​Un experto xudicial en violencia machista reclama dependencias "menos hostís"

|

Ignacio picatoste parlamentoO maxistrado interveu no Parlamento. Foto: En Marea

O vogal encargado do ámbito da Igualdade e da Violencia de Xénero dentro da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Ignacio Picatoste, reclamou este mércores dependencias xudiciais específicas para casos de violencia de xénero que permitan desenvolver este tipo de actuacións nun "marco menos hostil" para as vítimas.


Durante a súa comparecencia na Comisión de Estudo para a Igualdade e os Dereitos das Mulleres, no Parlamento de Galicia, Ignacio Picatoste apuntou como un dos elementos para "mellorar" no ámbito do tratamento xudicial da violencia de xénero, as dependencias.


"Non vou dicir que as que están estean mal, digamos que distan do desexable", dixo Picatoste Sueiras, que apostou por "buscar un marco menos hostil para estas situacións" nas que, por exemplo, as mulleres acoden con fillos.


"Non é unha declaración fría sobre o roubo dun coche", lembrou o experto, que incidiu na necesidade de que tanto a contorna coma o xuíz estean nun "marco de confianza" que lle traslade á vítima "todo o apoio da sociedade".


Do mesmo xeito, Ignacio Picatoste apostou por "evitar na medida dos posible" as situacións de "revitimización". Tendo en conta que "hai casos nos que non é evitable", o maxistrado reivindicou que se "canalice o xuízo e o interrogatorio" para evitar que se agrave a situación.


En particular, incidiu nos desaxustes xerados pola necesidade de acreditar reiteradamente a condición de vítima, ante o que apostou por "estender algún tipo de credencial" de carácter temporal e revisable que lles permita ás mulleres acreditar esta condición "sen explicar constantemente toda a súa situación" ou ter que acudir ás instancias con "copia do auto".


Do mesmo xeito, cuestionou "ata que punto é tan necesario potenciar a presenza da vítima no procedemento" e chamou a atención sobre a "difícil solución" daqueles casos nos que a muller renuncia á protección.


COMARCALIZACIÓN


Outro dos elementos que o experto considerou positivos para mellorar a atención á violencia de xénero desde o ámbito da xustiza en Galicia é a comarcalización, un proxecto que xa se estudou no ano 2008.


Cando chegou o momento, este proxecto perdeuse, non se sabe por que", dixo Picatoste Sueiras, que sinalou como vantaxe deste sistema que "se pode crear unha infraestrutura de medios materiais e persoais de atención moitísimo mellores que o que supón telo disperso por todo o ámbito xudicial".


Por tanto, o maxistrado "aposta pola comarcalización con independencia do custo" que supoña". "Este problema social creo que merece este tipo de resposta", sentenciou.


Para Ignacio Picatoste, é necesario tamén "articular unha asistencia á vítima fose do órgano xurisdicional" a nivel administrativo e legal, que sexa "integral".


Finalmente, incidiu na importancia de empregar a educación e a sanidade como indicadores "claves" da presenza de violencia de xénero. "Cantas veces historiais clínicos esconden historias de malos tratos? Cantas veces percíbese na actitude do neno a situación que vive na súa casa?", apuntou o maxistrado, para quen "o verdadeiro problema non é que haxa unha denuncia, se non que un feito delituoso sexa detectado e sancionado".


relacionada ​A contorna das vítimas de violencia machista segue quedando calada
relacionada ​Aumentan as actividades en colexios para formar os alumnos contra o machismo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress