O soberanismo na nova conxuntura

Manoel Barbeitos
Economista

A nova lexislatura que comena vainos mostrar a capacidade tanto do novo goberno (PSOE+Sumar para abrir os cadeados que os anteriores gobernos, co apoio do poder xudicial, lle puxeron ao desenvolvemento do Estado das autonomías como dos partidos soberanistas (BNG, PNV, BILDU, ERC, JxCat) para encamiñar con intelixencia e eficacia as súas reivindicacións. A pesares das dificultades que aparecen no horizonte, como a estratexia subversiva adoptada polas dereitas extremas (PP, Vox), ámbalas dúas partes deben ter presente que estamos diante dunha oportunidade practicamente única, polo que se se desaproveita, ninguén sabe con certeza que pode pasar a continuación, pero seguro que nada bo para a democracia e a liberdade.

 

Hai unha evidencia que a maioría das forzas soberanistas deberán aceptar mais cedo que tarde: nin España é a URSS dos anos oitenta nin as comunidades históricas son as repúblicas bálticas. Un tremendo erro de perspectiva que as leva a notorios fracasos, porque ignoran que a curto e medio prazo, se queren avanzar nos seus dereitos nacionais e democráticos, terán que camiñar da man do goberno español de quenda: non é posible, nin tampouco desexable, unha decisión unilateral. Velaí que non lles debese ser indiferente de que color sexa o goberno español. Unha evidencia que camiña paralela a outra: polo ben da democracia, a igualdade e o benestar social é preciso que o goberno español de quenda atenda as súas reivindicacións históricas e democráticas. Entre outras razóns porque así consta na Constitución Española (Título VIII C.E: Da organización territorial do Estado) e esa é a vontade maioritaria como acabamos de ver cos resultados das eleccións xerais.

 

Neste marco resulta evidente que estamos diante dun problema político que esixe solucións políticas. A sesión de investidura parecera facernos entender que ámbalas dúas partes (goberno de quenda, forzas soberanistas) así o entenderon: velaí a principal razón que explica a investidura do señor Pedro Sánchez. Pero, como tamén estamos vendo, hai diferencias importantes en canto ao alcance das solucións políticas, e aquí cómpre facer varias consideracións. A primeira, que as dúas partes deberían ter moi presente cal foi un dos argumentos centrais das dereitas extremas para deslexitimar a alianza entre os partidos progresistas e as forzas soberanistas: “España se rompe”. As negociacións que veñen deberían servir para demostrarlle á maioría dos cidadáns a falsedade desta acusación e tamén para mostrar que avanzar na soberanía das comunidades supón tamén facelo en fortaleza, solidariedade e democracia no estado das autonomías.

 

Debe tamén estar claro que no curto prazo as reivindicacións soberanistas teñen que acoplarse ao marco constitucional mentres este non se modifique, pois ningún goberno español pode ir mais aló se non quere ser declarado inconstitucional. Así, e con relación ao dereito de autodeterminación que reivindican algunhas forzas soberanistas, compre tamén seren moi claros para non dar lugar a equívocos e posturas oportunistas. Cando se reclama ese dereito estase referindo á facultade de separarse do Estado español, mediante un referendo, e de formar un novo Estado independente. Facultade que non cabe (Arts. 1 e 2) na actual Constitución Española (en realidade non ten cabida en ningún estado democrático) polo que só sería posible se esta se reforma. Unha reforma que para a súa virtualidade debe ser aprobada segundo os términos previstos na propia Constitución Española (Título X), que esixen maiorías parlamentarias moi amplas e referendo de ratificación, polo que non está a alcance de ningún partido nin goberno en solitario. Por outra parte, cómpre tamén subliñar que no marco político actual separarse de España é separarse da Unión Europea, algo que se lle debe explicar con claridade aos cidadáns para que así saiban exactamente o alcance e a viabilidade de certas reivindicacións.

 

Como nos demostra a historia europea actual, o camiño á independencia pola vía democrática, a única posible hoxe en día, é longo, moi longo, e ademais, neste caso, con escasas, por non dicir nulas, posibilidades de chegar ao final (Art.2 C.E.), polo que podemos dicir que a independencia é realmente un espellismo. Negar esta evidencia é dunha enorme irresponsabilidade, tanto como negarlle ás comunidades históricas o dereito a avanzar en soberanía, que debe ser, este si, o seu camiño.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE