Adrián: "O Madrid é o Madrid aínda que non estea no seu mellor momento"
O dianteiro do Dépor defende que o equipo deu un paso adiante e que se podían sacar máis puntos cun pouco de fortuna.
Adrián chama a apertar desde o principio. Foto: RC Deportivo
"Os últimos dous partidos, se tivésemos un pouco de fortuna, podiamos gañar". Adrián valora así as últimas actuacións do Dépor, ao que ve que "cada vez está a competir mellor".
O dianteiro branquiazul, cedido polo Porto, defende que "nestes dous últimos partidos o equipo deu a cara e poderíanse sacar máis puntos". Por iso reclama "estar moi serios" no Bernabéu.
"O Madrid é o Madrid aínda que non estea no seu mellor momento", avisa Adrián, que lembra que "ir ao Bernabéu sempre é complicado, aínda que non estean a sacar bos resultados".
O xogador chama a "dar o cento por cento" desde o principio, materia pendente para o Dépor, porque os brancos "sempre saen forte e se che fan gol pronto, pónselles de cara o partido".
Sobre o partido ante o Valencia, recoñece que "persoalmente sei que fallei, Rubén sabe que se lle escapou o balón e son cousas que pasan no fútbol, non hai que darlle moita máis voltas, hai que tratar de que non volvan pasar".
Escribe o teu comentario