A Xunta, sobre a mina de Touro: "Non imos paralizar unha actividade que a lei permite"
O conselleiro alega que "os perigos" denunciados non existen e atribúe as críticas a motivos unicamente ideolóxicos.
Mina abandonada de Touro-O Pino. Foto: Adega
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou que a Sociedad Cobre San Rafael conta cos "permisos pertinentes" para realizar unhas sondaxes que levan realizando "30 anos" na mina de Touro e acusou a En Marea de "estar en contra" da minería e do emprego no sector por motivos "ideolóxicos".
Francisco Conde pronunciouse deste xeito no Pleno da Cámara galega, onde respondeu a unha pregunta formulada polo deputado Francisco Casal, quen asegurou que estas prospeccións carecen de autorización e afectan aos recursos hídricos da zona.
Sobre iso, o titular de Economía e Industria acusou a Francisco Casal de formular estas "opinións sen fundamento". "O Goberno non vai paralizar unha actividade que a lei permite", manifestou para sinalar tamén que os equipos de inspección de minas non detectaron "ningún dos perigos" denunciados polo parlamentario de En Marea.
"As críticas que vostede traslada aquí á Cámara teñen como único fundamento a ideoloxía do seu grupo, a posición do seu grupo en contra do sector mineiro e en contra do emprego no sector", sinalou.
Escribe o teu comentario