Tiruleque lanza o seu terceiro disco e inicia xira de presentación
A primeira data da xira do 'Outro que tal baila' é o 17 de febreiro na sala Capitol, de Santiago.
Tiruleque sacará á venda no mes de febreiro o que será o seu terceiro disco de estudo e iniciará xira de presentación o 17 de febreiro na sala Capitol de Santiago.
Tras lanzar os álbums 'Tiruleque' en 2009 e 'Mu!!' en 2013, a banda coruñesa publicará o 17 de febreiro 'Outro que tal baila', un proxecto discográfico que presenta un repertorio orientado á música de festa e de baile, explorando novas posibilidades partindo da música galega.
O título do álbum resulta "unha auténtica declaración de intencións", destacan os organizadores, xa que define "perfectamente" o espírito deste grupo que, "disco tras disco, busca promover música bailable con pura raíz galega".
Con este espírito, 'Outro que tal baila' reúne dez temas, dos cales tres son composicións propias nas que se xoga cos límites dos xéneros e seis versións de temas tradicionais recollidos por investigadores como Pablo Carpinteiro ou o americano Alan Lomax.
Os temas propios son 'Ribazo de Razo', definida como unha muñeira contemporánea de corte tradicional; 'Mazo té, mazo, xota' para dúas gaitas e resto de instrumentos, e 'Rumbanera', composición a medio camiño entre a rumba e a habanera.
Nas versións, os organizadores destacan temas tradicionais como a 'Muiñeira dos dous golpes', o 'Romance dos paragüeiros' ou 'Asubíame de lonxe'.
Escribe o teu comentario