VIDEOCLIP | Mondra e Baiuca, a alianza que faltaba na escena galega, lanzan 'Mazarocas'
Os dous artistas presentan este novo tema no medio das súas xiras, que ou ben están na súa última etapa ou ben acaban de comezar.
Falar de Baiuca e Mondra ou de Mondra e Baiuca é facelo de dous dos artistas máis singulares da escena galega. A través da vangarda exploran a música tradicional e elévana a unha nova dimensión, con dous universos con estética e son porpio que agora se dan a man cun tema conxunto no que reivindican a música do país, pero tamén a modernidade cunha proposta cheo de ritmo e unha coreografía medida ao milímetro por un exército de bailaríns que se apropiaron da Cidade da Cultura de Santiago.
UNHA UNIÓN ESPERADA
'Mazarocas' é a suma de dous mundos que chocan. Por unha banda as mesturas do de Catoira; por outro a voz do de Teo. Unha alianza que resulta tan inevitable como tardía, pois algún pode crer que é imposible que estes dous artistas tarden tanto en compor algo xuntos.
Con melodías tradicionais como canle, 'Mazarocas' "retorce os límites da folktrónica, mesmo, levando ese imaxinario mixto a unha dimensión que ás veces se torna ravera e ás veces a foliada futurista". "É unha canción que fala de celebrar aos pobos que danzan, e a revolución que implica que todo un pobo cante e baile a súa propia música", explican os propios artistas.
Unha simboloxía que chega até o propio título da canción, pois a mazaroca non é outra cousa que unha "porción de liño" e que, como a música "se planta, recóllese e técese do mesmo xeito que a nosa música, que a herdamos, abrazámola e hoxe cantámola para que sexa cantada no futuro".
Para os dous protagonistas a publicación chega nun momento doce, pois no caso de Baiuca atópase na recta final da súa xira 'Fin do Barullo', coa que colgou o cartel de 'Sold Out' en moitas das salas que visitou e coa previsión de que esta primavera e o próximo verán serán as últimas oportunidades para gozar da súa música en directo antes dun parón no que traballará no seu próximo álbum, coa idea de regresar aos escenarios xa en 2028.
Mondra, pola súa banda, vén de comezar 'A Rolda', a súa nova xira, que o levará por toda a geograía nacional mentres prepara o que será o seu futuro terceiro álbum, no que seguro que contará con colaboracións de altura como esta última.
Escribe o teu comentario