Multan a PSA Peugeot con 50.000 euros por vulneración do dereito a folga

A empresa deberá pagar 457 euros a cada un dos 18 traballadores demandantes, detraídos pola súa participación nos paros. 


|

Automocioncitroenpeugeot


O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou un recurso de suplicación interposto pola CUT e por 18 traballadores da planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo, e condenou á multinacional para pagar 50.000 euros ao sindicato por vulneración do dereito de folga e liberdade sindical, así como a devolver aos empregados o diñeiro detraído nas xornadas en que exerceron ese dereito.


A sentenza refírese á convocatoria de paros parciais nas diferentes quendas da planta automobilística por parte da CUT e a CIG, para o 5 maio de 2015 (e a madrugada do día seguinte), e que coincidiron coa visita do entón presidente do Grupo PSA, Carlos Tavares, á fábrica viguesa.


Ante a convocatoria, a empresa advertiu de que se trataba dunha folga de carácter "abusivo" e que podería declararse ilegal, aínda que non promoveu conflito colectivo para reclamar esa declaración ante os xulgados (medida que si adoptara nunha convocatoria anterior). A xornada de paros mantívose, e nela participaron uns 200 traballadores indefinidos e algúns contratados de forma temporal.


A CUT denunciou que a empresa substituíra aos empregados que participaran nos paros e que se vulneraron os seus dereitos fundamentais, pero o xulgado do Social deu a razón á empresa e rexeitou a pretensión dun grupo de folguistas de recuperar o diñeiro que a empresa lles detraera.


Agora, o alto tribunal galego estimou o recurso de suplicación deses traballadores e do sindicato, e puntualizou que non pode considerarse a ilegalidade da folga de maio de 2015 porque a empresa non formalizou ningunha demanda solicitando esa declaración.


INVESTIMENTO DA CARGA DA PROBA


Na sentenza do TSXG, sinálase que hai "indicios de vulneración de dereito fundamental" e que corresponde á empresa "a carga de probar que a súa actuación obedece a motivos razoables, estraños a todo propósito atentatorio dun dereito fundamental".


Así mesmo, apúntase que a multinacional non acredita a que sector da cadea afectou a folga, se a participación deses 200 traballadores foi suficiente para paralizar ou diminuír a produción, ou se a substitución de empregados foi para suplir aos folguistas ou aos empregados que participaron nas actividades organizadas con motivo da visita de Tavares.


O TSXG fallou, por tanto, que PSA Peugeot Citroën debe abonar 50.000 euros ao sindicato CUT por vulneración de dereitos fundamentais, e devolver 457,07 euros a cada un dos 18 traballadores demandantes, detraídos pola súa participación nos paros.


Fontes da empresa consultadas por Europa Press confirmaron que os servizos xurídicos da multinacional están a analizar a sentenza do TSXG e que presentarán recurso de casación.

relacionada A CIG ve condicións para unha folga xeral, pero non se lanzará en solitario

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE