Eleccións autonómicas e medios de información

Manoel Barbeitos
Economista

“A prensa libre debe avogar sempre polo progreso e as reformas. Nunca tolerar a inxustiza nin a corrupción. Loitar contra os demagogos de todos os signos. Non pertencer a ningún partido. Opoñerse aos privilexios de clases e á rapina pública. Ofrecer a súa simpatía aos probes e manterse sempre devota do ben público”. (Joseph Pulitzer)

 

Un dos erros máis frecuentes das esquerdas é pensar que controlando os poderes lexislativo e executivo xa son quen de levar adiante os seus programas, as súas reformas. Esquecen que hai outros poderes que tamén son quen tanto de poñerlles paus nas rodas como de paralizar as súas accións chegando nalgúns casos a provocar dimisións e ceses de cargos públicos. Un erro que non soen cometer as dereitas que son sabedoras da capacidade de influencia de poderes como, por caso, o mediático e que por iso non dubidan en regalos con abondosos fondos públicos para que lles sirvan de botafumeiros ou de sancristáns. Un papel no que, ás veces, vense acompañados duns medios públicos absolutamente blindados cando aquelas gobernan.

Uns medios públicos como os galegos (CRTVG) que se no que podemos considerar información xeral ou de entretemento ofertan auténtico lixo, na información política adoptan o papel de botafumeiros do poder como ben nolo veñen lembrando todas as semanas eses admirables traballadores desta empresa pública cuxa defensa tanto dos seus dereitos democráticos como do pluralismo e a liberdade de expresión nos medios públicos lle está custando entrar nunhas listas negras, case como se estivesemos no franquismo.

 

Uns medios públicos (CRTVG) que en período electoral deberían mostrar o seu carácter de servizo público que permite aos cidadáns coñecer, sen censuras nin manipulacións, todas as ofertas partidarias, que turra polo debate político libre e plural para que os cidadáns podan estar ben informados á hora de ir (ou non ir) a votar. Mais entón actúan como auténticos altofalantes do poder establecido, nun aliñamento ideolóxico coas dereitas galegas (PPdG) que os conduce tanto a ser os seus botafumeiros como a mentir descaradamente e a terxiversar a información sobre as esquerdas galegas, as súas actuacións e os seus programas. Unha manipulación que non é exclusiva, nin moito menos, dos medios públicos mais na que está un dos grandes perigos para a democracia.

 

Por que os medios privados galegos, agás honrosas e moi minoritarias excepcións maiormente dixitais, están claramente aliñados coas dereitas políticas e económicas. Un aliñamento moi superior ao que se dá, por caso, na maioría de países de Occidente e ao que contribúe o seu carácter de medios subvencionados (“le llaman la bien pagá”). Algo que podemos comprobar analizando a información e opinión que nos subministran diariamente, aínda que de xeito moito máis visible nos períodos electorais como sucede agora, cando tratan sobre a amnistía, os pactos do goberno español de quenda (PSOE/Sumar) cos partidos soberanistas cataláns, o asunto dos pellets, a corrupción política, a situación económica, o diálogo social, as medidas progresistas aprobadas polo goberno de Pedro Sánchez, as decisións xudiciais, a actuación dos partidos políticos...onde tanto a información como as opinións vertidas camiñan por vieiros contrarios cando non opostos aos que o fai a auténtica realidade sen que por iso pareza importarlles faltar a verdade. Para mellor entender este comportamento mediático saibamos que segundo medios independentes, que recolleron a información no DOG, a Xunta de Galicia (PPdeG) unha semana despois da convocatoria electoral repartiu a dedo entre a prensa amiga dous millóns de euros, cifra que practicamente acaparan La Voz de Galicia, El Faro de Vigo, El Progreso de Lugo e La Región de Ourense seguramente os medios con mais influencia na opinión pública a pesar de ignorar a lingua galega.

 

O grado de liberdade e democracia dun país tamén se mide pola natureza e a calidade dos seus medios de información e opinión. Polo seu compromiso coa liberdade, a pluralidade, o rigor, a honestidade, a independencia e o espírito crítico. Para nosa desgracia a realidade da maioría dos medios de información e opinión galegos pon en evidencia que a nosa é unha democracia enormemente deficitaria.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE