PSdeG e Sumar piden a dimisión da "esperpéntica e insultante" alcaldesa de Carballeda de Valdeorras
A rexedora está a ser moi criticada pola súa intervención na reunión de alcaldes do pasado venres coa ministra e vicepresidenta Yolanda Díaz.
A visita da ministra de Traballo e vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, a San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras (Ourense), pode acabar pasando moita factura a unha das rexedoras que participou na reunión cos alcaldes da comarca. Trátase da alcaldesa de Carballeda de Valdeorras e parte da Deputación de Ourense, María del Carmen González (PP), moi criticada polo seu ton tras a reunión e, mesmo, increpada polos veciños cando realizaba declaracións ante a prensa, acusándoa de mentir e de facer unha moi mala xestión durante a vaga de incendios.
"INACEPTABLE"
Os veciños declararon que de non ser polo alcalde de Vilamartín, o socialista Enrique Barreiro, "a xente ardería co lume" que cercou as vivendas, pois descargan sobre Barreiro a actuación para abrir unha vía alternativa para a evacuación dos afectados polos incendios e a chegada dos efectivos.
Agora é o PSdeG o que a través do seu secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclama, polo menos, un "reproche" a González polas súas declaracións, pois considera Besteiro que o seu foi "un comportamento inaceptable".
O líder socialista recrimina así que a alcaldesa tratase de sacar peito da súa xestión ante os medios, a pesar de que foron os veciños os que lle baixaron os fumes, lembrándolle mesmo que, no peor da vaga de incendios e "mentres Carballeda ardía" a alcaldesa declaraba que "non pasaba nada".
As súas palabras, di Besteiro, "rompen a aposta pola dignidade e pola compresión dos problemas que tiveron os veciños durante a onda de incendios". "Hai que facer política doutra forma e non aproveitar nin tentar aproveitar de algo que, efectivamente, quen son os primeiros en reprochalo son os propios veciños", insiste.
DIMISIÓN?
A de Besteiro non foi a única voz crítica na política galega con González, senón que desde o Movemento Sumar Galicia, ao que pertence a vicepresidenta Yolanda Díaz, tamén tachan de "vergoñosa" a actitude dunha alcaldesa que "negou os lumes en Trevinca e Casaio".
Desde Sumar expresan a súa repulsa nunha nota de prensa onde recalcan a actitude "esperpéntica e insultante" da que fixo gala a rexedora na visita de Yolanda Díaz nun intento do que consideran "cubrir as costas" da Xunta, á que tamén reprenden por non declarar o nivel 3 de emerxencia no seu momento.
"É case delituoso, negaba o que calquera podía ver, pondo en perigo a actuación dos servizos de extinción", critica o coordinador provincial de Sumar Galicia, Xava Torrente. Na mesma liña, acusan a González de "abandonar de mala forma" a reunión, "demostrando unha falta completa de empatía e métodos máis propios dos tempos de caciquismo". Por iso, cren que é "imprescindible" que a popular deixe os seus cargos no Concello e na Deputación ourensá.
Escribe o teu comentario