Folga na conserva: “A patronal saca peito con récords de beneficios con traballadores cobrando 870 euros”
Galiciapress asiste aos piquetes de Jealsa Rianxeira, que parará este xoves a súa actividade, para charlar con Enrique Reino, de Comisións Obreiras e un dos membros da negociación con ANFACO-CECOPESCA para lograr melloras como reducir a temporalidade ou acabar coa brecha salarial, cuxa existencia negan desde a patronal.
Os traballadores e traballadoras da conserva están en pé de guerra. Galicia, espada do sector a nivel nacional, verá freado un dos motores da súa economía este xoves e o venres, despois de que nin patronal nin sindicatos lograsen un acordo para asinar o novo convenio laboral.
Galiciapress asiste aos piquetes de Jealsa Rianxeira, que parará este xoves a súa actividade, para charlar con Enrique Reino, de Comisións Obreiras e un dos membros da negociación con ANFACO-CECOPESCA para lograr melloras como reducir a temporalidade ou acabar coa brecha salarial, cuxa existencia negan desde a patronal.
Con soldos que non chegan a ser mileuristas, os operarios teñen este 3 de febreiro unha oportunidade nas rúas para que se oian as súas reclamacións, que poderían impulsarse se se aproba a reforma laboral. “Tanxugueiras di aquilo de ‘Veñen pra quedar’. Pois iso faremos os traballadores da conserva: vir pra quedar”.
Piquetes á porta de Jealsa | Foto: Galiciapress
Como cada noite, ás portas de Jealsa Rianxeira chegaron tres autobuses. Con todo, a diferenza do resto de días, estes viñan baleiros. Deles non se baixaron os homes e mulleres da quenda de noite. Hoxe non se traballa. A factoría boirense, un xigante do sector das conservas e que abastece a supermercados de toda España, paraba as súas máquinas pola folga dos traballadores que se reinicia este xoves 3 de febreiro, despois de un primeiro día de parón o pasado 21 de xaneiro, e que terá o seu segundo asalto o venres 4 de febreiro. Dous días de folga para reclamar salarios dignos, o fin da brecha salarial, reducir a temporalidade e, en definitiva, un convenio digno.
Onte ANFACO-CECOPESCA e os sindicatos estiveron reunidos durante horas nunha xornada maratoniana na que intercambiaron propostas desde as 9 da mañá ata a caída do sol. Avanzáronse nalgúns puntos e achegáronse posturas, pero non se logrou o obxectivo final e as negociacións romperon como en encontros anteriores. A folga era xa inevitable, co plan de traballo para xoves e venres suspendido nas fábricas desde primeira hora do mércores.
Este xoves están chamados todos os operarios do Barbanza a acudir ás 12 horas á Praza do Concello de Boiro para a manifestación e o venres, á mesma hora e no mesmo punto, terá lugar unha cacerolada. Protestas como está terán lugar en Vilagarcía de Arousa e Vigo, así como noutros puntos de España, onde tamén reivindican un convenio digno para o sector.
Con todo, foi un día de moita incerteza entre os traballadores, con mensaxes cruzadas e opostas nos que se xerou certa confusión sobre se chegaran ou non a un acordo ou se a folga quedaba suspendida. Enrique Reino, de Comisións Obreiras, participou na reunión e, nada máis saír, presentouse en Jealsa, onde liderou os piquetes na planta.
“Nós insistimos nas nosas peticións: equiparación salarial, subir a remuneración como deus manda máis os atrasos do ano pasado e o deste ano, ademais doutras moitas como os plans de igualdade, demandados nas empresas -que din ter asinados, pero que nós non vemos-, ou a temporalidade”, repasa do programa de CC.OO.
Tanto CIG como UXT, actores implicados na negociación, coinciden, a grandes liñas, é os aspectos fundamentais da negociación, marcada en gran medida polas informacións contraditorias que xurdían ao longo do día e que chegaban aos traballadores.
Reino acusa da confusión ao “bombardeo de mensaxes” sobre acordos como o alcanzado en Euskadi, onde as protestas lograron unha importante subida salarial no pacto coas patronais Cebek e Norpesco, ou como o acordo de Pescanova “cando Pescanova non pertence ao sector da conserva”. “A xente estaba impaciente, querían dilatar este día de folga para que non empezase o xoves”, indica Reino. De calquera xeito, co peixe conxelado, con acordo ou sen el, as factorías apenas contarían con marxe para poder traballar mañá de forma óptima.
Enrique Reino, co micrófono, durante a manifestación do 21 de xaneiro | Foto: Galiciapress
SUBIDA SI, PERO NADA MÁIS
No encontro do mércores, e tras o fracaso da non reunión do pasado 27 de xaneiro, a patronal mostrouse aberta a negociar as subidas salariais, atendendo á demanda de alcanzar o 6,5% do IPC. Con todo, non satisfixo ás partes. “Os demais temas nin se tocaron, seguen negando que exista unha brecha salarial, nin as categorías profesionais, nin a cuarta quenda… Entón dixemos que non podiamos aceptar esta proposta”, relata Reino.
O acordo puido chegar a última hora da tarde, cunha contraoferta con “unha subida salarial importante”, pero “sen acordo para os seguintes anos”. Tampouco convenceu aos sindicatos, que ata ese momento mostráronse unidos, sobre todo en aspectos como a igualdade salarial.
Este apartado é especialmente sanguento, sobre todo se consideramos que as mulleres son “o 80% da conserva” e poñemos de exemplo denuncias colectivas como a interposta contra Escuris fai case dez anos, nas que Inspección de Traballo constatou como as encargadas do grupo 1 tiñan complementos que oscilaban entre 68 e 182 euros, fronte aos complementos de cargo dos seus compañeiros homes de máis de 1.300 euros, ademais de “cuantiosos efectivos”.
“Nada cambiou nunha década. Unha muller que traballa no mesmo traballo que un home non pode cobrar menos. Ampáranse en que os grupos son diferentes. Pero isto non vai que no grupo 5 cobren máis que no 6, senón que no grupo 5 hai homes cobrando máis que as súas compañeiras desempeñando a mesma función. As diferenzas salariais deben marcalas as categorías, e os salarios deben subir para todos e acabar coa brecha salarial”, sostén. Unha proposta dos sindicatos mesmo contemplaba a opción de alcanzar a igualdade no seguinte convenio. A resposta foi non.
PATRONAL ENROCADA: NIN TEMPORALIDADE, NIN BOLSA DE HORAS…
A ruptura das negociacións chegou cunha ameaza: a última contraoferta tiña data de caducidade. “Xa veremos a partir do día 4”, dixeron. “Paramos para ter melloras reseñables nun convenio que non se toca desde hai 36 anos. Houbo negociacións, a perda da antigüidade e trienios, pero ten que haber un punto de inflexión. Mentres, a patronal sae sacando peito na prensa con récords de facturación e beneficios. E que levamos nós? Falamos de soldos de 924 ou 870 euros”, reprocha Reino.
A reclamación de aumentar a bolsa de 16 horas de médico para mellorar a conciliación, só sería atendida a cambio da 4º quenda de fin de semana salva domingos e festivos. “Por aí non pasamos”, resolve Reino, á vez que advirte que é un aspecto no que o seu sindicato non quere reflectir no convenio e deixalo a negociacións entre os comités de empresa e as firmas que o consideren necesario.
Pola súa banda, nun apartado como a temporalidade, tan perentorio en comarcas como a do Barbanza, onde a vida laboral de moitas persoas redúcese a rebotar de fábrica en fábrica cada seis meses con contratos precarios, Reino recoñece que é difícil avanzar “sen meter man ás ETT”. “Habería que abrir o melón dos convenios coas ETT”, admite.
Melloraría isto con a reforma laboral? “Claro. Veremos se se aproba dunha vez e as melloras que trae. A temporalidade vén marcada de Europa. Debería ser do 15%, pero dependendo da empresa dispárase a un 30, un 40 ou un 50%. O que se asinou era aumentar os persoais de fixos e fixos descontinuos, e non a temporalidade como está a pasar”, critica.
UNHA FOLGA INDEFINIDA?
“Cerqueira vai á folga, Ignacio Montes vai á folga, Jealsa vai, en Frinsa van ir á folga…aínda que daquela maneira”, comentan desde Comisións. Frinsa foi, precisamente, o “gran ausente” o pasado 21 de xaneiro, cando os sindicatos celebraron un seguimento multitudinario da folga, salvo na firma de Ribeira, a máis importante do sector.
Aparentemente, salvo casos contados, a actividade mantívose inalterada en Frinsa. Isto débese a presuntas presións por parte da compañía para que as súas empelados non secundasen a folga. “Coa Frinsa pasou o que pasou. Está secuestrada polo comité de empresa e algúns compañeiros comunicábanse en segredo, porque se os descubrían podían perder o emprego. É tan triste como iso, porque falamos dun dereito fundamental recollido na Constitución”, reprende Reino.
As cousas cambiaron e Frinsa parará -aínda que non pola folga- estes dous días. Os sindicatos animan aos seus operarios para acudir ás manifestacións para tentar que “quede pequena” a praza boirense. “Esperemos que sexa outro gran día de reivindicación e podamos dar todos un paso adiante. Que a xente acuda e maniféstese con liberdade e tranquilidade, porque é moi necesario conseguir este convenio e non seguir 40 anos como levamos sen melloras, con soldos pírricos, como o único sector industrial que non vai á alza como os demais… Pero hai que pelexalo e máis aquí, no Barbanza, onde somos a cabeza estatal da conserva”
Manifestación en Boiro o 21 de xaneiro | Foto: Galiciapress
Por agora, desde CC.OO. non queren exporse nada máis aló do 4 de febreiro. A posibilidade dunha folga indefinida vena, por agora, afastada. “Estamos nun mes de 28 días e xa imos parar dous. Con soldos de 900 euros…Non podemos pedirlles aos obreiros parar tantos días seguidos, porque algúns non poden permitirllo”, lamenta con amargura. Con todo, non o descarta, e empraza a seguir negociando antes de tomar decisións radicais. Para iso fai falta unidade como a destes días, e inspírase noutras mulleres que, como as conserveiras, rompen moldes: “Tanxugueiras di aquilo de ‘Veñen pra quedar’. Pois iso faremos os traballadores da conserva: vir pra quedar”.
Escribe o teu comentario