A cidadanía, no centro da protesta de 'Queremos Galego' do 17 de maio: "Imos reescribir o futuro"
Esta mañá presentouse o programa de 'Queremos Galego' para o próximo 17 de maio, cun acto central ás 12 horas en Santiago de Compostela, onde se celebrará unha manifestación en defensa da lingua.
Esta mañá presentouse o programa de 'Queremos Galego' para o próximo 17 de maio, cun acto central ás 12 horas en Santiago de Compostela, onde se celebrará unha manifestación en defensa da lingua.
Galiciapress preguntou a Marcos Maceira, portavoz do colectivo, sobre os apoios da administración ás reivindicacións das organizacións e as conquistas dos últimos tempos, das que a sociedade galega "é a única responsable".
"Esperemos que cambien as relacións (co cambio de goberno). Ata o de agora non se cumpriu con ese Estatuto de Autonomía. Temos a esperanza de que se faga", di Maceira.
Presentación da manifestación do 17 de maio en Libraría Couceiro | Foto: Galiciapress
“Nada indica que o galego teña que morrer e desaparecer. Reclamamos un novo futuro para o galego. Reescribir o futuro”. Esa é a esperanza coa que as plataformas que conforman ‘Queremos Galego’ sairán á rúa en próximo 17 de maio, despois de que o portavoz da entidade, Marcos Maceira, anunciase esta mañá en rolda de prensa o programa previsto para ese día.
Ademais de Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística ademais de portavoz de ‘Queremos Galego’, estiveron na presentación dos actos Fernando Lacaci (ANPAS Galegas), Suso Bermello (CIG), Lucía López (BNG), Patricia Varela (AS-PG), Daniel Asorei (AELG), Andrés Bellas (APRADOGA), Iria Taibo (AGPTI), Uxía Caride (AGAPI), Xosé Barato e Toni Salgado (AAAG).
Os actos programados con motivo do Día das Letras Galegas serán “diversos” e “con presenza en todas as comarcas e localidades galegas”. Con todo, o acto central terá lugar en Santiago de Compostela cunha gran mobilización baixo o lema ‘En galego agora e sempre. Por un novo futuro para a lingua’. Desta forma, o 17 de maio ás 12 horas na Alameda de Santiago de Compostela arrincará a mobilización na que participarán todos os colectivos que integran ‘Queremos Galego’.
A adhesión da cidadanía ás reivindicacións das plataformas en defensa da lingua foron clave nos últimos anos para lograr certos fitos. Por iso, desde a organización esperan un amplo seguimento e dispoñerán de autobuses “para facilitar os desprazamentos a Santiago”. Os buses sairán de “practicamente todas as comarcas” e confían que sexan “a prezo reducido”. Con todo, a información correspondente facilitarase nos próximos días a través da web.
A SOCIEDADE COMO PROTAGONISTA
“Queremos poñer en evidencia con esta convocatoria varias cuestións, como que os avances conseguidos para a lingua foron grazas á perseveranza e ao esforzo colectivo da poboación. Non hai nin un só dereito conquistado que non fose froito dunha intensa mobilización social”, celebra Maceira.
Así, desde a iniciativa Xabarín ata a campaña ‘Netflix en galego’ lograron un significativo apoio popular, que se traduciu tamén nun respaldo das administracións públicas, que con todo parecen non ser decisivas para algunhas conquistas. “Destes avances a sociedade galega é a única responsable, sen ningún tipo de acompañamento institucional nin esforzo por parte de quen ten obrigas legais e morais”, subliñou Maceira.
Os PEORES DATOS DA HISTORIA
“A sociedade galega está soa na defensa da lingua”, lamentou Maceira. Como exemplo, o feito de que menos do 1% dos seguros pódense contratar en galego. Tampouco as sentenzas xudiciais melloran ese 1%. Os xoguetes en galego representan menos do 0,4% do catálogo. A escasa oferta na programación audiovisual, con especial énfase na programación infantil, tamén repercute na saúde da lingua.
Con este caldo de cultivo, Maceira recalca que nestes momentos “o 24% dos menores de 15 anos di ser incapaz de falar galego”. “Temos o índice máis baixo de coñecemento do galego da historia. É un dato innegable”, recoñeceu Maceira, que lembrou as advertencias de “organismos de relevancia”, como é o caso do Consello de Europa, á Xunta de Galicia para corrixir estas carencias. Reaccións internacionais que se sucederon polas denuncias dos colectivos, lembra Maceira, non pola acción das forzas políticas.
Ante este panorama, Maceira admite que é “imposible vivir en galego 24 horas ao día”, e que as trabas están a facer moi complicado que “moitas persoas incorporen o galego á súa vida cotiá”. “Para que as accións da sociedade frutifiquen é necesario que os gobernos de España e Galicia, como mínimo, abandonen a actitude de desprezo permanente ao galego e garantan a presenza da lingua en todo e para todo”.
SOMETIDOS A UNHA “REVISIÓN PERMANENTE”
“Por iso mobilizámonos. Para que os gobernos, e o novo presidente da Xunta tamén, comecen a exercer a súa responsabilidade nos intereses de Galicia e da lingua galega”, recalca Maceira, que critica a “revisión permanente” á que están sometidos.
“O exemplo é a iniciativa Xabarín, onde engadiamos propostas para a Lei do Audiovisual”, di Maceira, que se mostrou sorprendido polas emendas ao texto nas que se fala “de garantir estas cotas na lingua oficial do estado e nalgunha das linguas cooficiais”.
Presentación da manifestación do 17 de maio | Foto: Galiciapress
“Entendemos que exclúe dúas das tres linguas, e que podería ser a galega unha das excluídas. Sería unha vergoña que despois das mobilizacións que o galego fose unha das linguas excluídas desta reivindicación que arrincou en Galicia e na que o único parlamento do Estado que se posicionou foi o de Galicia, con unanimidade”, denuncia Maceira.
“Esperamos que non quede fora ningunha lingua. Reclamamos que todas teñan presenza, non que se poida deixar caer que algunha poida quedar excluída. Isto é indicativo de como temos que estar permanentemente vixiando e actuando para que as consecucións non se revertan”, critica.
CAMBIO NAS RELACIÓNS?
Preguntado por Galiciapress sobre os cambios que se aveciñan na Xunta tras o salto de Feijóo a Madrid e como pode afectar isto ás relacións dos colectivos coa administración, Maceira indicou que o ideal sería actuar “como unidade” e que confían nun cambio no apoio que recibían ata o de agora.
“Esperamos que si. Un dos primeiros actos que terá que facer o próximo presidente da Xunta será xurar ou prometer o Estatuto de Galicia. Non está de máis lembrar que di que o galego é a lingua oficial de Galicia e que os poderes públicos teñen a obrigación de promovelo e defendelo. Imaxino que cando un xura un documento, como lle pasa a calquera cidadán, sabe o que di, porque o di o artigo 5 do Estatuto de Autonomía”, explicou Maceira.
Aínda que no pasado as relacións non foron as mellores, Maceira insistiu en esperar a “a ver que pasa”. “Ata o de agora non se cumpriu con ese Estatuto. Temos a esperanza de que se faga. Porque os esforzos que facemos, que implican moitos recursos por parte de persoas a nivel individual e colectivos, sen o acompañamento dos poderes públicos vémonos nesta situación, xa que aínda que os partidos galegos comprométense, ao non existir amparo dos poderes públicos vese reducido”, conclúe Maceira.
Escribe o teu comentario