O teatro galego sae en defensa do polémico pregón de Entroido de Santiago

A Igrexa organizou unha vixilia de protesta na Catedral e a Asociación Española de Avogados Cristiáns anunciou que presentará unha querela contra Carlos Santiago.


|


Carlos Santiago


A Asociación de Dramaturgas e Dramaturgos de Galicia (Dramaturga) expresou a súa solidariedade e apoio ao autor do pregón do entroido de Santiago, Carlos Santiago, logo da polémica xurdida polas supostas ofensas relixiosas vertidas durante a súa intervención. "A ficción non se escraviza. O Entroido non se civiliza. O humor non se toca. Son sacros", reivindican.


"Dentro do humor, por tanto dentro da ficción, todo é posible e todo está permitido, sobre todo cando non está en xogo a dignidade de ningún ser humano", indica o colectivo nun comunicado no que rexeitan a "terxiversación" das palabras do dramaturgo e cómico e o "acoso ao que está a ser sometido a través das redes sociais e certos medios de comunicación".


Nesta liña, lembran que o entroido "é un espazo temporal e mental no que a farsa e a sátira son artefactos pacíficos utilizados contra os poderes establecidos" e que estas celebracións constitúen "un momento de subversión dos roles sociais" a través de "a ficción e o humor sincretizados no uso sempre provocativo do disfrace, ou sexa, do teatro, ou sexa, da ficción".


Así, consideran "intolerable" que "a Igrexa e certos medios de comunicación se alíen para tentar censurar contidos humorísticos nunha evidente estratexia de manipulación mediática con fins espurios". "Os sentimentos nin se ofenden nin se defenden, senten", apostilan.



Pregon entroido entroido en santiago


Deste xeito, Dramaturga censura o que considera un novo paso en "o mantemento da onda represiva que ano tras ano está a poñer en cuestión liberdades existentes en tempos --supostamente-- xa superados".

Así as cousas, expresan o seu apoio "sen fisuras" ao discurso de Carlos Santiago e ao propio autor, condenan "con rotundidade a agresión" que, din, sofre o dramaturgo e reivindican o dereito á liberdade de expresión dos traballadores da palabra.


MALESTAR NA IGREXA


O polémico pregón, do que polo momento non existen documentos gráficos que recollan as supostas ofensas ao Apóstolo e á Virxe do Pilar máis aló dos testemuños de asistentes recolleitos por algúns medios, xerou indignación en certos sectores da Igrexa, que convocaron para este sábado celebracións relixiosas como "acto de desagravio".


Ademais, a Asociación Española de Avogados Cristiáns anunciou o pasado venres que presentará unha querela contra o humorista responsable do pregón por "o contido vejatorio anticristiano" e non descarta, na medida "en que solicite probas", ampliala proximamente ao alcalde compostelán, Martiño Noriega.


"ANACRÓNICAS CRÍTICAS"


Pola súa banda, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) tamén saíu ao paso da polémica para apoiar a Carlos Santiago e expresar a súa "absoluta repulsa ás anacrónicas críticas" que está a recibir o dramaturgo afincado na capital galega.


"Resulta insólito, casposo e ridículo que, aínda hoxe haxa quen pense que facer humor é delito", asegura a organización do certame nun comunicado publicado na súa páxina web no que enmarcan o discurso dentro do humor --"un código que permite facer ou padecer as críticas máis descarnadas sen que o sangue chegue ao río"-- e da festa do entroido --"a máxima expresión festiva da liberdade"--.


A continuación, indican que "de facer caso a estas insólitas opinións" de persoas "que pensan que a ficción ten que adaptarse ao seu particular e restrinxido gusto", deberían cuestionarse "boa parte do cinema norteamericano por violento, bélico, sexista e por facer apología do terrorismo".


"E, xa de paso, podemos prescindir dos textos de autores crave da nosa cultura como Aristófanes, Shakespeare, Molière, Emilia Pardo Bazán, Bertolt Brecht, Val-Inclán, Albert Camus, Dorotea Bárcena, Harold Pinter, Roberto Vidal-Bolaño, Sarah Kane, Samuel Beckett, Franca Rame e Darío Fo ou Sor Juana Inés da Cruz", conclúe o comunicado do festival.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE