Laureano Oubiña reclámalle un euro de indemnización a Carmen Avendaño e que se desdiga

|

LaureanooubinhaespaldasLaureano Oubiña, nun xuízo.


A vista previa pola demanda interposta por Laureano Oubiña contra a presidenta da fundación Érguete, Carmen Avendaño, por un presunto delito contra a honra finalizou sen acordo tras manter a responsable do colectivo antidroga as súas acusacións contra o narcotraficante cambadés. Deste xeito, celebrarase xuízo o 27 de febreiro.


A presidenta de Érguete, que acudiu este martes aos xulgados de Vilagarcía, negouse a rectificar as súas declaracións nas que aseguraba ter constancia de que o narco traficara con outro tipo de substancias ademais do haxix e do cannabis. Pola súa banda, Laureano Oubiña, quen non acudiu persoalmente á vista e delegou a súa representación no seu avogado, opúxose á retirada da demanda ao non desdicirse a acusada.


Ante a imposibilidade de chegar a un acordo a xuíza que instrúe o caso fixou a data de celebración do xuízo para o 27 de febreiro. Aí si deberán acudirse tanto demandante como demandada.


DISPOSTO A RETIRAR A DEMANDA


Tras a celebración da vista previa, aínda ás portas dos xulgados, o avogado de Laureano Oubiña sinalou que a vontade do seu cliente era a de retirar a denuncia no caso de que Carmen Avendaño recoñecese que foran unhas declaracións desafortunadas. "Como non foi así, ratificámonos na nosa demanda porque entendemos que atentou contra o seu dereito á honra", sostén.


Gerardo Gayoso di que o seu cliente "admite, porque así é público e notorio", a súa condena por tráfico de haxix.


UN EURO DE INDEMNIZACIÓN


O avogado de Laureano Oubiña asegurou que, ademais dunha rectificación pública, na súa demanda solicítanlle a Carmen Avendaño unha indemnización de tan só un euro. "Nós non queremos facer negocio con este caso, pero por lei é obrigatorio cuantificala", explica.


Gerardo Gayoso engadiu que no caso de que a xuíza fallase a favor da acusación e ditaminase unha indemnización de maior contía "esta sería doada á asociación San Francisco de Asís de axuda aos toxicómanos".


AVENDAÑO NON SE RETRACTA


Pola súa banda, a presidenta de Érguete, Carmen Avendaño, xa anunciou á súa chegada aos xulgados vilagarciáns que non tiña intención de retractarse nin de chegar a ningún tipo de acordo. "Non teño o sentimento de ofender a este señor. Dixen o que dixen, mantéñoo e sostéñoo. Se fixen algunha manifestación non foi ofensiva, senón baseada en feitos reais", afirmou.


Carmen Avendaño recoñeceu que nas súas declaracións falou de que Laureano Oubiña traficara con outras substancias, pero segundo explicou este martes referíase "ao tabaco". "En ningún momento mencionei a cocaína, a heroína, nin ningún outro tipo de drogas", agrega.


Ás portas do xulgado Avendaño ratifica a súa sensación de que a denuncia ten como causa unha animadversión persoal. "Eu sempre son a que lle poño voz a estes temas, pero o señor Oubiña tamén debe saber que a sociedade galega está moi sensibilizada grazas aos movementos sociais e que son repudiados polas súas actividades", subliña.


Tras a celebración da vista previa a presidenta de Érguete volveu insistir en que as súas declaracións no xuízo do 27 de febreiro serán "exactamente as mesmas" que fixo este martes. "Non me vou desdicir de nada do que dixen e que a xuíza estime o que considere oportuno", deixa claro.


Finalmente, Avendaño asegura que a intervención durante a vista do avogado de Laureano Oubiña: "Non é que me fixera precisamente cambiar o meu posicionamento".


relacionada Vendida a mansión de Laureano Oubiña en Vilagarcía por 245.210 euros
relacionada O histórico nacotraficante Laureano Oubiña sae da prisión
relacionada Laureano Oubiña queda en liberdade condicional

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress