Goretti Sanmartin: "O BNG demostrou que serve para parar a dereita, en Santiago e tamén en Madrid"

Galiciapress entrevista á alcaldesa 'in pectore' de Santiago de Compostela tres días despois dunhas elecciones que conceden aos nacionalistas unha oportunidade única para promocionar o que denominan "modelo BNG", co que aspiran a derrocar ao PP na Xunta e contribuir tamén a que Feijóo non chegue a Moncloa.


|

Na pequena oficina municipal do Bloque andan especialmente atarefados dende que o #28M deron a gran sorpresa. Ningunha enquisa preelectoral situaba a Goretti Sanmartin como alcaldesa e cando saíu a sondaxe do domingo da CRTVG, moitos ríronse del. Poucos minutos despois os primeiros resultados oficiais confirmaban o cambio, o PP non chegaba a maioría absoluta e o BNG empataba co PSdeG en concelleiros pero a súa vantaxe en votos medrada  a medida que avanzado o escrutinio. Ao final foron case un millar. Por vez primeira, unha muller ía ocupar a oficina máis grande do Pazo de Raxoi.

 

Esa muller é Goretti Sanmartín (A Estrada, 1964) profesora en Filoloxía Galega na Universidade da Coruña e veterana na política nacionalista, por exemplo ex-vicepresidenta da Deputación da Coruña. Da súa man, o Bloque de Santiago logrou triplicar o número de actas, de dúas a seis, e case tamén o de votos. Con todo, nos cuarteis nacionalistas non se respira euforia.

 

En primeiro lugar, porque aínda están pendentes das negociacións co PSdeG, aínda que a marcha de Xosé Sánchez Bugallo e as primeiras declaracións de Mercedes Rosón apuntan a que haberá pacto de goberno. Agora ben, a negociación non vai ser doada, os socialistas xa lle lembraron ao Bloque o empate en concelleiros. "A ciudadanía colocounos nunha situación de paridade co BNG que hai que aceptar", declarou onte Rosón.

 

En segundo lugar, porque na mente de todos os picheleiros está vivo o fugaz paso pola alcaldía doutro nacionalista, Martiño Noriega. Compostela Aberta aguantou só unha lexislatura no poder ferido durante unha forte ofensiva mediática e institucional. No Bloque saben perfectamente que as 'forzas vivas' da cidade e da autonomía tampouco os van recibir cos brazos abertos a coordinadora da Executiva Nacional do BNG e menos cando o ano que vén van intentar conquistar a Xunta.

 

Por iso é clave saber que vai facer Goretti Sanmartin en aspectos moi simbólicos, como os actos xacobeos, que poden servir para a construción do relato, que é o máis importante na comunicación política. As relacións coa Igrexa é precisamente un dos puntos desta conversa, como tamén o son as expectativas do Bloque nas xerais, as relacións con Compostela Aberta, os pisos turísticos e o futuro do casco histórico.

 

Goretti Sanmartin
Goretti Sanmartin tras a entrevista con Galiciapress no Pazo de Raxoi

 

 

 

 

 É unha anomalía histórica que Santiago non tivese nunca unha muller ao fronte, de igual xeito que o é que nunca houbese unha reitora, coa cantidade de mulleres que hai na universidade.
 

Supoñendo o previsible, que as forzas de esquerda cheguen a un pacto, que se sinte ao ser a primeira muller que vai ser alcaldesa de Santiago?

 

Unha inmensa honra e unha responsabilidade inmensa tamén. Son defensora da participación das mulleres na política e sei que sempre é difícil chegar a espazos como unha alcaldía. É unha anomalía histórica que Santiago non tivese nunca unha muller ao fronte, de igual xeito que o é que nunca houbese unha reitora, coa cantidade de mulleres que hai na universidade. Tamén é unha responsabilidade porque vai haber moitas olladas postas no que fagamos e en como o fagamos pero temos un equipo fantástico de persoas competentes e entregadas. Haberá unha transformación profunda de Santiago cun goberno cunha muller feminista e nacionalista ao fronte.

 

 

 

 


O mércores tras a súa ronda de prensa titulamos que o BNG da a entender que Compostela Aberta entre no Goberno de Santiago. ¿Canto nos equivocamos?

 

Non vos equivocastes nada. Pretendemos un goberno amplo, estable e sólido, que responda as necesidades da cidade que son moitas. É positivo que ese goberno sexa diverso, con forzas que teñen postulados diferentes pero tamén moitas cuestións en común. Todo o mundo debe definir os seus eixos básicos e nós xa dixemos cales son os nosos. O que queira remar nesa dirección, por nós, encantados.  É bo sempre en  política o consenso e o diálogo, sempre sustentado nuns principios firmes, nun modelo de concello que nós temos definido, pero é positivo que todo o mundo se sume.

 

No referido as negociacións co PSOE, tras a renuncia de Xosé Sánchez Bugallo, saben xa se Mercedes Rosón, a número 2 na lista, vai ser a súa interlocutora?

 

Neste intre estamos comunicándonos con ela, como número dous da lista, o tema de sobre como serán as reunión, horarios, persoas, etc. Con todo, entendo que será na xuntanza do venres que nos dirán quen vai ser o seu portavoz.

 

 

 


 

Falando de temas de xestión local máis concretos. Un dos asuntos que desgastou ao Goberno de Bugallo foi intentar regular os pisos turísticos. Houbo protestas e incluso houbo panfletos anónimos en campaña sobre o tema. Vaise atrever o Bloque a fixar máis limitacións para as vivendas de uso turístico?

 

Temos unha modificación en marcha, aprobada polo Concello e entendemos que hai que mirar como se concreta esta modificación. Primeiro, por sentenza xudicial, na Cidade Histórica xa non se poden poñer e hai unha modificación que regula os pisos no resto da urbe. Haberá que ver como vai e como se desenvolve a ordenanza.
 

Con todo, o que nos parece máis relevante agora é todo o que ten que ver co comercio, coa saturación de tendas de recordos no casco vello. Debemos traballar sobre isto de maneira inmediata, para declarar a zona histórica como zona saturada de comercio de souvenirs

 

 

 

 

Outro aspecto potencialmente polémico na próxima lexislatura e a relación dun goberno liderado polo Bloque coa Igrexa. Vai acudir a alcaldesa aos actos político-relixiosos na Catedral, tipo ofrendas ao Apostol, etc.?

 

Hai dous aspectos diferentes. Un, ter unhas boas relacións coa Igrexa. Como institución, forma parte da vida de Compostela e queremos unha boa relación, de colaboración. Incluso, chegar a convenios para a cesión dalgúns dos espazos que a Igrexa posúe en Santiago, que son moitos e poder ser útiles para fins sociais e culturais. Penso que é doado que se abran eses espazos.

 

Hai outro aspecto que é o institucional, sobre a representación institucional, como representante dun goberno local. Sobre isto falaremos despois de termos o apoio das forzas políticas. Deixámolo para unha segunda fase, para despois de constituído o goberno local.

 

Houbo un incremento de concelleiras e concelleiros e vai haber máis alcaldías do BNG. Os resultados, non só en Santiago, tamén en Galiza, son bos, tanto cuantitativa como cualitativamente. 

 

Unha cuestión máis política. Hai quen di que os resultados do BNG a nivel Galicia eran mediocres, porque quedou terceiro en número de votos -superouno o PSdeG, que quedara terceiro nos comicios autonómicos- frenando a onda de crecemento cara un eventual asalto á Xunta. Hai quen di que nada diso, que o que realmente se xoga nuns comicios é o poder para aplicar certas políticas -para iso existen os partidos ao fin e ao cabo - e que nese sentido para o Bloque, que é unha forza nacionalista, ter a alcaldía de Santiago é clave. ¿Como avalía vostede os resultados da fronte a nivel Galicia?

 

Houbo un incremento de concelleiras e concelleiros e vai haber máis alcaldías do BNG. Os resultados, non só en Santiago, tamén en Galiza, son bos, tanto cuantitativa como cualitativamente. Chegamos a lugares que van ser unha referencia e consolidamos maiorías absolutas.

 

Ademais, é certo que a capital de Galiza é un espello, unha gran oportunidade para facer as políticas do BNG. A capital é moi singular, están aquí todas as administracións, a universidade e é unha urbe Patrimonio da Humanidade. Temos moita visibilidade para que o modelo BNG sexa referente para o conxunto do país.

 

Ao final non é quen gaña en votos, porque aquí o PP tamén reivindica que quedou primeiro en votos e que polo tanto son os gañadores. O importante é quen vai ser determinante, quen vai poder facer políticas para construír o modelo de futuro das cidades que queremos. Nese sentido, está ben claro que o gañador é o BNG.

 

 

 


 

¿Como valora a convocatoria repentina de eleccións xerais e cal cree que vai ser o resultado en Santiago? En Compostela case sempre se elixiron alcaldes socialistas, tamén houbo un de Compostela Aberta e agora vai haber unha alcaldesa do Bloque. Con todo, nas eleccións xerais e sobre todo nas autonómicas, a maioría dos composteláns tendeu a votarlle a Feijóo …
 

O traballo desenvolvido por Néstor Rego no Congreso evidenciou que a labor dun deputado do Bloque é moito máis importante que a de moitos deputados de forzas estatais. Nos imos ao Congreso a defender os intereses de Galiza. Todo o mundo sabe que no caso de termos nós un grupo galego forte en Madrid vai servir realmente para que Galiza teña máis recursos, infraestruturas e mellorar a calidade de vida das galegas e galegos. Esperamos un punto de inflexión, un cambio de ciclo e cremos -e levamos demostrado- o importante que é ter deputados atentos as nosas reivindicacións. 

 

Creo que a xente cada vez vai facer menos esas diferencias de votos entre diferentes tipos de eleccións. Ademais, o BNG tamén probou que serve para parar a dereita, en Madrid ao igual que o demostramos noutros lugares, como Santiago. 


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE