"Ence é pan duro para hoxe e fame para mañá" razoa Lores, alcalde de Pontevedra, horas antes do fallo final

A só un día que que se reúna o Tribunal Supremo e despois de coñecer a postura de Greenpeace, outra das partes no preito da prórroga de Ence, Galiciapress entrevista Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde do Concello de Pontevedra.
 


|

A expectación medra en Pontevedra e en toda Galicia horas antes dun fallo crave para o futuro económico e político do país, pois a factoría conta co apoio do PP para seguir na Ría. Aínda hoxe Rueda reiterouno, mentres que o Bloque e o PSdeG explican porqué non queren que siga en Lourizan. Os traballadores, pola súa banda, cren que a prórroga -concedida polo Goberno de Mariano Rajoy en funcións- manterase.

 

Lores antes de la entrevista con Galiciapress en una foto de Rodrigo Briu00f3n
Lores antes da entrevista con Galiciapress nunha foto de Rodrigo Brión

O rexedor nacionalista esgrime todos os argumentos que levaron á súa administración a reclamar, por múltiples vías, a marcha da pasteira de Lourizán: "Temos o dereito a recuperar eses terreos". 

 

Lores considera que teñen "a razón xurídica" para resolver dunha vez por todas esta polémica e persiste en que "doen todos os postos de emprego" pese ao impacto baixo que di ter soportar a cidade. "O de Ence en Lourizán foi un préstamo. Sabíano, pero non buscaron alternativas", conclúe.  

 

Archivo - Arquivo - Fábrica de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra
  Arquivo EP - Fábrica de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra

 

É cuestión de horas que o Tribunal Supremo decida sobre o futuro de Ence e examine os recursos de casación interpostos por Ence contra as reiteradas sentenzas da Audiencia Nacional que declararon a nulidade da prórroga da súa concesión na ría de Pontevedra até 2073 por parte do Goberno de Mariano Rajoy. O ditame, previsiblemente, non se coñecerá até varios días despois, polo que as partes terán que agardar pacientemente a decisión do alto tribunal. 

 

Onde esperan con atención o fallo dos xuíces é nas oficinas de Michelena 30, onde se atopa a administración do Concello de Pontevedra, parte que pleitea contra Ence canda ONG Greenpeace, e disposta a esgotar todas as vías para evitar que permaneza en Lourizán até 2073, como estipula a polémica prórroga in extremis.

Ence foi comprada hai case 30 anos por catro duros e sabían perfectamente que tiñan unha data de caducidade en 2018. Estamos en 2023

 

O alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores, leva loitando pola saída de Ence da Ría de Pontevedra durante as últimas dúas décadas e mesmo antes, segue convencido de que o goberno municipal “ten a razón xurídica” ao redor deste caso. Así o ditou a Audiencia Nacional no seu día tras a denuncia presentada polo municipio. “Ence tenta, a nivel xudicial, legalizar un atraco”, resume o mandatario. 
 

“Ence foi comprada hai case 30 anos por catro duros e sabían perfectamente que tiñan unha data de caducidade en 2018. Estamos en 2023. Todas as cidades puideron trasladar as empresas pesadas e de enclave que tiñan; nós temos o dereito a recuperar a nosa ría, os argumentos xurídicos e a lexislación indica que non poden estar aí”, insiste Lores, á vez que lembra que de nove empresas de celulosa “a única en terreo marítimo-terrestre” é a de Lourizán. 

 

Lores fai especial fincapé en todos os textos aprobados durante os mandatos do Partido Popular que permiten a recuperación dese espazo, tendo en conta que a nova Lei de Ordenación do Territorio na que traballa o Executivo de Alfonso Rueda busca dotar de máis protección a esta clase de empresas. 

 

O EMPREGO EN ENCE

“Teño confianza de que a sentenza corrobore o ditado da AN, que foi de unanimidade. Nós non temos a capacidade de influencia nin somos un lobby para que os xuíces decidan que a prórroga foi ilegal. De aí, o que queremos é que se cumpra. Ningunha empresa de Pontevedra ten os privilexios de Ence. Máis que privilexios parece un dereito de pernada”, reprocha Lores.

 

Entre eses privilexios está o consumo desorbitado de auga -”o triplo do consumo dos concellos da ría”, argumenta o rexedor- e a subvención que reciben para o canon da auga. Pero o aspecto máis controvertido e polo que Lores e os seus gobernos recibiron máis golpes é polos postos de traballo que están en xogo, algo do que son plenamente conscientes no goberno municipal. 

Miguel Anxo Fernández Lores: "Se alguén traballa nunha funeraria tamén me doe que non teña clientes, porque é o seu traballo, pero hai alternativa"

 

“Todos os postos de traballo dóenme. Se alguén traballa nunha funeraria tamén me doe que non teña clientes, porque é o seu traballo, pero hai alternativas. E o volume de postos de traballo que xera Ence, sen entrar en cuestións como a súa presenza en Galicia, que controle todo o mercado do eucalipto, os seus efectos sobre os montes, a perda que supuxo para Lourizán co seu valor patrimonial, ecolóxico e turístico, e outras cuestións, na cidade é realmente o que implica. O 0,5%, e estoulle concedendo moito, do emprego nunha cidade con 50.000 persoas dadas de alta na Seguridade Social en todos os sectores”, argumenta. 

 

Lores fala tamén do baile de cifras ao redor dos postos de emprego que hai en xogo. “Din que 500 traballadores fixos. Non chegan, aínda que no seu día foron uns 600. Xa se metes produtores, transportistas… Algún dixo hai pouco que había 100.000 familias que vivían de Ence. Onde vas? Alguén cun terreo pode vender eucaliptos cada 15 anos, pero os demais anos non viven de iso”, sostén. 


ENCE FÓRA DE LOURIZÁN, PERO, E DE PONTEVEDRA?

Sobre as opcións que se lle poden abrir a Ence, dentro e fóra de Pontevedra, Lores di non poder facer nada. “A min ninguén me veu dicir onde trasladar a empresa. É un problema empresarial e, en todo caso, de ordenación do territorio, un aspecto do que ten competencia a Xunta. A política industrial tamén o é, e para iso temos conselleiros que terán que dicir onde se sitúan as empresas a trasladar”, razoa o alcalde nacionalista. En cambio, si tende a man a que se busquen “alternativas”, pero que debe ser Ence a que explore esas opcións porque “o sabían perfectamente” e que é a firma a responsable de asumir esa procura. 
 

“Nós o que temos é o dereito a esixir que se cumpra a normativa vixente e que se trate a todas as empresas por igual e se aplique a lei de competencia que existe en Europa. Por tanto, o que non pode unhas empresas é estar a producir e vendendo no mercado pasta de papel cando outras empresas a nivel europeo teñen ciclos pechados de auga e pagan o canon da auga”, subliña, á vez que rememora a condena contra Ence “por delito ecolóxico” e os efectos que a súa actividade ten sobre o aire e a auga da zona. 

 

Pero, e se gana Lores, podería marchar Ence de Pontevedra como vinganza? O alcalde non ten medo ás consecuencias nin dunha eventual vitoria no Supremo. “Recuperaron o seu investimento máis que dabondo. Todo dependerá do que diga a Xustiza. Nós recorreremos a todas as vías e a legal é a máis importante. Outra cousa é que a empresa teña decidido non investir en Pontevedra, na súa comarca, na provincia ou mesmo en Galicia. Cunha fábrica, nova con tecnoloxía apropiada…e a partir de aí facer o que eles queiran”, insiste.  

 

“O de Ence en Lourizán foi un préstamo que se fixo, pero non buscaron alternativas a ese préstamo. E creo que hai traballadores que son conscientes de que é a empresa a que ten que dar continuidade a eses postos de traballo, non o Goberno nin moito menos o Concello, que carece de competencias. As nosas competencias son en medioambiente, e temos a responsabilidade de que a nosa cidade sexa pioneira no respecto medioambiental e a loita contra o cambio climático. E Ence non é compatible con esta loita”, considera o alcalde. 

 

“PUERTAS XIRATORIAS” CON ENCE

A polarización ao redor de Ence parece enfrontar a todos os actores políticos en dous bandos: a prol Ence e contra a Ence. Lores admite que é un tema de moi largo percorrido, pero aproveita para recuperar das hemerotecas as palabras de Feijóo sobre Ence á súa chegada á Xunta, cando avogaba pola súa saída da ría. “Logo non, asinou un convenio pola defensa da continuidade de Ence. É alucinante. Son intereses”, censura sobre as “portas xiratorias” que levaron a altos cargos da política autonómica, o ex-conselleiro de Medio Ambiente co PP Carlos del Álamo, da e estatal, a ex-ministra tamén do PP Isabel Tocino, ao Consello de Administración da pasteira. 

 

Agora, e con vistas a mañá, Lores ten a esperanza de repetir con Ence o éxito que di supuxo no seu día a saída de Tafisa. “Ata que a sacamos de alí en 2005 non houbo un só peixe que entrase polo río e agora recuperou toda a biodiversidade. E tampouco hai as fotos terribles de centenares de peixes mortos que había todos os anos”, evoca Lores. Do contrario, o que lle queda a Pontevedra con Ence “é pan, pan duro, para hoxe, e fame para mañá”, sentenza. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE