumar saímos a gañar. Saímos a gañar porque entendemos que a política e o ‘estilo Yolanda Díaz’ é un estilo reconocible polos galegos e galegas, por tanto queremos que ela forme parte do próximo Goberno como presidenta. Todas as enerxías están enfocadas a iso, pero haberá que esperar a ver como se produce a campaña e a súa dinámica. 

 

 

A gañar e con optimismo. Somos a única forza política emerxente e, ademais, Sumar Galicia ten vontade de chegar para quedar, de tecer e construír un espazo onde sentan representadas as persoas galegas e progresistas do país. Iso é o que queremos e o que representa Sumar Galicia. 
 

Con iso que di cabe preguntar, podería ser Marta Lois candidata á Xunta nas próximas eleccións por Sumar Galicia? 

Esa pregunta non ten cabida agora mesmo. O que si ten cabida é dicir que Sumar Galicia nas próximas eleccións galegas presentarase, tecendo unha rede coa sociedade civil e presentarase coas persoas progresistas de Galicia. Sumar Galicia vaise a presentar ás autonómicas.

 

"APRENDEMOS DO OCORRIDO CON EN MAREA"

Citaba a En Marea porque a desunión dentro das mareas foi a que rompeu este movemento, que pasou de liderar a oposición en Galicia a desaparecer da cámara autonómica. Viuse mesmo nas pasadas eleccións locais, onde mesmo houbo listas alternativas. Por que é tan difícil chegar a puntos de encontro se as diferenzas deberían ser mínimas?

Coincido. Moitas veces as discrepancias ou tensións que se puideron dar no pasado con diferentes espazos débenos servir para aprender que iso non pode volver a acontecer. A xente quere á esquerda transformadora unida, e ten que ir xunta. Unha das apredizañes máis importantes deses procesos convídannos a aprender e a deixar atrás esa etapa para construír unha estrutura integradora, plural, amable, onde todas e todos poidamos estar, de forma de que unidas as persoas darannos unha resposta positiva. Se imos divididos, como ocorreu outras veces, a cidadanía entende que non é a fórmula, e compártoo. 


Vostede foi unha das primeiras incorporacións de Sumar. Que lle seduciu do proxecto de Díaz para dar ese paso?

A maiores da relación persoal e a confianza que manteño despois de moitos anos de relación con Yolanda, a maiores da excepcional folla de servizos impecables de boa gobernanta como demostrou, porque convén lembrar que neste goberno foi a vicepresidenta a que puxo sobre a mesa a política útil, un estilo recoñecible para ocupar cousas concretas. A Reforma Laboral foi un fito que permitiu que moitos galegos e galegas, con datos de 2022, visen como melloraba nun 200% a contratación indefinida. O ‘estilo Yolanda’ e a súa capacidade de boa xestión significou a subida do SMI, medida da que se benefician moitos galegos. A Lei de Vivenda, a subida do 8,5% das pensións nun país como Galicia cunha alta porcentaxe de persoas maiores e pensionistas…esa é a política que importa á xente.
 

(I-D) La concejala de Compostela Aberta (CA), Marta Lois; la candidata a la Alcaldía de Santiago por Compostela Aberta (CA), María Rozas y la vicepresidenta segunda y ministra de Trabajo y Economía
Marta Lois coa candidata á alcaldía de Santiago por Compostela Aberta (CA), María Rozas, e a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía, Yolanda Díaz | Foto: EP

 

Todo isto sen triunfalismos. Yolanda sempre o di e por iso impliqueime en Sumar desde o primeiro minuto. Aínda hai moitas familias pasándoo mal, como cos prezos dos alimentos, as hipotecas, os prezos dos alugueres… O que ocorreu estes anos, e por iso súmome e Sumar, como forza emerxente que conta coa sociedade civil, é o espazo político da política útil. Eu quero estar aí. Veño da política municipal, un lugar no que a política é a administración máis próxima á cidadanía, e entendo que Sumar é xusto iso, a forza política máis próxima ás persoas. 

 

Unha parte dos votantes de esquerdas poden ter certos receos con Sumar por como se xestionaron as negociacións con Podemos e por non incorporar a Irene Montero nas listas. Algunhas voces poñen en valor o legado da ministra de Igualdade e outras a consideran responsable da polémica que suscitou a ‘Lei do só si é si’ con motivo das rebaixas de condenas e excarceracións. Como o ve vostede? Por que Montero non podía integrar este proxecto? 

Parto da base de que o traballo de Irene Montero e do Ministerio de Igualdade foi excepcional e no seu conxunto todas as políticas en materia feminista, de dereitos para as mulleres, están á vangarda de Europa. Esa carta de servizos fainos referentes, avalo ese traballo e síntome orgullosa diso. 


Dixémolo estas semanas cando empezamos a pensar na construción das listas. Houbo un esforzo importante de renovación, de implicación, de caras novas, onde o importante é falar do que e non o quen. A maiores de Irene están Alberto Garzón, Jaume Asens, Antón Gómez-Reino…persoas que deron un paso atrás para empuxar por Sumar pero noutro rol. Renovar a política é un espazo de responsabilidade colectiva, non do quen senón do que.

"O traballo de Irene Montero e do Ministerio de Igualdade foi excepcional e no seu conxunto todas as políticas en materia feminista, de dereitos para as mulleres, están á vangarda de Europa"


Vostede deu agora o salto á política nacional directamente desde a política municipal. Ao non formar parte do último goberno, pode dar unha perspectiva da lexislatura desde o punto de vista dunha cidadá. Que balance fai deste Goberno de coalición?

O balance deste goberno de coalición é que a figura de Yolanda Díaz e de todo o relacionado con Unidas Podemos foi fundamental para que as políticas de Sánchez chegasen a ser políticas útiles. A Reforma Laboral, a subida das pensións, a Lei de Vivenda, os bonos para as persoas mozas… Políticas, por certo, que non contaron co apoio nalgúns casos do BNG. Tampouco do señor Feijóo, que se foi a Madrid e todos os galegos e galegas sabemos dabondo as políticas que fixo en Galicia, os bulos e mentiras que conta sobre a situación económica de España. Vivimos nun momento na perspectiva, comparada con outros Estados, é moi positiva e boa. 

 

Sumar, tanto en Galicia como a nivel estatal, é chave para seguir avanzando en dereitos, para ensanchar a democracia, e para seguir facendo política útil, feitos concretos que melloren a vida da xente que segue estando moi machucada, que necesita dun goberno que non mire cara arriba, senón cara ás maiorías sociais. A disxuntiva ante a que nos atopamos é: ou Feijóo ou Yolanda Díaz, porque no contexto galego non hai alternativa. Ou mirar ao pasado, a esa Galicia en branco e negro, ou á Galicia que vén, e Sumar vén para iso, para ensanchar dereitos co ‘estilo Yolanda’. 


Que é o ‘estilo Yolanda’? É unha forma pola que con fortes conviccións pódese chegar a acordo escoitando. Iso, e na liña do comentado antes con En Marea, é o que temos que aprender de todo ese ruído e deses momentos nos que non foi posible atoparnos xuntos. A política é negociación. Hai conflitos que son a esencia da política, pero as fortes conviccións da política útil pasan por escoitar e dialogar. E a vicepresidenta leva todos estes anos demostrando que se pode facer. 

 

"FEIJÓO FOI UN ADIANTADO EN RECORTAR DEREITOS ÁS MULLERES"

Di que a elección está entre Feijóo ou Yolanda. 

Claramente.

 

O martes a Xunta Electoral Central mandou retirar a lona colocada en Madrid por Vox na que se vía como arroxaban ao lixo a bandeira do independentismo catalán, a axenda 2030, un símbolo feminista ou a bandeira do Orgullo. Con motivo do 28 de xuño, o colectivo pode pensar que se retrocedeu e pensar que España é un espazo cada vez máis inseguro. Asústalle a posibilidade de que poidan gobernar estas ideas?

Asústame. Preocúpame moitísimo. Cando digo que a disxuntiva é entre Feijóo e Yolanda no contexto galego refírome a que non é só Feijóo, é Feijóo coas políticas de Vox, que cada día compra máis o Partido Popular en concellos e comunidades autónomas. Basta con ver Valencia, basta con ver como Guardiola hai apenas unha semana defendía os dereitos das mulleres e as persoas LGTBI ou os refuxiados, para que dous días despois unha chamada de Feijóo “onde dixen digo, digo Diego”. Non é Vox. É Vox co PP, que cada día blanquea a extrema dereita e está máis na extrema dereita.


O 28 de xuño o que hai é que conmemorar o dereito de que cada persoa ame a quen queira. Somos diversas. Hai que apostar sempre polo recoñecemento de dereitos das persoas LGTBI. Hai pouco formei parte dun equipo técnico para o Consello da Cultura Galega para un estudo sobre a situación do colectivo en Galicia e hai moitísimos datos e información sobre a necesidade dese recoñecemento, de que as políticas públicas sigan avanzando e nos últimos anos avanzouse moito. 

 

 

Pero si Feijóo, con Vox, que nesta materia ou cuestionando a violencia de xénero, afirmando que “un divorcio duro” é exculpatorio das violencias machistas… Sinto vergoña. Non está lexitimado para ser presidente. Coidado, que Feijóo non é o que se construíu a través da mercadotecnia en Galicia nunha contorna mediática favorable no ámbito público. Feijóo nunca foi moderado. Pode dicir A e B ao mesmo tempo, contradicirse e quedar tan ancho. Hoxe xa comprou todas as teses de Ayuso. Votalo a el é votar tamén a Vox, porque desde o punto de vista dos dereitos das mulleres, da violencia machista, dos dereitos LGTBI, é un paso atrás de máis de 20 anos. 
 

Onte tamén parece que se clarificou un pouco como van ser os debates, nunha televisión privada. Serán, ao parecer, menos dos esperados e mesmo menos dos que expuxo vostede mesma onte para celebrar na TVG. Cre que Feijóo está a evitar os debates? E, cre que PP, PSOE e BNG recollerán a luva que lles lanzou?

Fomos moi claros. Fixen un comunicado esixindo debater. A xente quere escoitar aos candidatos e candidatas. Quere valorar, quere comparar. En democracia o dereito á información, os debates públicos nos entes públicos é un dereito fundamental. Para escoller quen nos presentan a partir do 23 de xullo no Goberno e no Congreso necesitan escoitar. Queremos un debate sobre os principais problemas que preocupan á xente. Pode ser a través do CIS ou outras entidades. Queremos un debate sobre a situación económica e o emprego e queremos un debate sobre a igualdade para saber que pensan, cales son as accións que vai facer Feijóo con Vox e que xa están a facer noutras comunidades, como desmantelar a estrutura institucional feminista. Tamén o fixo aquí. 

 

Feijóo sempre vendeu a súa imaxe de moderado, pero en materia de políticas feministas el é pioneiro en retrocesos, en leis de familia, en políticas que restrinxen os dereitos afectivos e sexuais das mulleres. As políticas antiabortistas, que están aprobadas nas leis de familia por Feijóo en Galicia, foron pioneiras. A súa alianza con ‘RedMadre’, con colectivos antiabortistas, forma parte da súa haber durante máis de 14 anos en Galicia. Non é que estea Vox, é que Feijóo en Galicia xa foi un adiantado en recortar os dereitos das mulleres. 


Como investigadora traballou en diversos estudos de xénero e políticas públicas de igualdade. En Sumar a voz das mulleres ten un peso que non ten ningunha outra formación estatal. Nun hipotético Goberno do bloque progresista, continuaríase coa carteira de Igualdade? Cales serían as políticas a abordar nese ministerio? Vostede xa estivo á fronte dunha concellaría dese ámbito cun éxito rotundo como a campaña ‘En Negro contra as violencias’… 

Sen dúbida. Cando estes días escoitamos a dous señores esixir unha ‘cara a cara’ a vicepresidenta lembrou que a política xa non é un debate entre dous señores, senón que as mulleres contamos e desempeñamos importantes funcións. Sen dúbida un ámbito vinculado ao feminismo e a igualdade, aos dereitos das mulleres e do colectivo LGTBI. Vai ser un dos elementos estratéxicos e das prioridades de Sumar e de Sumar Galicia. O Ministerio de Igualdade estivo á vangarda europea e debemos seguir nesa liña. 


EMPREGO, RENOVABLES, AESIA...

Conversando o luns con Néstor Rego dicíame que Galicia non está entre as prioridades nin de Sánchez nin de Feijóo. Estao nas de Yolanda Díaz? 

Yolanda é galega. 

 

Tamén Feijóo...

Si, pero ela ten un expediente extraordinario de política útil. Fixo unha Reforma Laboral pola que en Galicia se beneficiaron máis de 531.700 mulleres desta medida, a cifra máis alta desde 2008. Outro dato que demostra que lle importa Galicia: o SMI, en 2023, beneficiou a máis 106.000 traballadores. As políticas útiles permitiron case 350.000 contratos indefinidos. O BNG, en ocasións, tira dunha certa retórica esencialista sobre os intereses de Galicia en abstracto, pero á xente o que lle interesa son os feitos. As pensións, o salario mínimo, as traballadoras do fogar, nunha reforma á que se opuxeron PP e BNG.

 

É tempo de políticas útiles e non de grandes titulares retóricos. Hai moitos máis datos, pero me parece interesante e innovador un aspecto que ten que ver cos coidados, que é traballar menos para vivir mellor. Yolanda Díaz presentou hai uns días unha proposta que é a redución da xornada laboral. Se nos miramos con Europa temos un número de horas traballadas ao ano moi elevada. A xente chega a casa esgotada, non pode conciliar ou dedicar o seu tempo libre ao que queira. Temos novas tecnoloxías, capacidades para reverter isto e buscar que a xornada laboral e os horarios sexan axeitados para o descanso, para o coidado, para vivir mellor. Cantas veces non nos vemos cun exceso de horas? Hai taxas moi altas de produtividade, polo que é a hora de reducir a xornada. Yolanda expono e iso chega aos galegos e galegas. Hai que respectar aos traballadores, os horarios hai que respectalos e iso é algo que podemos aprender das medias europeas. 

"O BNG, en ocasións, tira dunha certa retórica esencialista sobre os intereses de Galicia en abstracto, pero á xente o que lle interesa son os feitos"

 

Máis allás desas cifras, que poden ser boas, Galicia ten outras urxencias, cales son as actuacións máis urxentes que pode facer o Estado para mellorar a vida dos galegos e galegas? O traspaso da AP-9, mellores conexións ferroviarias…?

Nos próximos días debullamos puntos importantes do noso programa. Sobre a AP-9 simplemente dicir o que denunciamos desde hai tempo: a AP-9 debe ser pública e, na medida do posible, gratuíta para os galegos e galegas. Sumar Galicia traballará para iso. As conexións ferroviarias son outro elemento importante no país tendo en conta a dispersión xeográfica que existe e o peso do rural. Apostouse máis pola Alta Velocidade que polos trens convencionais, Media Distancia ou os Cercanía. Desde Sumar Galicia queremos apostar por melloras no tren convencional, queremos dotar presupuestariamente de proxectos de tramos de Media Distancia, máis frecuencias, máis servizos, mediante a electrificación total da rede ferroviaria. Son só algunhas propostas das moitas que iremos debullando. 
 

En Galicia asistimos nos últimos anos aos peches de empresas e vendo como caía parte do tecido industrial. A transición ecolóxica será unha das claves da economía os próximos anos e Galicia pode xogar un papel destacado na produción de enerxías renovables con proxectos que van desde a eólica mariña até plantas de hidróxeno verde. Cal é a proposta de Sumar neste sentido?

Temos moitas propostas no referido ao emprego. Os datos positivos deste momento aínda nos obrigan a mellorar si comparámolos con outras comunidades. Apostamos por un ‘Plan especial de emprego de Galicia’, unha dotación financeira a cargo do estado, cun plan plurianual que poida xestionar a Xunta pero que permita meter moitos recursos nun plan específico. 
 

Esta semana estiven en Noia, falando con colectivos ecoloxistas, coa Marea de Noia falando das verteduras e a ría, da industria do mar, da súa produtividade e de como necesitamos protexer todo iso. Desde o punto de vista do mar apostamos por un ‘Plan integral de xestión e protección do emprego nas rías galegas’. Queremos que haxa un deseño e a implantación dun plan estratéxico, que estableza os obxectivos de resiliencia ambiental e ecolóxica, que haxa sustentabilidade, polo que axentes políticos, económicos, científicos e sociais teñen que estar implicados. 

 

Sobre as renovables falamos de algo moi importante. Preocúpannos moito. Ten que haber unha planificación, non pode haber barra libre. O desenvolvemento das infraestruturas das renovables debe facer baixo criterios que, desde o noso punto de vista a día de hoxe, todo o modelo que hai en Galicia é concentrar os beneficios en mans de grandes empresas e externalizar os custos sobre os galegos e galegas. Queremos que as renovables sexan importantes para esa transición ecolóxica e fáganse baixo un estrito criterio de impacto cero a nivel ambiental, unha aposta cunha distribución territorial e de reversión de beneficios non nas grandes empresas, senón nas comunidades e os territorios. Hai que acabar co modelo extractivista. Véndese a enerxía verde e ao final son modelos extractivistas que levan deterioracións sociais, territoriais e ambientais. Renovables si, pero con impacto cero e que se distribúa desde a proximidade. 
 

Outro aspecto relevante é a chegada da AESIA á cidade da Coruña, agora en suspenso despois de que o Tribunal Supremo admitise estudar analizar a suspensión cautelar da concesión da sede, o requirimento da cidade de Granada, que quedou na carreira pola sede. Como candidata pola Coruña, que lle suxire esta noticia?

É unha noticia preocupante. Espero que se resolva canto antes, que a concesión que se fixo no seu día mantéñase para que A Coruña fose sede desta axencia tan importante para o desenvolvemento das novas tecnoloxías e ser referencia no país. Confío en que sexa así, pero hai que esperar e ser prudentes para coñecer a resposta da Xustiza. 

 

 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE