A enquisa do CIS en Galicia insiste en debuxar un gran envorco no mapa político galego
A súa credibilidade está lastrada tras o fracaso nas eleccións andaluzas. O instituto público volve situar ao PSOE primeiro e a Cidadáns terceiro, como sucedeu en outubro.
A súa credibilidade está lastrada tras o fracaso nas eleccións andaluzas
O polémico barómetro do CIS volve á carga. En Galicia o PSOE continúa na cabeza no ránking que suma intención de voto e simpatía con 26,5 %, por diante de PP (20,4), Cidadáns (13,8) e En Marea (9,7).
É dicir, o instituto público volve situar ao PSOE primeiro e a Cidadáns terceiro, como sucedeu en outubro. Isto suporía un gran envorco no mapa electoral galego, onde o PPdeG foi case sempre o máis votado e C's a penas logrou algún concelleiro, fracasando no seu anterior intento de coarse no Parlamento.
Respecto a outubro, o barómetro do CIS implica unha caída do PP (-1,5), un leve retroceso do PSOE (-0,5), un acenso dos laranxas (+1) e unha relevante subida da confluencia (+3,6).
Hai que ter en conta que a enquisa tivo lugar antes do comezo da campaña das eleccións andaluzas. Tamén que, dado o reducido da mostra, 176 enquisados, a marxe de erro é elevado, rolda o 10%. Ademais, o CIS non contabiliza ao Bloque, pois só pregunta por forzas de ámbito estatal ou que teñen representación nas Cortes.
O CIS foi moi criticado polo seu fracaso ao non predicir nin o derrube do PSOE andaluz nin a irrupción de Vox con 12 escanos. Na actual enquisa dálle a Vox un resultado do 1%, fronte ao 0,5% de outubro.
RESULTADOS ESTATAIS
A nivel estatal, o CIS mantén ao PSOE na cabeza, co PP a 12 puntos recuperando a segunda praza á conta de Cidadáns. A clase política sitúase por primeira vez como segundo problema nacional desbancando á corrupción.
CATRO DE CADA DEZ VOTANTES DO PP QUEREN CARGARSE AS AUTONOMÍAS
O PP dixo que as enquisas de CIS non as cre ninguén e que Tezanos debe pedir perdón polo seu fallo en Andalucía. O 41% dos seus votantes aposta por suprimir eliminar as comunidades autónomas, aínda que a maioría de españois prefire non tocalas.
Escribe o teu comentario