Gonzalo Caballero: "Preocúpanos Galicia porque vai a peor"

O secretario xeral do PSdeG avisa de que "Galicia ten que estar no centro do debate", tanto no modelo territorial coma no financiamento autonómico.


|

Gonzalo cabaleiro abel forum

O alcalde de Vigo presentou a Gonzalo Caballero. Foto: @PSdeG


O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ve a Feijóo sumido "noutras prioridades políticas" que están a xerar en Galicia "un baleiro de poder" e quitáronlle "presenza" e "peso político".


"Preocúpanos Galicia, porque vai a peor", afirmou Gonzalo Caballero este xoves nun almorzo informativo organizado por Fórum Europa, no que estivo presentado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero. O rexedor tamén cargou contra os rumores do salto a Madrid de Feijóo, ao que acusa de facer "abandono" por ver o seu paso pola Xunta como "un simple chanzo no seu camiño político".


Abel Caballero coincidiu no diagnóstico do "baleiro político" en San Caetano, onde observa "debilidade dun goberno con maioría". Por iso, Gonzalo Caballero aposta, desde a oposición, por "marcarlle a pauta ao presidente para que atenda as necesidades dos galegos e non viva de costas á cidadanía".


Como exemplo, Gonzalo Caballero pon a nova subida das peaxes da AP-9 como consecuencia da eliminiación da de Redondela. Respecto diso, asegurou que "había un consenso" sobre a necesidade de eliminar esta peaxe pero considera que "había mecanismos orzamentarios" para tomar esta medida "sen ter que repercutir" a todos os usuarios da AP-9.


NO CENTRO DO DEBATE


O secretario xeral dos socialistas galegos, pola súa banda, defendeu que "Galicia ten que estar no centro do debate e no centro de calquera reforma", referíndose tanto ao modelo de financiamento autonómico como ao modelo territorial, debatido ao redor dunha posible reforma da Constitución.


"Os nomes preocúpannos pouco", expresou o líder socialista en referencia a se Galicia e outras comunidades deben ser referidas como "nacionalidades históricas" ou con outro termo, pero sinalou que a nosa autonomía debe estar "no pelotón de saída" en canto ás competencias que correspondan ás especificidades constitucionais das nacionalidades históricas. "Queremos o autogoberno para dar calidade de vida de forma solidaria e leal", destacou.


Na mesma liña, reprochou que na reforma do financiamento autonómico "que o Goberno non está a ser capaz de abordar", ten que estar ponderado en envellecemento e a dispersión. "Xogámonos a sanidade e a educación do futuro", sinalou. Por iso, Gonzalo Caballero  tendeu a man ao executivo de Feijóo para traballar ao servizo dos intereses dos galegos.


"SOMOS A ESQUERDA"


A nivel de partido, o líder dos socialistas galegos quixo resaltar o "galeguismo" e o "compromiso coa terra" do PSdeG. Un partido que non hai nin 100 días que comezou o seu proceso de "reconstruír o proxecto e recuperar o músculo". "Temos que ocupar un espazo político, referenciando desde a esquerda a oposición ao PP", proclamou.


E ante as opinións de que o partido socialista en Galicia debe virar á esquerda, Gonzalo Caballero responde que "somos a esquerda, quen queira un cambio político pola esquerda, ten o PSdeG".


RECUPERACIÓN ELECTORAL


O secretario xeral galego aposta por aproveitar un escenario no que a tendencia para o PSOE en España é de recuperación electoral para canalizar o descontento cara ao partido nas próximas convocatorias.


Para iso, o PSdeG lanzará en breve unha fundación de ideas, ao entender que "cambiando as ideas, cambiaremos a política e o futuro de Galicia". Esta fundación aínda non ten nomeado un presidente, e ante as voces que sinalan ao ex presidente Emilio Pérez Touriño, Gonzalo Caballero asegura que "Touriño terá o espazo que queira ter no novo PSdeG", como "referente fundamental" do socialismo galego.


O líder do PSdeG sostén que asume a responsabilidade de consolidar o proxecto político para lograr recuperar electoralmente o partido, tal e como lle encomendou Abel Caballero, "sen présa, queda unha tarefa dura por facer cun horizonte de tres anos". Antes, en ano e medio, están as eleccións municipais, que o rexedor vigués lembra que "marcan tendencia" e son a primeira cita para demostrar o cambio de rumbo.


relacionada ​Gonzalo Caballero: "Con Feijóo, o mellor escenario é tentar ser mileurista"
relacionada ​Feijóo foxe do debate da súa sucesión, pero cre que será "máis fácil" que a de Fraga
relacionada ​Ana Pontón: "Feijóo está a facer que Galicia quede atrás"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE