O PSdeG carga contra a "inacción" da Xunta ante o "lamentable" estado do centro de saúde de Negreira
Os socialistas reclamaron "con urxencia" a construción dun novo centro de saúde en Negreira "que garanta unhas condicións axeitadas tanto para o persoal sanitario como para os pacientes"
A deputada do PSdeG no Parlamento de Galicia, Patricia Igrexas, visitou este venres o centro de saúde de Negreira, onde denunciou o estado "lamentable" das instalacións e criticou a "inacción" da Xunta e do Sergas fronte a unha situación que cualificou de "inadmisible".
Acompañada do alcalde, Anxo Leis, e do equipo de goberno local, Igrexas denunciou humidades nas paredes, espazos reducidos e "deficiencias estruturais que comprometen a seguridade e a dignidade da atención sanitaria".
"Todo isto sostido polo Concello, mentres que a Xunta e o Sergas miran para outro lado", subliñou. Por iso, reclamou "con urxencia" a construción dun novo centro de saúde en Negreira "que garanta unhas condicións axeitadas tanto para o persoal sanitario como para os pacientes".
Escribe o teu comentario