​Rueda, sobre a folga na Xustiza: "aínda é factible chegar a un acordo"

A Xunta ofrécelles aos funcionarios máis permisos por maternidade e paternidade, pero non un achegamento nos salarios.


|

Roda conselloRueda anuncia "medidas" nos xulgados.

O vicepresidente da Xunta e responsable autonómico do departamento de Xustiza, Alfonso Rueda, aínda confía en poder negociar un acordo que evite a folga indefinida convocada para o sector xudicial a partir do 7 de febreiro. Iso si, se se produce, avanzou que a Xunta activaría medidas para evitar "unha paralización" dos xulgados.


Tras o Consello da Xunta, que presidiu este xoves dada a ausencia de Alberto Núñez Feijóo, de viaxe en Israel, o vicepresidente preferiu obviar o fracaso da reunión da pasada xornada, que acabou cun peche dunhas horas do comité de folga en dependencias da Dirección Xeral de Xustiza.


Se houbese que "interpretar" esta actitude dos representantes sindicais, Rueda afirmou que "habería que pensar que a folga é inevitable", pero negouse a aceptar esta visión e aínda ve posible reconducir o conflito.


Quedarían pendentes as reivindicacións de "igualdade de trato" co resto de funcionarios xudiciais (que non dependen da Administración galega) nas baixas por incapacidade temporal e unha subida a través do complemento autonómico transitorio.


Respecto da cuestión retributiva, Rueda insistiu en que hai unha proposta da Xunta "sobre a que se pode negociar", remarcou, á vez que advertiu, iso si, que o Executivo autonómico non asumirá a demanda "dunha subida de 3.000 euros (ao ano) por funcionario".


"AÍNDA HAI POSIBILIDADES"


"Esa foi a última que fixeron e a nosa negativa motivou que se levantasen da mesa", esgrimiu Rueda, quen garantiu, cando aínda hai que concretar os servizos mínimos, que se hai folga, "a Xunta activará medidas para que se proporcione non un servizo normal pero si que evite que se paralice a administración xudicial". Esta semana xa avisou nun comunicado interno de que suprimirían os días de permiso e vacacións concedidas ao persoal en febreiro.


"É a nosa obrigación e farémolo, pero esperemos que non faga falta porque aínda quedan uns días para arranxar a situación", aseverou, á vez que, preguntado acerca de se o Goberno convocará algún novo encontro, precisou de que "non se trata de quen convoque a quen", senón de que as negociacións sigan "abertas".


"Creo que aínda temos posibilidades e que os sindicatos saben que é factible chegar a un acordo", resolveu.


MÁIS PERMISOS POR NACEMENTO DE FILLOS


A Xunta ofreceulles aos funcionarios da Administración de Xustiza aumentar os permisos por maternidade (de 16 a 20 semanas) e de paternidade (de 29 días a cinco semanas) ata igualalos co resto de funcionarios galegos, pero os traballadores replican que esta proposta non se atopa entre as súas demandas principais trasladas ao Goberno galego ante a previsión de folga indefinida a partir o próximo 7 de febreiro.


Óscar Freixedo (CIG Xustiza) lembra que estes puntos que "a Xunta saca da manga" "en ningún momento son reivindicacións do comité", pois en "todo caso serían temas a tratar en mesa sectorial".


Neste sentido, os sindicatos quéixanse de que a Xunta non ofrece solucións sobre os dous puntos máis enquistados, que son os relativos ao incremento de soldo (a través do complemento autonómico transitorio) e o cesamento da "discriminación" con respecto a outros funcionarios xudiciais que non dependen da Administración galega no caso de baixas por incapacidades transitorias.


Sobre o salario, o sindicalista da CIG subliña que "é mentira" que pidan un incremento do 16%, senón que reclaman 150 euros ao mes para este ano, "moito menos do que eles confiscaron entre o 2014 e 2016".


REUNIÓN CON GRUPOS PARLAMENTARIOS


O venres haberá unha reunión do comité de folga para marcar os servizos mínimos para a folga, que está previsto sexa indefinida desde o 7 de febreiro se non se chega a acordo.


Así mesmo, os traballadores manterán un encontro cos grupos parlamentarios na Cámara galega, tras o que ofrecerán unha rolda de prensa.


relacionada O comité de folga de Xustiza reclama que a mediadora volva ás negociacións
relacionada ​A Xunta anula os días libres dos funcionarios de Xustiza, que o ven como unha "represalia"
relacionada ​A folga de funcionarios paraliza a Xustiza galega e abócase a ser indefinida

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE