Orzamentos mentireiros na Sanidade Pública galega

Xosé María Dios Diz
Médico especialista de Atención Primaria de Outes.

Médico especialista de Atención Primaria de Outes. Plataforma SOS Sanidade Pública.

“De cando en vez dí a verdade, para que créanche cando amentes”

                                         Jules Renard (1864-1910). Escritor e dramaturgo francés.

 

Con motivo da presentación dos orzamentos de 2024, aos catro ventos, o ínclito señor conselleiro de Sanidade, mentindo unha vez máis, di que para o ano 2024 disporemos para a Sanidade de 5.165 millóns de euros (70,4 millóns de euros menos que no 2023, descontando a inflación). Como sempre, fanse trampas a eles mesmos, pero á cidadanía xa non a enganan. Propoñen un orzamento menor que o existente no ano 2009 (pois durante este tempo tense que ter en conta o IPC e o aumento das consultas polo envellecemento da poboación e a maior demanda por temas tan importantes como a pandemia). O gasto en AP vai ser de 1.582 millóns de euros. No 2009 foi de 1.909, unha vez sumada a inflación acumulada (33%). A Sanidade Pública en Galicia queda á cola do Estado en investimento por habitante (1.727 euros por habitante no 2022: 43 euros por baixo da media estatal, só por diante de Madrid: que casualidade…).

 

Con respecto á falta de persoal, verdadeiro problema da Sanidade Pública galega, sábese que 433 médicos e médicas de Atención Primaria superarán a idade de xubilación en 2023, o que supón máis do dobre das novas prazas ofertadas (200). É dicir, se non hai un cambio estratéxico na política de persoal do PP, seguirán as reducións de persoal facultativo neste nivel asistencial. A Consellaría de Sanidade destinará 60 millóns en 2024 á creación de novas prazas en AP (o que representa tan só o 1,1% do orzamento sanitario) das que 200 seránde persoal médico (...si 433 médicos de AP superarán a idade de xubilación en 2023, supón máis do dobre das novas prazas). Segundo datos do Ministerio de Sanidade o número de persoal médico de AP que traballa na Galicia é de 2.768, o que representa un incremento de tan só un 7%, a pesar das grandes necesidades do sistema tras os recortes dos últimos anos do PP. 
 

Foi en febreiro de 2017, hai sete anos, cando Alberto Núñez Feijóo anunciaba que “construiría unha nova residencia de maiores en cada unha das sete cidades galegas, que sumarían máis de 900 novas prazas”. Galicia está á cola de todas as comunidades autónomas en número de prazas públicas por persoas maiores de 65 anos. E cal é a realidade: sete anos despois, recibíronse por parte da Xunta dúas residencias (a de Santiago a finais de outubro e a de Lugo en breve) pero: “executadas pola Fundación Amancio Ortega”. Cero Residencias de maiores construídas por Feijoo: o que dicimos, amente máis que fala! Pero é máis: a Xunta acaba de licitar á empresa privada, a xestión das 2 residencias... doadas por Amancio Ortega á Xunta! Incrible pero certo. Poraas en mans dos herdeiros do antigo modelo de beneficencia clasista, beata e “sen ánimo de lucro”. En Galicia temos no ano 2022 409 residencias de maiores: 213 están en mans privadas (52%) e 90 residencias en públicas (20%). Temos outras 106 (26%) de Iniciativa Social: Fundación San Rosendo, Acole, etc
 

Iso si, nun estado laico como o español, Sanidade aumenta o gasto en capellanes (católicos...) nos hospitais públicos: serán 770.000 euros en 2024. Ademais o Sergas destina 3,7 millóns a sufragar persoal relixioso (católico, claro).
 

Con respecto ao gasto sanitario público, en concertos coa boiante empresa privada, aumentará no próximo ano até os 227 millóns de euros. A maiores, fará o PP unha subida de 13,2 millóns nun maior desembolso na privatización das Ambulancias, Hemodiálisis e no concerto singular de Povisa. Como sabemos, primeiro déixase de investir no Sistema Sanitario Público, logo este deteriórase e como consecuencia “privatizámolo”. Estratexia neoliberal que lles funciona, pois a xente, sabéndoo, ségueos votando!
 

É incongruente que o estado español sexa o país da UE no que menos persoas acoden ao seu médico de familia: ocupamos o último lugar da lista, co 20,9% de utilización media, fronte ao 32,5% europeo... e tamén estamos nas últimas posicións en consultas á especialistas co 9,5% por habitante ao ano, fronte ao 19,5% da media europea. 

 

En conclusión, a Xunta do PP, non ten ningunha vontade de solucionar as graves deficiencias da Sanidade Pública galega e continúa coa súa estratexia de mentiras, propaganda e confusión.  


 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE