Os transportistas reclaman entendemento entre Caballero e a Xunta

|

Camionescarretera


A Xunta de Galicia advertiu de que a solución á próxima restrición do tráfico pesado na cidade de Vigo, anunciada polo rexedor Abel Caballero, "non está nin moito menos" en mans da administración galega, e acusou ao alcalde de crearlle "un problema" ao colectivo de transportistas, que á súa vez reclamaron máis "entendemento" e menos "enfrontamentos" entre as administracións para atallar o conflito.


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, reuníronse este luns co presidente da Asociación Provincial de Transportes Discrecionais de Mercadorías de Pontevedra (Asetranpo), Ramón Alonso, ademais do delegado territorial de Vigo, Ignacio López-Cháves.


O encontro estivo marcado pola decisión do Goberno vigués de prohibir, a partir do 1 de febreiro, o paso de camións de cinco eixos pola rúa Sanjurjo Badía, na parroquia de Teis, a vía habitual de transito destes transportes entre o Porto e as industrias da zona.


En declaracións aos medios, Alonso advertiu de que esta situación supoñería para o sector ter que utilizar a autoestrada AP-9 para ir desde Redondela ao Porto, co consecuente pago da peaxe e ter que facer 15 quilómetros máis. Esta situación agravaría os custos para estes traballadores, que poderían elevarse entre un 10 e un 20 por cento por cada transporte.


Desde a Xunta trasladáronlles que se trata dun problema "de competencias" e que a solución debe partir do Goberno local, aínda que Alonso cre que o "ideal" sería que as administracións "chegasen a un entendemento".


En concreto, unha alternativa trasladada polo rexedor pasaría pola construción de accesos na Avenida Buenos Aires que permitan entrar e saír da autoestrada nese punto para ir ou vir do Porto. Unha solución que "podería ser válida" a ollos de Asetranpo, pero que requiriría dese "entendemento" entre administracións, sobre todo con Audasa e o Ministerio de Fomento.


"En todo caso levará tempo. Pero é verdade que se se inicia algún tipo de actuación se cadra as medidas drásticas xa non son tan drásticas", considerou Alonso.


"UNHA MÁIS" DE CABALLERO


O Executivo galego trasladoulles aos transportistas o compromiso de traballar conxuntamente co Ministerio de Fomento para buscar unha fórmula para actuar na peaxe entre Vigo e Redondela e reiterou a súa "plena disposición" para colaborar na remodelación de accesos urbanos da cidade.


En declaracións aos medios, Rueda arremeteu contra o rexedor vigués por "crear un problema" e pretender que os prexuízos xerados "os solucionen outros", advertindo de que é o Goberno de Vigo o que "ten capacidade e competencia" para ofrecer unha solución aos transportistas afectados.


relacionada Restrición "total" para o tráfico de vehículos pesados pola rúa de Sanjurjo Badía

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress