Prohibida indefinidamente a pesca nun río tras a presunta vertedura dunha empresa participada pola Xunta
A Xunta culpou da vertedura a unha empresa láctea, pero non publicou o seu nome. A única firma da zona é Dairylac, en cuxo consello de administración senta a propia Xunta, que ten o 25 por cento do capital a través de Xesgalicia. Medio Ambiente vese forzado agora a prohibir a pesca nesta zona protexida.
A pesca nun tramo do río Furelos e no regacho de Reboredo ao seu paso por Melide (A Coruña) quedará prohibida desde o vindeiro mércores 24 para "recuperar as condicións de habitabilidade piscícola" despois das verteduras rexistradas na zona.
Unha vertedura matou a miles de peces preto de Melide
A medida foi avanzada este luns pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, no encontro que mantivo coa Asociación Troiteiros do Río Furelos.
O pasado xoves, a Consellería de Medio Ambiente decidiu incoar un expediente sancionador pola vertedura rexistrada a semana pasada no río Furelos, ao seu paso polo Concello de Melide; onde se constatou a mortaldade de fauna ictícola.
Deste xeito, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará o vindeiro mércores a orde pola que quedará prohibida a pesca no tramo afectado pola vertedura, procedente dunha empresa láctea.
OUTRAS MEDIDAS
Así, a pasada semana, Medio Ambiente dirixiu solidariamente ao concello e á empresa un expediente sancionador pola comisión dunha infracción administrativa grave en materia de pesca fluvial, que pode ir desde os 3.001 euros ata os 30.000. Esta sanción será compatible coa esixencia dunha indemnización correspondente polos danos e perdas causadas.
Paralelamente, Medio Ambiente está a realizar os estudos técnicos necesarios para determinar a incoación dun segundo expediente administrativo sancionador por unha infracción moi grave en materia de conservación da natureza, xa que houbo danos sobre fauna e flora nun tramo de río que se atopa en Rede Natura 2000.
Neste caso, a sanción poderá ir desde os 60.000 euros ata os 300.000. Neste caso, tamén se dirixirán á empresa láctea, que se atopa no polígono da Madanela, e ao concello, que deberán asumir ao mesmo tempo a reparación do dano causado, é dicir, procederán á reposición de no medio natural presentando un proxecto de restauración, que deberá contar coa aprobación do Servizo de Conservación provincial.
Escribe o teu comentario