Unzué xa ten ao dianteiro que quería: Lucas Boyé
O atacante arxentino chega a Balaidos cedido polo Tornio para cubrir a baixa de John Guidetti.
Presentación da fichaxe de Boé. RC Celta
Como todo estudante, o Celta fixo os deberes o último día de mercado: practicamente sobre a hora, con présas e arrastras, pero co obxectivo cumprido. Juan Carlos Unzué ten por fin ao atacante polo que suspiraba neste mercado de inverno. Soaron moitos nomes: Samam Ghoddos, Ganso, o regreso precipitado de Borja Igrexas…pero Unzué só tiña ollos para un: Lucas Boyé. E o arxentino é, despois dunha dura negociación co Torino, novo xogador do Celta de Vigo.
POLIVALENCIA PERO SIN GOL
Lucas Boyé, xurdido de Ezeiza, a sempre prolífica canteira de River Plate, arriba a Balaidos como un dianteiro cunha inmensa proxección. Aínda que estará cedido ata final de tempada, os celestes gárdanse unha opción de compra sobre o arxentino, que era o principal escollo nas negociacións co club italiano. Así, dependendo do rendemento que ofreza o de San Gregorio, o club vigués sopesará se quedarllo en propiedade ou devolvelo a Il Toro. Iso si, Boyé non sae barato: case un millón polo préstamo e 12 quilos se quere inscribilo o curso que vén como xogador celtiña.
Con todo, Boyé é un futbolista de moito futuro con gran presente. Aínda que pode actuar de nove puro, desenvólvese mellor partindo desde a banda, preferiblemente desde a esquerda para aproveitar a súa velocidade, o seu slalom e a súa perna dereita. Con todo, o Celta non ficha gol. É un xogador desequilibrante, comprometido, intenso e que destaca sobre todo pola súa velocidade e polivalencia, pero non é un xogador que sexa recoñecido pola súa capacidade anotadora. Ademáis, salvo na súa etapa en Newell’s, Boyé nunca tivo a oportunidade de sentirse titular indiscutible, e no Celta tamén terá que loitar por un posto ou con Sisto, que ocupa o extremo zurdo, ou con Maxi Gómez, a antítese do arxentino, tendo en conta que Aspas é intocable.
Como xogador de ‘a lepra’ deu o salto a Europa, pero antes tamén tivo a súa participación en River Plate, onde gañou a Recopa Suramericana, a Copa Suramericana e a Liberadores, a máxima competición continental de Sudamérica. Co club millonario non tivo continuidade, igual que en Italia, debido a que xogadores da talla de Iago Falque e Belotti pechábanlle a porta esta tempada, onde non xogou un só partido de titular, aínda que se era un dos primeiros cambios de Mazzarri. Agora chega a Vigo coa ambición de sentirse importante nunha das mellores ligas do mundo.
Ademais de Boye, o Celta tivo outros asuntos dos que ocuparse no último día de mercado. Fontas, pretendido por Betis e Real Sociedade, quedará polo menos ata final de campaña en Vigo, xa que verdibrancos e txuri-urdines contrataron a Bartra e Héctor Moreno para a zaga. O que se saíu foi Hjulsager, que non contaba para o técnico e que buscará ter os minutos que lle permitan seguir progresando no Selecta. Ao final, os celestes lograron o obxectivo e cando o mercado botou o peche, en Balaidos xa estaban a preparar o seguinte partido con todos os que tiñan que estar. Ninguén quedou sen saír ou sen entrar. Unzué xa ten ao seu exército para asaltar Europa.
Escribe o teu comentario