"Trato discriminatorio" de Alsa nos buses de Ferrol: "Un traballador novo cobra máis que un con 35 anos de antigüidade"

A CIG convoca os paros no servizo do transporte urbano, cunha contrata de Maitours -filial de Alsa-, que subrogó ao persoal da extinta Tranvías de Ferrol. Preto de 40 traballadores ven afectados por este trato discriminatorio que Luís Taboada, da CIG, denuncia nunha conversación con Galiciapress , onde advirte que o conflito "vai para longo".


|

WhatsApp Image 2024 07 15 at 08.56.48
Foto: CIG

 

O bus xa non pasa polas marquesiñas de Ferrol. Polo menos, non coa súa frecuencia habitual, porque os traballadores de Maitours -filial da asturiana Alsa- mantéñense en folga desde principios de semana. Uns paros convocados pola #CIG e que afectan o servizo  do transporte urbano, cunha especial afectación estas semanas de xullo, onde moitos turistas se han quedaron sen este recurso, podendo botar man só duns servizos mínimos que están baixo a lupa dos folguistas. 

 

BOICOT Á FOLGA?

Noutro día máis de folga, Luís Taboada, da CIG, subliña a unidade de todo o colectivo, que tras outro madrugón presentouse na estación de buses “na mesma proporción dos primeiros días” para protestar pola situación do persoal que Maitours, a concesionaria, subrogó de Tranvías de Ferrol

 

 

Desde a concesionaria denunciaron nas últimas horas ataques contra a flota de buses, coa rotura de nove lúas en cinco dos seus vehículos vítimas destes “ataques vandálicos” dos que se desmarcan por completo na CIG. “É unha estratexia da empresa. Nós non temos nada que ver deses supostos ataques”, subliña Taboada, á vez que lembra que todos os movementos dos folguistas son seguidos de cerca pola policía “á que temos todo o día aquí”. 

 

 

“Estamos a deixar operar aos servizos mínimos sen problemas. Até agora non houbo problemas”, insiste Taboada, que con todo precisa que hai “malas artes” por parte da empresa para boicotear a folga co emprego de persoal eventual ou de Intercar, a outra empresa que conforma a UTE, para cubrir a totalidade dos servizos mínimos xa que, doutra forma, “non chegan”. 

 

“Tentan con persoal da empresa que non está en folga cubrir os servizos. O persoal eventual vese entre o eixo e a roda, e entendémolo. Cando un traballador entra novo e a empresa ponse nesa tesitura, non queda outra”, comprenden desde o sindicato. De calquera xeito, inciden desde a CIG que é unha manobra que a empresa mantivo durante os días de folga celebrados. 

 

UN TRATO “DISCRIMINATORIO”

O conflito non é nin moito menos novo, aínda que tardou anos en estalar por completo. A CIG demanda á empresa que aplique dunha vez por todas o convenio provincial de transporte de viaxeiros, como fai en todo o seu persoal salvo no caso do persoal que outrora prestaba servizo para Tranvías de Ferrol. Desde a empresa, en cambio, apóianse nos fallos xudiciais tras a denuncia interposta pola representación dos traballadores, considerando que a aplicación do convenio que lles aplican foi “referendada” por unha sentenza de 2021 do Xulgado do Social número 1 de Ferrol.

 

 

“É unha interpretación que eles fan da sentenza. Din que para que se nos aplique o provincial debe ser substituído por un novo convenio. Ese convenio non foi asinado, pero si a parte económica do convenio, polo que está xustificada a aplicación da parte económica por parte da empresa”, insiste Taboada, que non entende o por que desta decisión cando “terán que pagar unha serie de atrasos, e sábeno, desde xaneiro de 2023”.

 

 

“Démoslles opcións. Fomos ao AGA e houbo unha mediación. Se a empresa dese unhas cantidades mensuais mentres non se asina o convenio poderiamos chegar a un acordo”, suxire Taboada. No entanto, danse unha serie de situacións que fan que o persoal considere inadmisible o panorama actual: “Non pode ser que un traballador recentemente contratado cobre 400 euros máis polo mesmo traballo que compañeiros con 30 ou 35 anos de antigüidade. É claramente un trato discriminatorio”.

 

“VAI PARA LONGO”

Por outra banda, desde a CIG lembran que Alsa, xunto con Monbus , forma parte de Transgacar, onde “bloquean a firma do convenio”, polo que interpretan que todo está orquestrado desde Alsa para “#aforrar diñeiro á nosa costa”. Ao tempo, os intereses de Alsa e Monbus, condenadas por repartir o sector en Galicia co coñecemento da Xunta. “Alegan que o contrato dá perdas. Pero este contrato xa foi adxudicado cunha baixada temeraria e xustificada pola empresa, pero agora somos nós, os traballadores, os que temos que pagar as consecuencias”, lamenta. 

 

 

Nestes momentos non hai ningún tipo de liña de diálogo aberta e Taboada razoa que este é “un pulso” cunha empresa pecha nun conflito que, estima, “vai para longo”. “Aguantaremos aquí. Somos case 40 traballadores afectados subrogados de Tranvías de Ferrol, practicamente a metade do persoal”, detalla. O horizonte dos próximos días é que desde a CIG seguirán “facendo presión” con mobilizacións como as celebradas até agora. 

 

GSwuyVsXcAAFFlT
Foto: CIG

 

“Levo 20 anos na empresa e nunca ocorrera nada semellante. A xente non está afeita e desespérase, pero isto vai para longo, polo que temos que seguir con calma e manifestándonos dentro do posible para que a cidadanía nos entenda un pouco”, gabia Taboada.


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE