As esquerdas e o feminismo

Manoel Barbeitos
Economista

 "Irene Montero está a colocar a España na vangarda feminista de Europa" (TIME, 15.02.2023) 

 

O debate que se está dando no seo do goberno español de quenda (PSOE/UP) ao redor de Lei Orgánica de garantía integral da liberdade sexual, Lei 10/22 de 6 de setembro , coñecida popularmente como a "lei de só si é si", pon en evidencia varias realidades políticas que están no fondo dese debate partidista. Que estamos diante da primeira experiencia de goberno de coalición, desde que temos a actual democracia, polo que non debese sorprendernos que broten publicamente diferenzas entre os socios do goberno (PSOE, UP) pero que, a pesar diso, non acaban finalizando en ruptura gobernamental, o que pon en valor o seu sentido da responsabilidade política. Que as esquerdas tradicionais -neste caso a socialdemocracia- por si mesmas non acaban de asumir con plenitude a importancia dos novos conflitos sociais que, distintos do tradicional traballo/capital, xera o desenrolo do capitalismo -feminismo, ecoloxismo, inmigración, soberanismo...-. Que ás novas esquerdas -neste caso Unidas Podemos- fáltanlles certas doses de madurez política, o que as leva a unha perigosa rixidez á hora de concertar co socio de goberno que, por outra banda, é o socio maioritario. Un socio maioritario -PSOE- a quen a soberbia e os celos políticos xóganlle malas pasadas.

 

Ampliando o foco, é importante tomar en consideración que historicamente o feminismo desempeñou un papel non testemuñal tanto na loita antifranquista como na conquista dos dereitos e as liberdades democráticas, o que debería ser recoñecido e valorado por todas as forzas de esquerda. A pesar diso, o camiño até o recoñecemento da "axenda feminista" non foi nin está a ser, mesmo agora, fácil e sinxelo como proba a pertinaz resistencia á aprobación de leis, normas e códigos específicos que fagan efectivo ese recoñecemento que, de ningún xeito, é un trato de favor ou un privilexio. Un camiño no que o actual goberno de quenda avanzou máis que ningun outro goberno anterior. Avances non exentos de polémicas e confrontacións non só coas dereitas (#PP, Vox) senón tamén entre os partidos que conforman o propio goberno (PSOE e UP) e deste co movemento feminista.

 

Polémicas e confrontacións que son maiores cando se trata dos dereitos e liberdades sexuais das mulleres pois, alimentadas por políticos e medios de comunicación, crean un clima de alarma que non se corresponde coa realidade, porque no fondo o que realmente buscan é impor o criterio do control sexual das mulleres para así...protexer a súa honestidade (!). Polémicas e confrontacións que, como está a suceder agora, finalizan provocando unha división do propio movemento feminista. División que non é nova, senón recorrente, pois como a historia nos mostra o matrimonio entre o movemento feminista e as esquerdas foi sempre difícil debido especialmente a que a presenza de mulleres nas organizacións de esquerda era, até fai ben pouco, minoritaria. Pero os novos tempos, marcados por unha moita maior presenza das mulleres na política e no sindicalismo, non parecen ser quen de evitar nin o distanciamento entre as esquerdas e o feminismo nin a división no movemento feminista.

 

Unhas divisións nas que o goberno de quenda, en concreto o Ministerio de Igualdade, ten a súa cota de responsabilidade. A de non explicarlle suficientemente á cidadanía algúns efectos da citada lei como, por caso, posibles reducións de condenas a reclusos sabendo ademais que isto sería aproveitado polas dereitas e os seus medios afíns para sementar alarmas. Alarmas que, a pesar de ser totalmente inxustificadas, parecen asustar ao seu socio de goberno (PSOE).

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE