​Os concellos fan balance dos danos provocados polo temporal

Paseos, praias e instalacións costeiras recibiron a maior parte das incidencias estes dous días.


|

Temporal ondas mar


A costa galega recupera progresivamente a normalidade tras a intensa xornada de alerta vermella no mar vivida este mércores e laranxa este xoves, con ondas que superaron os nove metros de altura e que chegaron a provocar danos en diversas instalacións costeiras, paseos e zonas próximas ás praias.


Técnicos dos concellos do litoral galego atópanse cuantificando os danos rexistrados e poñéndose en contacto co departamento de Costas para analizar a situación tras a incidencia meteorolóxica. A pesar diso, non houbo que lamentar perdas humanas nin desfeitas importantes, salvo contadas excepcións.


Os principais danos déronse na zona de Cariño, onde o forte vagallón derrubou "entre 30 e 40 metros" do espigón de formigón do porto, un problema que se volveu "cíclico" e que se reproduce cada vez que se dan ondas que superan os oito metros.


Segundo trasladou a Europa Press o alcalde, José Miguel Alonso Pumar, a auga tamén levantou "unha parte importante do asfalto" próximo e danou algunhas embarcacións auxiliares e lanchas pequenas, ademais de en algún acceso de praia, escaleiras e no aparcadoiro da zona de Fornos.


UNHA MOZA FERIDA


En Ortigueira, pola súa banda, unha moza resultou ferida mentres paseaba pola praia de Morouzos, despois de caerlle encima un tronco dunha árbore que fora levantado por unha onda moi forte.


Segundo trasladou o alcalde, Juan Vicente Penabad, a situación "foi complicada", aínda que a moza se atopa en bo estado. A maiores, non houbo que lamentar desfeitas importantes, salvo uns rolos de madeira destinados a protexer as dunas) movidos pola ondada na zona de Espasante


O MAR CHEGOU A PASEOS MARÍTIMOS


A cidade da Coruña rexistrou diversos cortes de circulación polos golpes de mar nas vías do paseo marítimo, nas que o vagallón danou lousas, levanto asfalto e bancos entre as Escravas ata o Obelisco. As zonas de praia mantéñense pechadas este xoves.


Outras localidades, como en Cedeira, rexistráronse inundacións na Casa do Mar e a auga chegou a exceder os límites dos muros de formigón do paseo, mentres en Valdoviño afectou ás dunas da lagoa Frouxeira e os técnicos municipais tiveron que desmontar unha pasala para evitar que a tragase o mar.


LITORAL DE LUGO


No caso dos municipios da costa de Lugo, a maioría dos concellos rexistraron danos menores, case todos localizados nas zonas de praia e paseos marítimos.


En Barreiros, resultou danada unha pasarela do paseo marítimo en Remior e unha escaleira de baixada fronte ao cámping da Gaivota, na praia de Balea, ademais dos baños da Fontela.


O alcalde, José Alfonso Fuente Parga, destacou que a auga "sacou moitísima area en todas as praias", aínda que de momento non teñen cuantificado os danos totais.


En Foz, doutra banda, resultaron danados cantís das praias e zonas próximas e algún descalce en paseos marítimos e no pavimento, "pero cousas menores", segundo engade o rexedor Javier Jorge Castiñeira, quen destacou o bo estado do Castro de Fazouro a pesar das grandes ondas rexistradas.


Tamén resultaron afectadas zonas de praia en Cervo ou Xove, sobre todo por areas arrastradas polo mar, e deuse algún desbordamento de auga en Viveiro. Mentres, no Vicedo. resultou danado a ponte que cruza o río na zona de Area Grande.


relacionada O peor do temporal deixa ondas de case dez metros na costa da Coruña
relacionada A alerta na costa baixa ao nivel laranxa aínda que segue o forte vagallón

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE