​A Biblioteca de Galicia pon en valor a obra de Camilo Díaz Baliño

|

Camilo diaz balinho ilustracion


A Biblioteca de Galicia celebrou este martes o Día da Ilustración abrindo unha exposición de 50 pezas dedicada ao artista Camilo Díaz Baliño, asasinado polo franquismo, protagonista desta data que promove a Consellería de Cultura.


'Camilo Díaz Baliño, a xenialidade truncada' é o título da mostra, que foi inaugurada na Cidade da Cultura polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; por Camilo Díaz Arias de Castro, neto de Díaz Baliño; e por Alberto Guitián, membro da directiva da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).


Conformada por un total de 54 pezas, todas elas custodiadas na Biblioteca de Galicia, e comisariada por Daniel Buján e Elena Díaz, a exposición fai un percorrido pola traxectoria profesional e vital de Díaz Baliño, na que destacan as súas facetas de escenógrafo, de pintor e de ilustrador de publicacións periódicas e de libros, entre outros elementos.


Da man das Irmandades da Fala, e ao redor da defensa e reivindicación da lingua galega, articúlase "todo un movemento político e cultural que inclúe a literatura, as artes escénicas, a investigación académica e, por suposto, as artes plásticas", ben como "expresión clarísima dunha estética especificamente galega", ben como "apoio imprescindible ao desenvolvemento e difusión doutras disciplinas", dixo Valentín García durante o acto.


Neste movemento, continuou, participan activamente relevantes artistas, como o propio Castelao ou Camilo Díaz Baliño, a quen se lle dedica este ano o Día da Ilustración.


Na exposición que acolle o Gaiás poden verse, entre outras pezas, as tapas que Díaz Baliño deseñou para a colección de novela da editorial Lar, que tivo un papel relevante na extensión da lingua galega a xéneros literarios diferentes da poesía.


"Camilo Díaz móstrase tamén como colaborador necesario na extensión do galego a novos ámbitos e espazos co seu labor como escenógrafo para a Coral de Ruada ou para O Mariscal de Cabanillas e de Vilar Ponte, que tamén se documenta nesta mostra", apuntou Valentín García.


relacionada ​Camilo Díaz Baliño será o homenaxeado no Día da Ilustración 2018
relacionada Unha gran homenaxe para lembrar a figura de Isaac Díaz Pardo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress