A Xunta culpa a José Blanco da subida das peaxes tras asinar outra o martes

Feijóo e Ethel Vázquez defenden o último acordo con Fomento para compensar a supresión da peaxe de Redondela, contastado pola oposición polas súas consecuencias.


|

RajoyRandeFeijóo na inauguración das obras da ponte de Rande.


Só un día despois de aceptar na Comisión Mixta da autoestrada AP-9 unha nova subida das peaxes na principal vía de comunicación galega, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, culpou da subida anual do 1% das peaxes da AP-9 durante 20 anos ao exministro de Fomento e eurodeputado socialista, José Blanco, ao asegurar que "optou pola opción máis gravosa e prexudicial" para Galicia.


Ethel Vázquez pronunciouse deste xeito en resposta a unha interpelación formulada polo deputado de En Marea Manuel Lago, que denunciou que "Audasa" está preto de "bater un récord mundial" co "incremento das peaxes da AP-9 catro veces nun só ano". Todo iso despois de que o martes Fomento aceptase a supresión da peaxe de Redondela, que se compensará na tarifa xeral da AP-9.


"Non me parece correcto que lle traslade esa responsabilidade á Xunta", asegurou a conselleira na súa resposta. Así, aínda que recoñeceu que as ampliacións desta vía "hai que pagalas", considerou que "hai diferentes alternativas" para facelo.


Fronte a iso, deixou claro que a Xunta "seguirá defendendo que as obras se financien con cargo aos orzamentos do Estado", o contrario ao acordo asinado o martes.


"ATRACO" E "ESTAFA"


En fronte, o parlamentario de En Marea Manuel Lago cualificou a situación da autoestrada de "escándalo, roubo, atraco a punta de peaxe. Pode elixir o nome que queira".


Na súa intervención, Lago tamén denunciou que os desta autoestrada son "as peaxes máis caras de España" e que Audasa é "a empresa que ten o maior número de reclamacións presentadas por usuarios" e "o menor número de empregados".


Pola súa banda, a portavoz do Bloque, Ana Pontón, volveu a incidir en que as peaxes son "unha estafa". Na súa intervención, a dirixente nacionalista, que denunciou que cruzar de norte a sur Galicia a través da autoestrada ten un custo de 23 euros.


"EQUIDADE" PARA OS USUARIOS


O presidente da Xunta, en cambio, defendeu a supresión da peaxe no tramo Redondela-Vigo, a pesar de que supoñerá unha nova subida das tarifas da autoestrada AP-9 que soportan o resto de usuarios.


"O que onte (por este martes) acordamos é devolver a equidade a Galicia", proclamou Feijóo.


Feijóo incidiu en que as peaxes van subir polas obras de ampliación da AP-9 que se pactaron cun goberno socialista. Aínda que estas obras son só unha parte da peaxe, o resto é polo IPC e polas bonificacións de Rande, que se pactaron coa ministra Ana Pastor.


"PEAXES INSOPORTABLES"


A deputada de En Marea no Congreso Yolanda Díaz cualificou de "roubo aos galegos" que o Ministerio de Fomento liberalice unicamente "un pequeno tramo" na Autoestrada do Atlántico (AP-9), mentres se pagan "peaxes insoportables" no resto. Fronte a iso, defendeu que esta autoestrada sexa "galega, pública e gratuíta" por ser a única vía de "centralidade" entre o norte e sur de Galicia e con Portugal.


"A política de Fomento é liberalizar pequenas peaxes para despois facer negocio por detrás", denunciou a deputada de En Marea ao cuestionar a decisión de compensar a eliminación desta peaxe coa tarifa que se paga no resto da AP-9.


CABALLERO, SATISFEITO


O alcalde de Vigo, en cambio, asegurou estar "encantado" e "inmensamente satisfeito" pola eliminación da peaxe, aínda que apuntou que "queda unha cousa por resolver: A saída desde Buenos Aires ao centro da cidade".


En declaracións aos medios este mércores, Caballero remarcou que "xa ía sendo hora" de que se eliminase esta peaxe, porque "había unha penalización nas peaxes da zona" de Vigo, que eran "as máis altas e tiña "as menores exencións de Galicia". "Por tanto, empézase a facer xustiza", remarcou, pedindo que a supresión sexa "canto antes, mañá mellor que pasado".


Igualmente, a portavoz do PP de Vigo, Elena Muñoz, considerou que a supresión da peaxe é "unha extraordinaria noticia para Vigo, Redondela e a área" metropolitana.



relacionada Veciños de Teis e Chapela apostan por manter a presión polas súas demandas
relacionada ​As peaxes da AP-9 subirán outra vez para que o tramo entre Vigo e Redondela sexa gratis
relacionada A Xunta trasladará a Fomento “unha alternativa viable” para suprimir a peaxe Redondela-Vigo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE