Feijóo volve do "mini tour ministerial" sen "moito que contar"

A oposición repróchalle falta contundencia en materia de finanaciación autonómica. Villares censura que só vaia a "recibir instrucións".


|

Montoro feijoo facenda


Os tres grupos da oposición coincidiron este martes ao mostrar as súas críticas á visita deste martes presidente da Xunta a varios ministerios do Goberno por considerar que delas "non sairá nada" positivo para os galegos.


Nas comparecencias ante os medios tras a reunión da Xunta de Portavoces, a primeira en cargar contra estes encontros, que cualificou de "mini tour ministerial", foi a líder do BNG, Ana Pontón. "Son flor dun día pero non van significar cambios reais na situación da país, na mellora da vida dos galegos", manifestou.


Así mesmo, criticou que Feijóo aínda non lles dese a coñecer aos grupos da oposición as propostas que levará ao Goberno central en materia de financiamento autonómico. "É un escándalo que, a estas alturas, aínda non haxa nin un só documento oficial da Xunta remitido á Cámara no que se explique con claridade cal é o modelo de financiamento que defende Feijóo", denunciou.


SEN MOITO QUE CONTAR


Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, mostrouse "escéptico" sobre esta visita a tres ministros. "Cando se tratan de encontros restrinxidos só para medios gráficos moito tememos que non teñan moito que contar", expresou o socialista, que reclamou "dilixencia e contundencia" a Feijóo na "densa dos intereses de Galicia".


Nesta liña, Leiceaga suxeriulle ao máximo mandatario autonómico que "saque a bandeira de Galicia" e poña os intereses da Comunidade por encima do seu "futuro persoal" para, por exemplo, garantir unha mellor posición na reforma do sistema de financiamento.


RECIBIR INSTRUCIÓNS


Na súa comparecencia, o portavoz de En Marea, Luís Villares, cargou con dureza contra o presidente da Xunta, ao que definiu como un "pagafantas" que "o único que fai" nas súas visitas a Madrid "é recibir instrucións sobre o que ten que dicir" como, por exemplo, "en materia de financiamento".


O maxistrado lucense en excedencia tamén censurou a "incompetencia" do presidente popular que, na súa opinión, se mostra no feito de que, por exemplo, "non lle plante cara" a Montoro pola súa "chantaxe do condicionamento do financiamento" a que "se aproben" os orzamentos xerais para 2018.


"Non podemos esperar nada positivo porque non temos ningunha pista no pasado que nos faga intuír que vai pasar algo no futuro", resolveu Villares.


"INCOHERENCIAS DA OPOSICIÓN"


Enfronte, o portavoz parlamentario dos populares galegos censurou que a oposición asegure que o presidente "non fai nada" para defender os intereses de Galicia e "ao mesmo tempo o critique cando realiza unha viaxe na que ten unha axenda de traballo moi completa". Por iso, cargou contra as "incoherencias da oposición que critica unha cousa e a contraria nun lapso de dous minutos".


Ademais, Pedro Puy deixou claro que Núñez Feijóo "sempre defende os intereses de Galicia" e que "o fai a todos os niveis". "Son reunións de traballo positivas" como "é positivo que nesta viaxe o presidente non só teña contactos co Goberno central senón tamén con outros representantes autonómicos", sinalou.


PATROCINIOS DO XACOBEO E FINANCIAMENTO


De momento, o único anuncio que transcendeu é o do compromiso de Montoro de estender de dous a tres anos a bonificación fiscal para os patrocinadores do Xacobeo 2021.


Sobre o modelo de financiamento autonómico, o presidente da Xunta entregou a Montoro o documento elaborado pola comisión de expertos e fixo fincapé na necesidade de revisar o sistema pensando nos servizos que se prestan ás persoas e no seu custo, apostando por un sistema de financiamento baseado "na multilateralidade", que teña en conta variables como a dispersión ou o envellecemento.


Feijóo trasladou tamén ao ministro a necesidade de que as diferenzas no endebedamento entre as comunidades non sexan un elemento definitorio para a asignación do financiamento. "Os galegos non comprenderiamos que, despois dos importantes esforzos que fixemos para garantir a estabilidade orzamentaria nos anos da crise, o novo sistema premiase a aquelas que incumpriron", subliñou.


relacionada Novos rumores sitúan a Feijóo na próxima reforma do Goberno de Rajoy
relacionada ​Feijóo recoñece "dificultades para manter" os fondos no financiamento autonómico
relacionada A oposición carga contra as "escusas" para vender un novo atraso do AVE galego

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE