​O Goberno propón mandar a prisión permanente a incendiarios que provoquen mortes

O proxecto de lei aprobado este venres amplía os supostos aos que aplicarlle a pena. Din que non lexislan "en quente".


|

Incendio extincion bombeiros


O Consello de Ministros aprobou este venres o proxecto de lei co que propón ampliar os delitos penados con prisión permanente revisable. En concreto, introduce cinco novos supostos: asasinato con obstrución da recuperación do cadáver, asasinato despois de secuestro, violacións en serie, violación a un menor tras privalo de liberdade ou torturalo e mortes en incendios, estragos en infraestruturas críticas ou liberación de enerxía nuclear ou elementos radioactivos.


Así o informou este venres en rolda de prensa o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, quen xustificou esta decisión porque existe "unha demanda social", á vez que defendeu que o Executivo non está a lexislar "en quente".


O ministro lembrou que a pena de prisión permanente revisable se introduciu na lexislación española en 2015, pero que entón o Goberno foi "prudente" e limitou a súa aplicación a oito supostos --asasinato de menor de 16 anos ou persoa especialmente vulnerable; asasinato subseguinte a un delito contra a liberdade sexual; asasinato cometido por membro de organización criminal; asasinato múltiple; asasinato terrorista; homicidio do xefe do Estado ou herdeiro; homicidio de xefes de Estado estranxeiros; e xenocidio ou crimes de lesa humanidade--.


VONTADE DOS CIDADÁNS


Agora, o Goberno opina que, ademais dos "avais xurídicos e legais", ten o "principal aval", que é a "vontade dos cidadáns". "Nas enquisas, a opinión pública reiteradamente puxo de manifesto que considera razoable que no Código penal exista unha pena así para os delitos máis graves", explicou, á vez que remarcou que neste apoio hai unha "certa identidade ideolóxica dos votantes" de PP, PSOE, Ciudadanos e Podemos.


Ademais, lembrou que a maioría de países europeos inclúe a pena de prisión permanente revisable no seu ordenamento xurídico, con gobernos de distinta cor política. "É unha cuestión moi consolidada e non coñezo ningún goberno que se estea propoñendo a revisión", manifestou.


CONFÍA NA REFLEXIÓN


Á pregunta de se ve posible aprobar o proxecto de lei, o ministro limitouse a sinalar que xa se verá o que sucede durante a tramitación parlamentaria, pero volveu lembrar que a prisión permanente revisable existe en toda Europa salvo en Croacia e Portugal.


"Se o 80 por cento da poboación considera que debe existir esta pena, como van estar os grupos tan afastados do sentir social? As leis deben parecerse á sociedade o máximo posible e é o que tentamos, lexislando tamén preto das vítimas do delito", explicou.


Ademais, subliñou que "non foi o Goberno quen puxo encima da mesa" o debate de ampliar a prisión permanente revisable, senón "os grupos que propuxeron a súa derrogación" e negou que o Executivo aprobase este proxecto de lei "en termos de oportunidade electoral".


relacionada A oposición mostra o seu rotundo rexeitamento á prisión permanente revisable
relacionada ​Rajoy: "Esa dor, que é permanente, por desgraza non é revisable"
relacionada ​O pai de Diana Quer presenta dous millóns de firmas pola prisión permanente revisable

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE