Adeus a Uterqüe en Vigo e A Coruña e a dixitalización de Inditex podería pechar "todas as tendas que Arteixo considere"

Inditex pecha Uterqüe en Galicia pero garante "as mesmas condicións" aos empregados afectados, di CIG



|

A firma Uterqüe, liña premium de Inditex, pasará a integrarse en Massimo Dutti pechando as súas 82 tendas. Este mércores foi a quenda da tenda da Coruña, que xa non abrirá máis as súas portas. A de Vigo é a seguinte.


Carmiña Naveiro, representante de CIG en Inditex, detalla para Galiciapress o proceso no que se atopa a compañía, que mentres acumula beneficios pecha pequenas tendas en favor de tendas moito máis grandes. 


Con todo, desde CIG recalcan que, grazas á forza dos sindicatos, os traballadores afectados por este proceso serán recolocados conseguindo que se respecte "as condicións laborais das que xa gozaban".


Tenda uterqu00fce

Tenda de Uterqüe na Coruña, á entrada da Praza de Lugo | Foto: Google Maps


O proceso de dixitalización lanzado por Inditex, cunha aposta decidida pola venda en liña en detrimento do modelo clásico de venda en comercio, arrasou con boa parte das tendas que a multinacional tiña en Galicia. Por citar algúns dos xa pechados, podemos atopar á tenda Massimo Dutti de Ourense, a Massimo Dutti de Lugo, a sección de MD cabaleiro en Marineda City da Coruña, Uterqüe de Santiago e o Zara Home de Cancelas, na capital galega. Eses son só unha parte da máis dunha decena de tendas que botaron a persiana este 2021.


Hoxe mesmo a tenda Uterqüe da Praza de Lugo na Coruña xa non abriu as súas portas. Carmiña Naveiro, representante de CIG en Inditex, sinala que os empregados deste comercio "son asumidos por Zara España S.A., polo que conseguimos que se garantise as condicións laborais das que xa gozaban". "Aos postos de responsabilidade equipásenselles os incentivos aos de Zara, pero non van perder absolutamente nada", insisten desde CIG.


Na mesma situación que a tenda herculina atópase a tenda de Uterqüe en Vigo, na Rúa de Urzaiz. A decisión adoptada no último mes por Inditex de suprimir as tendas físicas de Uterqüe -a firma premium da multinacional xunto con Massimo Dutti -que pasa a integrar a roupa de Uterqüe e a absorber a parte dos traballadores das antigas tendas físicas-, afecta a preto dunha vintena de empregos só en Galicia.


Pero hai que ter en conta que só con Uterqüe son 82 as tendas que pecharán progresivamente ao longo deste ano e de 2022, segundo anunciou o propio Pablo Isla, presidente de Inditex. Un anunciou que chegou logo de festexar un beneficio neto de 1.272 millóns de euros durante o primeiro semestre do seu exercicio fiscal 2021-2022. De igual maneira, estes peches de pequenas superficies suceden mentres Inditex abre cada vez máis tendas de grandes dimensións "preparadas para a venda en liña".


"A empresa xa o dixo: queren rendibilizar. Por que ter abertas 20 tendas con 50 persoas en cada unha se podo sacar o mesmo na venda en liña?"


"A empresa xa o dixo: queren rendibilizar. Por que ter abertas 20 tendas con 50 persoas en cada unha se podo sacar o mesmo na venda en liña? E iso vese nas súas contas, superando con fartura os ingresos dos últimos anos. Non é un tema económico, pero como sempre somos as traballadoras as que pagan o pato e as primeiras ás que se dirixen os recortes", critica Naveiro.


RECOLOCADOS DE MADRID EN MELILLA

O cambio de Uterqüe tampouco supón unha gran reestruturación na loxística de Inditex, xa que "Uterqüe xa era da cadea de Massimo Dutti, pero cunha dirección diferente; agora integrarase baixo a mesma dirección que xestione ambas as firmas", indican desde CIG. Con todo, este proceso de dixitalización xa supuxo o peche de ao redor dunha ducia de tendas. Para Naveiro este é un novo capítulo de o "ERE encuberto" de Inditex, e a este ritmo, de aquí a 2023, "poden pechar as tendas que Arteixo considere".


"Estamos a conseguir que se garantan os dereitos dos traballadores, que se lles garantan as mesmas condicións ou que mesmo sexan recolocados en central. Pero hai provincias onde os traballadores ven obrigados a rescindir o seu contrato porque poden estar a traballar en Madrid e queren recolocalos en Melilla", denuncia Naveiro, que celebra que en Galicia "facemos forza" para que isto non suceda: "O acordo alcanzado con UXT e CC.OO. non garante absolutamente nada, máis ben ao contrario, obrigando aos empregados para pagar para traballar".


Este sistema de "ou o tomas ou o deixas" non se fixo notar en Galicia nin levou a Inditex a xuízo contra os seus traballadores. Nestes momentos os procesos abertos contra a compañía por parte de empregados teñen que ver coa "modificación substancial que se fixo a traballadores con redución de xornada durante a pandemia polos calendarios impostos de forma unilateral".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE