Galicia diante das eleccións xerais

Manoel Barbeitos
Economista

A convocatoria de eleccións xerais para o domingo 23 de xullo, que deriva da reacción do actual presidente de Goberno, o señor Pedro Sánchez, diante do mal resultado obtido nas últimas eleccións locais e autonómicas polos partidos gobernantes, por practicamente todas as esquerdas, debuxa un novo escenario político e uns novos tempos a nivel español e autonómico

 

Estas eleccións xerais, como todas as anteriores, decidirán cal será a composición do novo Parlamento e, por tanto, como será o novo goberno español. Si, por caso, será un que siga a senda marcada polo anterior goberno de quenda (PSOE/UP) para o que precisará de seguir contando co apoio dos aliados na última lexislatura (ERC, BILDU, PNV...) ou, polo contrario, será un goberno das dereitas extremas (PP/VOX) que ameazan con derrogar todas as medidas progresistas aprobadas na pasada lexislatura (que aínda sendo insuficientes non foron poucas: nunca un goberno español fixo tanto polas maiorías sociais) o que suporía entrar nunha ‘longa noite de pedra’. Estas eleccións xerais servirán, en definitiva, para saber si somos quen de avanzar aínda máis ou si retrocedemos.

 

Ese é o escenario político que temos os galegos e galegas por diante nestas eleccións xerais. Inventar outro só serviría para quedar en fóra de xogo. Un escenario no que para as esquerdas trataríase de gañarlle o maior espazo político posible ás dereitas extremas (PP/VOX), cada quen no seu territorio como, por caso, en Galicia. Pero sen esquecer de que a partida se xoga no terreo do conxunto dos pobos de España pois, de que nos serviría aos galegos contar cun grupo parlamentario soberanista (BNG) si no Parlamento español son maioría absoluta as dereitas extremas (PP/VOX) e, por tanto, gobernan? Seica é indiferente para as maiorías sociais galegas que o Presidente do goberno español sexa o señor Sánchez ou o señor Feijoo? De ningún xeito.

 

Claro que sería bo para Galicia contar co maior número posible de parlamentarios soberanistas. Pero sería un éxito menor se eses parlamentarios non entenden que o obxectivo global debe ser evitar que as dereitas extremas teñan maioría no Parlamento español porque, de conseguilo, entraremos “en unha longa noite de pedra” TODOS Os POBOS DE ESPAÑA, GALICIA INCLUÍDA aínda que teñamos un grupo parlamentario soberanista. 

 

Galicia precisa duns parlamentarios soberanistas que, unha vez instalados no Parlamento español, sen perder a súa autonomía, traballen co conxunto de parlamentarios progresistas do Estado non só para defender os avances conseguidos senón, mesmo, para ir máis aló en materias de emprego, benestar, calidade de vida, igualdade social e territorial, medio ambiente, tecnoloxía e produtividade… Porque para avanzar os galegos e galegas precisamos dun goberno español progresista apoiado por unha maioría parlamentaria tamén progresista e plural da que deben formar parte os soberanistas galegos (BNG)


 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE