Sanidade chama á prevención contra intoxicacións por monóxido de carbono
Tres persoas falecen en Galicia cada ano por este gas xerado ao queimar combustibles en lugares pechados.
A Consellería de Sanidade alerta aos cidadáns sobre o perigo das intoxicacións por monóxido de carbono, gas procedente da queima de combustibles orgánicos, que ocasiona a morte de tres persoas cada ano na Comunidade galega e xera máis dun centenar de alarmas das cales se confirma finalmente un 25%.
Así o informou a Xunta nun comunicado baseado en datos de 2016, ano no que 14 persoas foron ingresadas e tres delas faleceron por mor de intoxicacións con este gas na súa contorna doméstica. Para previlo, desde a Consellería tentan "avisar aos cidadáns da importancia de tomar medidas para protexerse" deste perigo.
O monóxido de carbono é un gas que se xera na queima de combustibles orgánicos (gas butano ou propano, petróleo, gasoil, gasolina, queroseno, carbón ou madeira). Todos os electrodomésticos que queiman combustible (quentadores de auga e gas, estufas, fogóns e fornos de cociña ou braseros de leña), consomen osíxeno e producen monóxido de carbono como residuo.
Para o ser humano, a inhalación deste gas que non se pode ver nin cheirar resulta "fatal", tal e como explicou a Xunta, xa que "pode causar a morte en poucos minutos". Neste sentido, Sanidade alertou de que as persoas que presentan "maior sensibilidade ante a súa exposición" son: mulleres embarazadas, bebés, nenos, persoas maiores e as que padecen anemia, problemas de corazón ou respiratorios.
SÍNTOMAS
Os síntomas de intoxicación por monóxido de carbono, segundo sinalou a Consellería de Sanidade, son "similares aos dalgunhas enfermidades comúns", como a gripe ou as intoxicacións por consumir alimentos en mal estado.
En baixas concentracións, o monóxido de carbono pode causar a falta de alento, náuseas e mareos lixeiros. Ao incrementarse a súa concentración no aire, causa dores de cabeza, mareos, náuseas intensas e mesmo confusión mental progresiva que termina en desmaios. Se se respira durante un período de tempo prolongado, pode chegar a ser mortal.
A Consellería de Sanidade recomendou que "se algunha persoa nota os síntomas" anteriormente indicados, "apague a fonte de combustión" e "abra portas e xanelas para respirar aire fresco". Neste sentido, incidiuse tamén en "a necesidade de poñerse en contacto con Urxencias Sanitarias no 061 (teléfono de contacto)" ou "acudir directamente a un centro de urxencias".
MEDIDAS DE PREVENCIÓN
A pesar de tratarse dun gas inodoro, a Consellería de Sanidade apuntou a que "existen varios factores externos que permiten detectar o aumento de CO no aire". Así, nos aparellos a gas, o consumo de osíxeno e a consecuente produción de monóxido de carbono, "aumentan perigosamente" cando queiman mal o combustible por falta dun correcto mantemento.
Sobre isto, explicou que unha forma para detectar tal perigo é que "a chama do quemador vólvese cada vez máis amarela e menos azul". De identificar o problema en estufas ou quentadores de auga, é recomendable que a súa instalación e a dos condutos de ventilación sexa "revisada por un profesional".
En concreto, Sanidade incidiu en que "nunca se debe empregar o forno de gas da cociña" para quentar unha casa, aínda que sexa "por pouco tempo". Tampouco se debe "queimar carbón dentro dunha vivenda", nin sequera dentro da "cheminea".
Tamén é desaconsellable utilizar "o brasero tradicional de leña na vivenda" e, de usalo, ten que "estar á vista" e ser "apagado durante as horas de soño". Así mesmo, debe evitarse "acender motores de combustible en ambientes pechados", como poden ser galpóns e garaxes.
Escribe o teu comentario