​Liberdade baixo fianza para os policías detidos por roubar armas

A xuíza ve indicios de roubo con forza, tenza ilícita de armas e revelación de segredos e investígaos tamén por homicidio.


|

Policia nacional furgon


O Xulgado de Instrución Número 3 de Ourense acordou a posta en liberdade baixo fianza dos dous axentes da Policía Nacional detidos o venres en relación coa desparación de armas do depósito da Comisaría ourensá e a morte dun axente.


Segundo informaron fontes xudiciais, a maxistrada impúxolles a cada un deles, tras pasar a disposición xudicial pasadas as 21,00 horas do domingo, unha fianza de 60.000 euros, que terán que aboar nun prazo de cinco días, ademais da obrigación de comparecer ante o xulgado de Instrución máis próximo ao seu domicilio todos os días, a prohibición de saír do territorio nacional e a consecuente obrigación de facer entrega do pasaporte.


A maxistrada entende que non está xustificado acordar o seu ingreso en prisión debido ao seu arraigamento familiar e patrimonial, ao non concorrer perigo concreto para a alteración, ocultación ou destrución de fontes de proba relevantes, salvo o que xustifica o mantemento dunha pequena parte da instrución como secreta.


Ademais, indícase no auto que non cabe a posibilidade de actuar "contra bens xurídicos da vítima nin concorrer elemento algún que permita inferir que os investigados vaian cometer outros feitos delituosos".


DELITOS


Do actuado na causa, a xuíza entende que existen indicios da comisión "de forma conxunta e planificada", entre maio de 2014 e abril de 2016, dos delitos de roubo con forza, tenza ilícita de armas, revelación de segredos, simulación de delito do artigo 457 do Código penal, acusación ou denuncia falsa e inxurias e calumnias.


Así mesmo, aos dous policías investígaselles por un suposto delito de homicidio en relación ao axente falecido na Comisaría da Policía Nacional Ourense.


Para acordar a detención dos investigados, a titular do xulgado tivo en conta as inspeccións oculares practicadas, informes periciais de balística, do Instituto de Toxicoloxía e de ADN, entre outros; ademais das declaracións testificais tomadas na causa, fotografías, relación de chamadas e comunicacións, así como documentación bancaria.


Desde o arresto, procedeuse ao rexistro de varias vivendas relacionadas cos sospeitosos, situadas en Toén (Ourense), Ávila, Coslada e Ribeira, entre outras dilixencias de investigación.


Antes de que se producise a comparecencia ante a xuíza alzouse de maneira parcial o segredo das actuacións co obxectivo de que as partes puidesen acceder ao contido da causa antes dos interrogatorios. As mesmas fontes xudiciais puntualizaron que os investigados só quixeron responder a unhas preguntas expostas pola súa defensa.


relacionada Pasan a disposición xudicial os policías detidos pola morte dun axente
relacionada Detidos dous policías por roubo de armas e a morte dun axente

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE