​Polo bosque autóctono e para "pararlle os pés ao eucalipto"

|

Eucalipto 2


Este xoves foi presentada ao público unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais, co obxectivo de "pararlle os pés ao eucalipto".


Un grupo de colectivos impulsores desta ILP anunciaron, en rolda de prensa en Pontevedra, a recollida de 10.000 firmas para poder presentar no Parlamento unha lei para "salvar o bosque galego do lume e dos eucaliptos".


Apoian esta iniciativa a CIG, Fruga, a Organización galega de montes en man común, Adega, Irmandade Illa de Tambo, Asociación Monte Pituco, Umia viva, as Federacións de asociacións veciñais Castelao e Teucro, APDR e Vaipolorío, entre outros colectivos.


FIRMAS E CHARLAS


A campaña de recollida de firmas prorrogarase ata o próximo 24 de marzo. Así, instalaranse mesas informativas en zonas concorridas da cidade para que a cidadanía que estea de acordo coa proposta poida secundala coa súa firma, organizaranse charlas para dar a coñecer a situación actual dos montes e promoveranse mocións nos plenos dos concellos e nas deputacións.


A ILP propón unha moratoria do eucalipto, que se impida que o monte sexa unha "polvoreira", a rexeneración das áreas ocupadas por plantacións forestais non procedentes, a creación de franxas de seguridade e reservas ecolóxicas de frondosas e diversas medidas para a recuperación do bosque autóctono, un inventario da situación actual e unha planificación futura.


Segundo explicaron os promotores da ILP, o que se pretende é compatibilizar os aspectos produtivos do monte coa conservación dos hábitats naturais, particularmente dos bosques autóctonos, historicamente degradados e cada día máis diminuídos en relación coas plantacións de árbores de crecemento rápido.


MORATORIA


Esta ILP propón que, seguindo o exemplo de Portugal, se aplique unha moratoria para as novas plantacións de eucalipto e se erradique de espazos protexidos, das terras de alto valor ecolóxico e das áreas pertencentes á Rede Natura.


Os promotores desta iniciativa lexislativa popular denuncian o abandono do medio rural e das terras agrarias para a súa posterior eucaliptización, do que responsabilizan as políticas da Xunta, e sinalan que un de cada cinco metros cadrados de chan galego está ocupado por un eucalipto, un monocultivo pensado para abastecer a ENCE, indicaron.


relacionada Unha vintena de organizacións galegas piden vetar os eucaliptos nos fondos europeos
relacionada A maior papeleira portuguesa fíxase en Galicia para se asegurar eucaliptos
relacionada Cales son as árbores que máis arden das que hai nos montes galegos?

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress