As Pontes, Caldas e o porto de Vigo entran no Perte de hidróxeno verde do Goberno de España

Suman un total de 32 millóns de euros en axudas para a construción de plantas de hidróxeno verde


|

Estes tres proxectos galegos forman parte dos 29 seleccionados provisionalmente polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para repartir 250 millóns de euros.

 

Os tres proxectos suman un total de 32 millóns de euros en axudas para a construción de plantas de hidróxeno verde, pero 24 deles irán destinados á planta das Pontes. 
 

Fotonoticia 20200428200001 420
Foto: EP


O Goberno seleccionou tres proxectos para crear plantas de produción de hidróxeno verde en Galicia --planeadas nas Pontes (A Coruña), Caldas de Reis (Pontevedra) e o porto de Vigo-- para recibir fondos do Perte de Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e Almacenamento.

En total, os tres proxectos seleccionados repartiranse un total de 32 millóns de euros, dos cales, o 75% --24 millóns-- irá parar ao proxecto 'H2Pole', impulsado por Reganosa e a portuguesa EDP no municipio coruñés das Pontes, que prevé un investimento total de 156 millóns de euros e a creación duns 60 empregos directos.

Pola súa banda, a iniciativa 'Green Umia' promovida por Iberdrola e Foresa no concello pontevedrés de Caldas de Reis recibirá 5,2 millóns de euros. Neste caso, o investimento anunciado elévase aos 40 millóns de euros e o número de postos de traballo "totais" ascende a 900 entres directos, indirectos e inducidos durante a fase de construción e de 265 na súa explotación.

Por último, a planta de hidróxeno verde 'Xullo Verne' deseñada no porto de Vigo percibirá 2,5 millóns de euros. Baixo o impulso dunha ducia de pemes galegas en colaboración con organismos como CTAG, Aclunaga ou Anfaco, estímase que esta planta estará en marcha en 2024 despois dun investimento de 6 millóns de euros.

Estes tres proxectos galegos forman parte dos 29 seleccionados provisionalmente polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para repartir 250 millóns de euros e que canalizarán un investimento total próximo aos 900 millóns de euros.

A relación de iniciativas seleccionadas, que se distribúen por nove comunidades autónomas, foron reveladas este xoves polo Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE), organismo dependente do Ministerio.

Trátase das dúas primeiras resolucións provisionais das liñas de axuda do Perte ERHA para o hidróxeno verde correspondentes aos programas denominados Pioneiros ou Singulares e de Cadea de valor.

Agora ábrese agora un período de alegacións sobre o resultado destas resolucións provisionais e a resolución definitiva espérase para inicios do próximo ano.

Na presentación en San Roque (Cádiz) do proxecto de produción de hidróxeno verde posto en marcha por Cepsa en Andalucía, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou que xa se contaba con resolucións provisionais de axudas na segunda liña do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica de Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e Almacenamento (Perte ERHA), para este total de proxectos.

 

10% DO TOTAL PARA A PLANTA DAS PONTES

A planta de hidróxeno verde promovida por Reganosa e EDP nas Pontes concentra case do 10% do total dos 250 millóns. O pasado 8 de setembro, esta iniciativa foi a primeira en ser designada pola Xunta como proxecto industrial estratéxico de Galicia, que, entre outras cuestións, reduce os prazos de tramitación á metade.

'H2Pole' conta cun investimento de 156 millóns de euros e a creación duns 60 empregos directos. Cunha capacidade nominal prevista de até 100MW, o obxectivo é que a primeira fase estea a operar en 2025 e a última antes de 2030, segundo os cálculos avanzados o pasado mes de setembro.

 

IBERDROLA E FORESA EN CALDAS

A segunda das iniciativas seleccionadas é a ideada por Iberdrola e Foresa, que prevén producir 2.900 toneladas de metanol anuais en Caldas de Reis (Pontevedra) despois dun investimento de 40 millóns de euros.

A planta, que suporá un investimento de 40 millóns de euros, terá unha subministración enerxética do parque eólico Castro Valente, situado a 12 quilómetros da futura planta e que contará cunha potencia total de 18 MW.

 

PROXECTO XULLO VERNE EN VIGO 

Por último, a construción dunha planta no porto de Vigo espérase para o primeiro trimestre de 2024. Segundo os promotores --unha ducia de pemes e organismos públicos e privados--, 'Xullo Verne' converterase nun dos primeiros puntos en España en xeración e distribución de hidróxeno verde para uso industrial e para mobilidade terrestre e marítima, 

'Xullo Verne', que conta cun investimento de 6 millóns de euros, prevé xerar ao ano 1,4 Mw mediante electrolisis (proceso para o cal se empregará enerxía fotovoltaica), o que permitirá reducir máis de 2.800 toneladas de CO2 de emisións ao ano. A xeración e dispensación de hidróxeno farase en instalacións que estarán situadas en Bouzas.

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE