En Galicia? En Galicia a vida segue igual

Manoel Barbeitos
Economista

Deixando a unha beira as euforias particulares, lóxicas, aínda que seguramente excesivas, o escenario político que aparece logo das eleccións autonómicas do pasado 18 de febreiro mostra que en Galicia a vida segue igual.

 

A vida segue practicamente igual poquer o PPdeG continúa gobernando a Xunta de Galicia  por maioría absoluta, o que lle permitirá manter tanto un férreo control da actividade parlamentaria como unha utilización groseramente partidista dos medios públicos (#CRTVG) e da maioría dos privados. Seguirá a deterioración do público (especialmente das funcións de benestar) en beneficio do privado (cos fondos de investimento tendo cada vez máis parcelas de poder), a precariedade do mercado laboral (que seguirá obrigando aos mozos máis cualificados a emigrar), a práctica desaparición de sectores produtivos estratéxicos (de seguir así as explotacións gandeiras pronto serán restos históricos para visitas turísticas), o idioma galego será a lingua dunhas minorías e o polbo, a empanada, e a charanga serán as bases do patrimonio cultural.

 

A vida segue practicamente igual porque as esquerdas galegas volveron perder as eleccións e continuarán na oposición, aínda que se deron algúns cambios a nivel interno. Aínda que é indiscutible o ascenso do BNG (31,6% dos votos e 25 deputados: o mellor resultado da súa historia) non é menos certo que quedou lonxe do obxectivo estratéxico fixado, que non era outro que acceder á presidencia da Xunta. Un obxectivo que, é xusto dicilo, sabíase moi difícil de alcanzar tanto por mor da súa precariedade na implantación local (36 alcaldías e 590 concelleiras) que levou a que fose a forza máis votada en 13 concellos, como ao sectarismo da aposta sindical (#CIG) que a afasta das outras forzas sindicais maioritarias (#UXT e CCO) e réstalle apoio entre as clases traballadoras galegas. Non debese caber dúbida de que para aspirar seriamente á presidencia da Xunta de Galicia o BNG debe revisar tanto a súa estratexia municipal como sindical, pois precisará de ampliar os apoios neses campos.

 

Pero onde se produciron os maiores desastres foron na socialdemocracia galega (#PSdeG) e na autodenominada nova esquerda (Sumar e Podemos). Cando parecía que o PSdeG tocara fondo por mor das continuas e recorrentes divisións internas, o resultado de 18 de febreiro, o peor da historia, colócao nunha posición de extrema debilidade e futuro incerto. Estamos diante dunha organización política sen principio nin ideoloxía de seu, vítima das divisións internas e da mediocridade na dirección pero que aínda conserva unha importante presenza institucional (96 alcaldías, 2 Deputacións). Unha organización que debería reorientar o seu rumbo, ten vimbias para facelo, que precisa dotar dunha dirección que sexa quen de recuperar a autoestima e a confianza dos seus militantes así como dotar dun proxecto político e organizativo acorde coa realidade  galega actual: Galicia o precisa.

 

En relación á “nova esquerda” (Sumar, Podemos) hai pouco que dicir máis aló daquilo de que “quen sementa ventos recolle tempestades”. Pois se volvemos a vista atrás atopámonos con que, no formato de En Marea, esta esquerda chegou a ser a segunda forza do país e a liderar a oposición durante unha lexislatura para logo desaparecer froito das loitas e miserias internas que nunca a abandonaron e que lle levaron á situación actual. Un devir que nos fai lembrar a fábula do “escorpión e a ra”.

 

Volvendo ao principio, e pasando por encima dos avatares particulares, se miramos ao conxunto a realidade que atopamos, logo do 18 de febreiro, é a de que EN GALICIA A VIDA SEGUE IGUAL.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE