En Marea sitúase en contra de legalizar os ventres de aluguer
A formación entende que supón "regularizar a mercantilización do corpo da muller" | Prefiren o termo 'ventre de aluguer' ao de 'maternidade subrogada' para focalizar a componente mercantilista.
// @En_Marea
En Marea concretou, nun debate "central" desenvolvido este fin de semana en Santiago, a súa postura con respecto aos ventres de aluguer, cuxa legalización supón para os seus integrantes como "regularizar a mercantilización do corpo da muller".
"Asistimos a un novo episodio na mercantilización dos corpos das mulleres, de novo, baixo os parámetros da súa función reprodutiva", recolle o argumentario de En Marea tras dous meses de asembleas por distintos puntos de Galicia.
No documento de conclusións sobre o tema tamén apostan por empregar o termo 'ventres de aluguer' en lugar de 'xestación subrogada', para "focalizar a compoñente mercantilista do proceso" e "o emprego do corpo da muller coma se fose un medio de produción".
Para En Marea "é preciso aclarar os conceptos" en relación a esta cuestión, xa que en moitos casos o que transcende é "un relato incompleto e sesgado". "Son moitos os eixos e perspectivas que debemos ter en conta neste debate e un dos fundamentais, que determinará posicionamentos posteriores, pasa pola concepción que temos da maternidade e da paternidade, pois estas non poden ter a categoría de dereitos, e non deben mesturarse co dereito á reprodución, xa recoñecido", apuntan.
Invocar á liberdade individual neste contexto "non deixa de ser unha falacia" para En Marea, dado que a sociedade está inmersa "nun modelo de consumo acrítico, onde todo queda subalternizado á capacidade de pagar para satisfacer estes desexos e onde o único dereito que parece ser respectado en todas as circunstancias é o de poder consumir".
Escribe o teu comentario