Sobrino do presidente do PP da Coruña recibe un millón da Xunta para festivais ao pouco de crear dúas empresas
Unha Agrupación de Interese Económico administrada por Gerardo Lorenzo Malvar, sobriño do presidente do PP coruñés, Miguel Lorenzo, foi a beneficiaria de tres adxudicacións directas de administracións gobernadas polo Partido Popular para a creación dun novo festival en Vigo, o Galicia Fest, aos catro meses da súa constitución.
Unha sociedade de recente creación recibiu máis dun millón de euros en adxudicacións directas da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra para a organización dun novo festival de música en Vigo. A empresa, Galicia Fest 2025 AIE, foi constituída o 15 de abril de 2025 e ten como administrador único a Gerardo Lorenzo Malvar, sobriño do presidente do Partido Popular na Coruña e figura destacada do partido, Miguel Lorenzo. En total, as axudas suman 1.015.500 euros procedentes de tres organismos controlados polo PP, segundo adianta hoxe O Salto.
A maior achega provén da Axencia de Turismo de Galicia, que adxudicou 907.500 euros á nova promotora, segundo pódese comprobar no perfil do contratante desta institución. A esta cantidade sumaríanse 83.000 euros da Deputación de Pontevedra e outros 25.000 euros da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Todas estas axudas destináronse á primeira edición do Galicia Fest, un evento musical celebrado no porto de Vigo en agosto de 2025.
Segundo figura nas bases de datos que se alimentan do Rexistro Mercantil, Gerardo Lorenzo Malvar constituíu Galicia Fest 2025 AIE o 7 de marzo. O Galicia Fest foi en Vigo o 29 e 30 de agosto. Pasaron, por tanto, apenas catro meses despois do nacemento da empresa adxudicataria até a realización do festival. Turismo formalizou a subvención o mesmo día que empezou o festival.
Gerardo Lorenzo Malvar é sobriño de Miguel Lorenzo, unha figura importante na actual política galega. Foi cabeza de lista do PP ao Congreso pola Coruña en 2016, candidato ao Senado en 2019 e candidato á alcaldía da cidade herculina nas eleccións de 2023, ademais de presidir actualmente o partido a nivel local. A conexión familiar do administrador da empresa beneficiaria cun alto cargo do partido que goberna nas administracións que conceden as axudas centrou a atención sobre estes contratos.
Contratos sen concorrencia
A fórmula utilizada para estas adxudicacións foi o patrocinio publicitario a través dun procedemento negociado sen publicidade. Este tipo de contratación directa é habitual no sector dos festivais e grandes eventos culturais. As administracións adoitan xustificar a ausencia de concurso público argumentando que a empresa promotora posúe a exclusividade sobre o formato, a marca e o cartel de artistas, o que converte o evento nunha proposta única non comparable con outras.
O evento musical, que se celebrou a finais de agosto, comunicou vender a totalidade das entradas.l prezo dos abonos para os dous días oscilou a partir dos 45 euros, mentres que as entradas diarias custaban 40 euros
Por agora a Xunta de Galicia non ofreceu explicacións sobre os criterios técnicos que motivaron a concesión destes patrocinios, nin aclarou se a relación familiar do empresario influíu na decisión. A Axencia de Turismo de Galicia remitiuse á plataforma de contratos públicos, onde, con todo, non figuran os expedientes coa memoria xustificativa das adxudicacións, simplemente a resolución da axuda. Desde o organismo defenden que o seu apoio a eventos realízase "con total transparencia e rigor" para mellorar a imaxe de Galicia.
O modelo parece replicar noutro proxecto do mesmo empresario. O mesmo día que se inscribía Galicia Fest 2025 AIE, rexistrábase tamén Recfest 2025 AIE, con Lorenzo Malvar como administrador único. A finais de agosto, esta segunda sociedade obtivo outros dous patrocinios pola mesma vía: 242.000 euros da Axencia de Turismo de Galicia e 40.000 euros da Consellería de Deportes. Nesta ocasión, a xustificación deportiva foi a realización dunha exhibición de deportes galegos.
Escribe o teu comentario