As eleccións á presidencia da patronal galega celebraranse o próximo 10 de maio

|


Ceg


A xunta de vicepresidentes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) acordou que a institución celebre eleccións á presidencia o próximo 10 de maio.


Este martes reuníronse os catro presidentes das confederacións provinciais, Antonio Fontenla (A Coruña), Jorge Cebreiros (Pontevedra), Jaime López (Lugo) e José Manuel Pérez Canal (Ourense), que conforman a xunta de vicepresidentes. Esta xunta configúrase como xestora cando o cargo de presidente está vacante, e á súa fronte sitúase a persoa de máis antigüidade no posto, que neste caso é Fontenla.


Así as cousas, os empresarios galegos elixirán dentro de 100 días cal será o seu novo máximo representante, tras a dimisión de Antón Arias a semana pasada, que é a terceira dun presidente da patronal en pouco máis de dous anos (tras as marchas de José Manuel Fernández Alvariño e Antonio Dieter Moure).


Nun estado de permanente conflito, unha nova persoa alzarase á fronte da entidade o próximo 10 de maio, tras unha asemblea convocada ás 12,00 horas. Os candidatos, segundo establecen os estatutos, poderán presentarse ata unha semana antes desa data.


Está por ver se durante as próximas semanas darán un paso á fronte varios aspirantes ou se as catro provincias acordarán un único candidatou, como era a intención hai un ano, ata que se presentou Antón Arias.


A DIMISIÓN DE ANTÓN ARIAS


Arias abandonou a CEG ao constatar que só puido levar adiante un dos seus dous obxectivos: a viabilidade económica da institución. O que non logrou foi a reforma dos estatutos, que precisamente expuña para evitar que se poidan dar situacións de bloqueo como as que se veñen dando no seo da organización desde fai cinco anos.


Neste escenario seguen enfrontados varios sectores, con gran malestar nas confederacións de Pontevedra e Ourense polo mandato de Arias, a quen apoiou no seu día tanto A Coruña como Lugo, e coa polémica sobre cal debe ser o papel das organizacións sectoriais no futuro da CEG.

relacionada ​Emilio Gayo, novo presidente de Telefónica España na renovación da súa cúpula
relacionada Renfe planea investir 1.500 millóns na compra de novas locomotoras e trens

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress