Reaccións á marcha de Juan Carlos I: Silencio do PSOE e de Feijóo, o PP apoia a monarquía e o BNG reclama xulgala
A saída do Rey Emérito do Estado marcará un antes e un despois na vida política. As primeiras reaccións son diversas. O PP xa saíu en defensa da institución e tamén en defensa da figura de Juan Carlos. O PSOE garda silencio, aínda que parece que Moncloa coñecía a decisión hai tempo. Pola súa banda, o Bloque, como outros nacionalistas, alerta dunha "previsible operación para salvar á monarquía" e Podemos fala directamente dunha "fuxida indigna".
A saída do Rey Emérito do Estado marcará un antes e un despois na vida política. As primeiras reaccións son diversas. O PP xa saíu en defensa da institución e tamén da figura de Juan Carlos. O PSOE garda silencio, aínda que parece que Moncloa coñecía a decisión hai tempo. Pola súa banda, o Bloque, como outros nacionalistas, alerta dunha "previsible operación para salvar á monarquía" e Podemos fala directamente dunha "fuxida indigna".
Sanchez e O Rey nunha imaxe de arquivo
Desde as filas conservadoras reaccionouse con prontitude. Pablo Casado evita mencionar o escándalo das supostas comisións cobradas en Suíza para centrarse na súa "fundamental contribución á Transición, a promulgación da Constitución a construción dun Estado social, democrático e de dereito en España".
O PP ademais lanza un cable ao Rey Felipe VI aplaudindo o seu "labor exemplar" e apuntando que a monarquía é "imprescindible" para o futuro de España. Algúns líderes, como a madrileña Díaz Ayuso, tamén saíron á palestra en defensa da monarquía, algo que por agora evitou o presidente galego, Alberto Nuñez Feijóo. Nin el nin o PPdeG valoraron a noticia.
Feijóo en pasado acto co monarca no verán de 2010
O líder de Podemos cre que "a fuxida ao estranxeiro de Juan Carlos de Borbón é unha actitude indigna dun ex Xefe do Estado e deixa á monarquía nunha posición moi comprometida". Pablo Iglesias pide ao Goberno de España, do cal é vicepresidente, que tome medidas porque "un goberno democrático non pode mirar cara a outro lado nin moito menos xustificar ou saudar comportamentos que socavan a dignidade dunha institución crave como é a Xefatura do Estado e que son unha fraude á Xustiza". Un chamamento que sen dúbida pon nun aperto a Pedro Sánchez, que por agora esquivou a cuestión.
Cidadáns, do mesmo xeito que o PSOE, tampouco emitiu ningún comunicado oficial. Iso si, declararon a EFE que apoian a Felipe VI e á monarquía como institución. O seu portavoz adxunto Edmundo Bal mostra "repeto" pola decisión e compromete o respaldo laranxa tanto á institución como ao actual monarca.
Como era de esperar, os máis críticos son os nacionalistas periféricos. ERC acusa ao Emérito de "corrupto" e reclámalle que "por dignidade" compareza ante os tribunais e non fuxa da xustiza. O president Quim Torra comparou a marcha coa de Alfonso XIII, desencadenamento da II República, e asegura que tanto PSOE como Podemos sabían da "fuga" hai semanas. Desde o PNV califícase o movemento de "xesto insuficiente" e engaden que xamais pode acabar sendo unha vía para evitar render contas ante "as condutas presuntamente delituosas" tanto durante o seu reinado como despois.
O BLOQUE DENUNCIA UNHA OPERACIÓN PARA SALVAR Á MONARQUÍA
Pola súa banda, a executiva do Bloque Nacionalista Galego pediu este luns que se investigue "a fondo" a "corrupción da Casa Real" e que se xulgue "aos Borbóns" polas súas actuacións, "con todas as consecuencias penais e políticas".
Nun comunicado remitido aos medios despois de que se coñecese a decisión do rei emérito Juan Carlos I de abandonar España, o BNG considera que "resolver esta situación cunha operación de imaxe" non fará máis que "reafirmar a evidencia de que, para perpetuarse, o réxime español opta por seguir tapando e ocultando a corrupción real, a expensas da verdade e da democracia".
Escribe o teu comentario