​O avogado do maquinista do Alvia pide novas citacións por "neglixencia" coa seguridade

Solicítalle ao xuíz que chame como testemuña ou investigado ao responsable do departamento de obras de Adif, que "impuxo" deixar a curva fóra da análise de riscos.


|

Alvia accidentado angrois


O avogado do maquinista do Alvia accidentado hai máis de catro anos en Angrois, Manuel Prieto, achegou ao xuíz que investiga o sinistro tres actas internas de Adif que evidencian que o seu departamento de Seguridade soubo que non se lle encargaría á consultora Ineco a avaliación do risco na curva da Grandeira, onde se produciu o descarrilamento.


Nun escrito ao que tivo acceso Europa Press, presentado este luns no Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, o letrado que defende a Francisco Garzón pide a citación como testemuña ou como investigado do responsable máximo da Dirección de Instalacións e Control do Tráfico de Adif, á que lle atribúe unha "manifesta e inxustificada neglixencia".


De feito, indica que este departamento --o encargado das obras-- "impón a non aplicación" da normativa europea en materia de avaliación de riscos para o tramo que abarca a curva de Angrois.


Sobre a área de seguridade, a cuxa fronte estaba o investigado na causa Andrés Cortabitarte, critica que, de acordo co que se extrae das actas, "é consciente da necesidade de aplicar as normas Cenelec ao Ence de Santiago e que non se fixo", pero aínda así "emite o preceptivo certificado de seguridade para a autorización da posta en servizo da liña".


Asevera que así o departamento de Cortabitarte estaba "a incumprir de forma manifesta as obrigacións normativas en materia de seguridade ferroviaria, da que é responsable".


DISCREPANCIAS SOBRE A SEGURIDADE


Esas actas de reunións, ás que tivo acceso no seu día Europa Press, deixan clara a discrepancia entre a área de Seguridade de Adif (a de Cortabitarte) e o seu departamento de obras (a Dirección de Instalacións de Control de Tráfico) sobre a documentación de seguridade necesaria para darlle luz verde ao encravamento que inclúe a curva.


O departamento de obras entende que cun decálogo de documentos --o utilizado habitualmente para a posta en servizo en rede convencional-- é suficiente, pero Seguridade constata que "para o caso de Santiago, un encravamento novo, deberá presentarse" o ISA (Independent Safety Assesment), isto é, o informe do avaliador externo (Ineco).


Un mes despois, a Dirección de Instalacións de Control de Tráfico insiste en que só haberá ISA "para as instalacións contidas no proxecto da LAV Ourense-Santiago" e indica que non se incluirá "o novo encravamento de Santiago". Este encravamento creouse, precisamente, porque ao haber unha nova liña (Ourense-Santiago de alta velocidade) foi preciso integrala no sistema.


PIDE A RATIFICACIÓN DOS PERITOS


O avogado de Garzón, que aquel día circulaba cun exceso de velocidade a poucos quilómetros da estación compostelá xa que tivo que atender a unha chamada telefónica do interventor, tamén quere que o instrutor, Andrés Lago, tome declaración en calidade de perito a Pilar Calvo, experta en factor humano dentro da avaliación de riscos; e a Ángel Sanz, que "pode explicar perfectamente que comporta circular con ERTMS en modo self responsible".


E é que, sobre a declaración en sede xudicial do xefe de seguridade na circulación de Renfe, Antonio Lanchares, tamén investigado, Manuel Prieto critica no seu escrito, entre outras cuestións, que "omitiu e non tivo a ben explicar" aspectos derivados da desconexión do sistema 'ERTMS', que el autorizou.


Avisa, sobre iso, "a responsabilidade que se transmite ao maquinista ao circular nestas condicións", con "a función de seguridade transferida ao factor humano".


"É conducir o tren a unha velocidade de 200 km/h coa agravante de que non hai ningunha baliza asociada ás limitacións de velocidade e que non existe sinalización lateral de limitación de velocidade na vía da liña 082", explica. "Aumenta moi considerablemente un risco de exceso de velocidade", conclúe o avogado.


relacionada ​Un documento de Adif obrigaba a unha análise de risco independente no tramo de Angrois
relacionada Adif entrega dúas peritaxes para defender a seguridade na liña Ourense-Santiago
relacionada A freada de 200 a 80 quilómetros por hora antes de Angrois "considerábase normal"
relacionada En Marea acusa a PP e PSOE de atrasar o inicio da investigación do tren de Angrois

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE