A falta de confirmar, os datos das primeiras avaliacións apuntan a que a superficie queimada polo lume neste verán aproxímase ás 100.000 hectáreas. Estariamos así diante dunha das vagas de lume máis grandes no tres últimas décadas.
A lectura da información que sobre os incendios forestais facilítannos os medios galegos independentes e críticos permite achegarnos a unha visión bastante acertada da realidade. Así, aqueles recolleron de maneira recorrente que moitos dos veciños afectados queixáronse de que “nos deixaron sós”, unha frase que non pode ser máis explicita e contundente. Os veciños das zonas afectadas atopáronse con que, fronte aos lumes que os cercaban, os poderes públicos non lles prestaron as axudas e os servizos que serían mester.
Unha falta de medios que queda patente cando tamén nos informan de que, con anterioridade, a Xunta de Galicia prescindira de recursos humanos e técnicos que debían haber destinado ao obxectivo de evitar os lumes. Unha diminución nos recursos que se sumaría a unha caótica xestión dos empregados: “a organización das brigadas forestais por parte da Xunta durante esta última vaga de incendios foi un auténtico desastre. O persoal ten que estar contratado desde antes de que empece a campaña de alto risco”, denunciaron os sindicatos do sector pondo en evidencia a falta de previsión e de medios.
Unha falta que o goberno galego (PPdeG) tentou xustificar facendo o que adoita facer, derivando responsabilidades ao goberno central. Así, o seu presidente, Alfonso Rueda, aínda sabendo que Galicia ten as competencias plenas sobre os incendios forestais (Art. 27º, apartados 11,12. Estatuto de Autonomía), responsabilizaría da falta de medios ao goberno central cando, por caso, o goberno galego non despregou todos os medios cos que conta.
Todo o anterior tamén deriva de varios enfoques errados en relación coa natureza actual dos incendios e o papel dos bosques na sociedade. En primeiro lugar, está o non querer recoñecer o impacto que na actualidade ten o cambio climático, que fai que estes incendios chamados de sexta xeración, ademais de ser máis intensos e afectar a superficies maiores, sexan tamén máis veloces e violentos, o que os fai practicamente inextinguibles. Que ademais, e desde hai anos, aparecen en estacións impensables con grandes episodios na primavera e no outono, algo que esixe un cambio radical no seu tratamento.
En segundo lugar está unha visión moi estendida dos montes que non ten en conta a súa condición de espazo natural, de ecosistema cheo de vida no que, por caso, o monte baixo e o sotobosque non son porcallada que deba ser limpada, senón que desempeñan un papel fundamental no sostén da fauna e a flora do mesmo. Unha visión esta, moitas veces interesada, que é preciso mudar xa que favorece a destrución dos montes, pois leva a unha perda de potencia dos solos que, cando chove, son arrastrados pola escorrentía profundando no seu proceso de erosión e desertización, así como na contaminación das augas polo arrastre das cinzas. Non se trata, por tanto, de limpar os montes senón de xestionalos.
Por outra banda, a súa xestión, a multiplicidad das accións necesarias para a súa conservación e incorporación ás actividades económica, social, ambiental e de lecer do país fan que o papel do sector público apareza como imprescindible. Non se pode primar o papel do capital privado como, por caso, está a facerse ao entregar a un oligopolio o control e a extinción dos lumes por medio aéreos cos resultados que estamos a ver.
Porque este protagonismo do capital privado leva aa que se priorice o investimento en extinción dos incendios (“a economía do lume”) sobre o resto das actividades necesarias para a conservación dos montes pero que o capital privado ignora por ser menos rendibles. Un sector público que debe actuar en coordinación coa sociedade civil e empregando de maneira coordinado todas as institucións (Xunta, Concellos, Deputacións) pois é precisa a colaboración de todos.
Finalmente, deberían rexeitar definitivamente as teorías conspiradoras (“tramas incendiarias”), que son auténticas cortinas de fume de políticos incompetentes, e aceptar que a realidade é moito mais ingrata, que a situación que estamos a vivir non é unha casualidade nin froito de intereses bastardos ou ocultos senón que é a suma de problemas ambientais, económicos e sociais que vimos acumulando desde hai décadas e que reflicten un fracaso absoluto por parte de gobernos como este galego de quenda (PPdeG).
Escribe o teu comentario