Como ordenar as listas é o principal atranco para a confluencia de mareas, ANOVA e Podemos

O exalcalde admite que hai "conversacións" pero non "negociacións" porque Podemos insiste en manter a súa "postura hexemónica"

|

Segundo fontes de Podemos Galicia e das mareas municipalistas consultadas esta tarde por Galiciapress, as negociacións para unha confluencia seguen atorados. O motivo non é programático, senón a dificultade de acomodar a todos nas listas e baixo unhas siglas de consenso.


É dicir, cuestións que no fondo son instrumentais. Por iso todas as fontes consultadas este luns insisten en que hai marxe para chegar un acordo antes do venres, aínda que o ven afastado. 


Pacto no que en ningún momento estaría En Marea de Luís Villares, cuxas mareas municipalistas máis próximas xa moveron ficha coa presentación mañá dun manifesto conxunto de Santiago.


O NÓ GORDIANO DA CORUÑA

Unha das principais dificultades a salvar parece ser a configuración da lista da Coruña. Desde Podemos Galicia teñen claro que o seu candidato -que probablemente sexa o líder da formación violeta en Galicia Antón Gómez Reino- debería encabezar as papeletas herculinas. Non o ven así desde  as mareas municipalistas e ANOVA, que temen quedar relegadas a que as perciban como as denomina a miúdo Alberto Nuñez Feijóo, "as mareas de Podemos" .


Os principais referentes de ANOVA e municipalisas (o ex-alcalde de Santiago Martiño Noriega, o ex-alcalde da Coruña Xulio Ferreiro e o portavoz de ANOVA Antón Sánchez) son precisamente desta provincia. Teniendo en cuenta que hai "listas cremalleira", onde non haberá dous homes ou dúas mulleres seguidas, o encaixe é complicado. Máis aínda cando o luns a posible confluencia almorzouse unha enquisa que só lle dá un representante por esta provincia.


Hoxe, un das posibles cabezas de cartel, o exalcalde Santiago e membro de Anova, Martiño Noriega, advertiu a Podemos que "prescindir" do soberanismo e o municipalismo que encarnan Anova e as mareas locais pon "en risco" a posibilidade de que se produza "un cambio político" en Galicia cun goberno alternativo ao Partido Popular de Alberto Núñez Feijóo.


Alcaldes das mareas municipalistas galegas



Este luns, a cinco días do peche do prazo para o rexistro de coalicións electorais, Noriega asegurou que existen "conversacións" con Podemos e Esquerda Unida pero non "negociacións" para configurar unha candidatura unitaria da chamada esquerda rupturista, que podería concorrer á cita coas urnas do 5 de abril dividida en tres listas diferentes.

Noriega, que exclúe das conversacións á En Marea de Luís Villares, insistiu en que, polo momento, as posturas están afastadas porque Podemos pretende manter unha "posición hexemónica" sobre o espazo político, mentres que Anova e as mareas de Santiago e A Coruña consideran que a oferta electoral da candidatura estaría "incompleta" se non se inclúen as vertentes soberanistas de Anova e municipalista das mareas.

Segundo o responsable de relacións de Anova co espazo político, a cuestión non está na "nomenclatura" da candidatura ou na persoa que a encabece, senón en que se recollan "todas" as sensibilidades en condicións de "igualdade" para así continuar coa idea de unidade popular da que, para Anova, desmarcouse Unidas Podemos.

"Sabemos que hai un amplo sector da poboación que demanda que esa chave de cambio teña todos os dentes", subliñou Noriega, quen reiterou que, haxa ou non acordo con Podemos, Anova estará nos comicios do 5 de abril nunha lista coas mareas municipalistas.

Así as cousas, considera que existe marxe para rubricar un acordo antes do venres porque "as pontes" entres as distintas formacións do espazo político seguen en pé, aínda que cre que a postura de Podemos está lonxe de seguir na senda da "unidade popular" que se iniciou en 2012 coa coalición para as autonómicas Alternativa Galega de Esquerdas (AGE).

Neste sentido, reivindicou o modelo das mareas municipalistas para o seu traslado á política autonómica, pois, segundo Noriega, nestes espazos "non houbo problemas internos" e conseguiron manter "un apoio cidadán do 20 por cento" a pesar da derrota nas urnas.

NON DAN OS NÚMEROS
Ademais, Martiño Noriega apoiouse nas enquisas electorais publicadas nas últimas semanas para advertir de que está en risco a posibilidade dun "cambio político" en Galicia e que, neste escenario, a esquerda rupturista sería "unha chave" á que "non se lle poden quitar dentes", en referencia á posibilidade de que Galicia En Común, Anova e as mareas non alcancen un acordo que evite que concorran por separado.

E é que, segundo o exregidor santiagués, "coa melancolía do bipartito" non é suficiente para unha maioría alternativa ao Partido Popular. "A día de hoxe non vin ningunha enquisa que lle quite a maioría abosluta ao PP nin sumando coa extrema dereita. Iso é porque a esquerda rupturista non está", apostilou, antes de reivindicar o peso que "aritmético" achegan as formacións que en 2016 integraron o partido instrumental En Marea.

EXCLÚE A EN MAREA
Noriega, como xa fixo o pasado sábado o portavoz nacional do seu partido, Antón Sánchez; exclúe destas conversacións á En Marea de Luís Villares, pois cren que "despois de perder o apoio das organizacións" que no seu día a crearon, "tivo a oportunidade de testar" a súa oferta política nas eleccións xerais de maio, nas que obtivo pouco máis do 1 por cento dos votos.

En relación ás críticas vertidas por Villares desde fai máis dun ano pola influencia de Podemos no espazo político, o referente de Anova quixo desamarcarse do "discurso" do maxistrado en excedencia, aínda que recoñece que a formación violeta trasladou a Galicia a súa intención de asentarse territorialmente "ocupando espazos que antes eran compartidos" como, di, ocorreu antes en Cataluña, Valencia ou Andalucía.

Isto, continuou, "non é novo" en política, pois ocorreu "co PSOE ou o BNG no seu momento", polo que chamou a restar "dramatismo" á situación, aínda que cre que a falta de entendemento entre a esquerda rupturista resta opcións a alcanzar unha alternativa parlamentaria ao PP.

ESQUERDA UNIDA
Minutos antes da rolda de prensa de Martiño Noriega como portavoz de Compostela Aberta comparecía ante os medios, tamén en Santiago, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, que expresou a súa confianza en que poida pecharse un acordo antes do venres.

A cabeza de lista para as autonómicas de Esquerda Unida, que aposta por manter a fórmula Galicia en Común para o espazo en consonancia cos seus socios estatais de Podemos, manifestou que "hai marxe" para sumar a Anova á candidatura porque "non sobra ninguén".

Cuestionada sobre as críticas lanzadas polos responsables de Anova, Solla destacou que "a xenerosidade está sobre a mesa" e que tentarán sumar aos nacionalistas ata o último momento.

Sobre a candidatura do secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, ás primarias da súa formación, Solla manifestou o seu "respecto" aos procesos internos dos seus socios.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE