The Rapants, os máquinas do bo rollo: “Choramos da emoción ao encher a Capitol en 15 minutos”

'La máquina del buen rollo' é o terceiro disco da formación que compoñen Matías, Xaquín, Xanma e Samu, que atende a Galiciapress no lanzamento do álbum para contar como se cociñou este traballo. O agarimo do público, as súas raíces e as súas sensacións despois de encher por dúas veces a Sala Capitol son algúns dos temas desta conversa. 


|

The rapants musica
The Rapants

 

15 minutos, ben empregados, poden dar para moito. En 15 minutos podes preparar uns macarrons, ou correr 3 quilómetros a bo ritmo…máis difícil parece colgar o cartel de ‘Sold out’ nun recinto mítico como a Sala Capitol de Santiago de Compostela nese tempo. Algo ao alcance de moi poucos, pero que uns rapaces de Muros fixeron para sorpresa de todos -deles os primeiros-. MatíasXaquínXanmaSamu fregábanse os ollos ao ver que non quedaban billetes. “Como é posible? Se acaban de saír á venda!”. A súa formación, The Rapants, tivo que pór unha segunda data na capital galega para presentar ‘La máuqina del buen rollo’, o seu terceiro álbum, que hoxe sae á venda e en todas as plataformas e que promete ser o máis escoitado deste 2024. 

 

“Tratamos de levalo con naturalidade. Pero é verdade que agora temos máis esixencias. Todo o que che chega tes que devolvelo no escenario, con discos, ou co que sexa. O agarimo que recibimos é inmenso”, admite Samu, unha das guitarras e voces dos temas dos rapantes, á vez que manifesta certa “ansiedade” pola responsabilidade de ser quen de corresponder todo o amor do público. 

 

 

“Connosco a xente volcase. Vímolo cando lanzamos os videoclips e coas primeiras datas. Están a lume connosco, e iso hai que coidalo”, explica. Ese coidado é o que puxeron neste terceiro traballo, con nove pistas -dúas delas, ‘Blaster W4u’ e ‘Rue Franklin’ xa en plataformas e con miles de reproducións- e que definen como unha serie de “cancións tristes para corazóns de after”. 

 

 

“Foi un proceso distinto aos dous anteriores. A produción foi moi distinta. Este foi exprés, en sete días saíu un disco con produción e todo. Antes fixémolo todo con máis calma. Non hai unha fórmula secreta, pero coas dúas formas acabamos contentos”, explica. A intención foi “buscar un camiño distinto neste álbum con respecto ao anterior”, xa que tratar de repetir o guion podería ser “caer no erro”, polo que buscaron abrirse “a outros estilos, a outros sons”. 


Xa só polo feito de ter que baixar até Cádiz, aos estudos de Paco Loco no Puerto de Santa María, a experiencia mereceu a pena para o cuarteto, que se tomou a experiencia como “unha excursión de fin de curso no instituto”. “Estivemos encerrados sete días, todos vivindo na mesma casa, comendo xuntos, facendo todo xuntos… Foi sensacional. E o que nos achegou Paco Loco, tanto en sons como coñecementos, referencias e demais, é unha tolemia. Fomos con ilusión e regresamos con máis ilusión e unha cantidade de información enorme”.


A boa onda que permea no disco é o que un vive nos directos de The Rapants, onde o público o goza case tanto como os artistas, que indubidablemente son os que mellor o pasan en cada actuación. “Sempre dicimos que a música primeiro temos que facela para nós e logo para os demais. Nós sempre o fixemos así, desde que empezamos. Si a nós no fai bailar a ver si lle gusta á xente. E a nós sempre nos fai bailar”, comenta Samu, consciente da “enerxía que transmitimos en directo”. 
 

“A nós encántanos. Gozamos moito tocando. Cando nos xuntamos facemos unha feira que salta ao público e todo se retroalimenta”, celebra o vocalista despois dun fin de semana memorable en Bruxelas, onde foron parte do cartel do EmigraSon que reuniu un gran número de asistentes nunha nova edición deste festival na diáspora. “Foi algo incrible e moi emocionante. Había galegos, pero outra xente de fóra que ía por amigos, xente que veu doutras cidades até Bruxelas que estaban de Erasmus que coñecían a algún dos artistas do festival e fixeron que nos sentísemos coma se estivésemos a tocar en Santiago”, detalla, rememorando o mellor momento da cita, cando o público entoou o himno galego a capela. 

 

 

A GHEADA, O SESEO, A NOITE…OS SELOS RAPANTES

Os rapantes son uns embaixadores inmellorables de Galicia, pero especialmente de Muros e a súa contorna, o lugar que os viu nacer e do que fan promoción alá onde van. Só fai falla escoitalos ca gheada e o seseo, elementos que non abandonan nas súas cancións e que son un selo dunha banda facilmente recoñecible por ese estilo propio funky, discotequero, pero tamén comprometido coas súas raíces, proba de que non se precisa impostar a fala ou cambiala para lanzar unha mensaxe e ter éxito. 

 

“Nunca nos impuxemos cantar en galego normativo. O outro día, vendo un vídeo do noso primeiro concerto, xa cantabamos así. É o noso. En Galicia hai moita multiculturalidad dentro da cultura galega. Hai que defendelo un pouco, é algo que existe e mola. Tampouco nos esiximos cantar así, pero consideramos que ten que saír natural, porque así é a forma na que sairá todo mellor. Si por musicalidad hai que meter unha palabra en normativo, métese, pero sempre tentamos facelo para que sexa natural e divertido”, reflexiona Samu. 
 

O mesmo ocorre cos seus temas en castelán, xa que moverse entre as dúas linguas non lles suscitou ningún tipo de crítica ou polémica. Fano con normalidade porque “usamos o castelán tamén para ofrecer outra melodía coa voz, unha cousa distinta ao galego”. “Xa só ao cambiar de idioma, pola súa pronuncia, a forma de cantar cambia. Pero non buscamos nada. Neste disco saíu unha canción en castelán. Non é malo nin incrible. No próximo igual son catro. Os idiomas son cultura e hai que usalos”, indica. 

 

Si a súa forma de expresar é parte do seu estilo, as súas referencias tamén. Os seus temas están trufados de mensaxes relacionadas co mundo da noite, un ambiente que estes festeiros coñecen ben e que levan ás súas letras. “Alimentámonos de experiencias. Gozamos da noite, de bailar, e facemos de esponxas para levalo todo aos nosos espectáculos…Tamén é importante a noite para non perder a Matías”, di Samu.  
 

BÁGOAS DE ALEGRÍA

Co disco xa dispoñible, o seguinte gran momento vivirano en cuestión de dez días, cando se abran as portas da Capitol para recibir aos muradáns, que viviron o día da venda de entradas para a Capitol con nerviosismo e incredulidade. Porque antes de que Dani Martín esgotase os tickets dos seus shows no Wizink, The Rapants xa puxeran a súa bandeira na Sala Capitol. 

 

“Para empezar, nós somos mellores que Dani Martín”, lanza con graza Samu, que rememora aquel día como unha data na que se estaba preparando para comezar a rodar o segundo videoclip deste disco. “Estabamos cada un na súa casa e a mil cousas. Atentos ás entradas, pero tamén facendo para comer para a xente do videoclip, preparando a roupa… Empezas a te mover pola casa e non sabes que facer”, evoca. 

 

Samu the rapants
Samu, vocalista e guitarrista de The Rapants

 

A partir de aí, o goteo de boas noticias: Pasou un minuto e xa ían 100 entradas. Dous minutos e 200, e máis, e máis…e aos oito minutos xa non se podían vender máis. Funme correndo a casa de Matías chorando da emoción pensando que era imposible”. Tiveron que pellizcarse unha vez máis, porque tras o anuncio da segunda data ao día seguinte, pensando que só irían uns tardegos sen entradas para a función do sábado 23 de marzo, os boletos volveron esgotarse en menos dunha hora.   
 

“É unha alegría, pero ao tempo dis: ‘E agora…que fago? Como cumpro as expectativas desta xente?’ Vivimos un cúmulo de emocións incribles. Vivimos o soño de catro rapaces que se xuntaron un día nunha sala de Muros a tocar catro cancións e contar catro bobadas que pasaron nunha bebedeira. Agora esgotamos dúas Capitoles. É unha barbaridade”, considera.  
 

O seu éxito non se circunscribe só a unha sala. A proba témola en todos os festivais nos que actaron o ano pasado e nos que están por vir, con datas confirmadas no Ouren Sound, o SonRías Baixas, o PortAmérica ou a Osa do Mar, nunha Burela que tamén senten como súa e onde atopan “o mellor bonito asado do mundo”.


Aínda haberá que agardar para coñecer máis datas para os novos espectáculos que este disco trae debaixo do brazo, polo que convidan a estar moi atentos a todos os anuncios que poidan saír nos próximos meses “aos poucos”. Iso si, léveos onde léveos a música, hai un lugar que terán sempre por bandeira.“Muros levámolo dentro e a todos os sitios onde imos. Somos de aquí e damos un golpiño na mesa en nome dos pobos pequenos”, reivindica a banda. De Muros para o mundo. Os de The Rapants son uns máquinas…e do bo rollo. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE